viernes, febrero 05, 2010

Lizstomania, PHOENIX

Para min este disco dos franceses Phoenix "Wolfgang Amadeus Phoenix" é o mellor disco de pop do pasado ano, con cancións magníficas , potentes cheas de ritmo e bailables.

Debo dicir que non os coñecía salvo por algunha canción como unha que estaba na BSO de "Lost in Traslation" pero no último mes é un disco recurrente cheo de forza optimista e alegría, creo que é unha boa canción para un venres previo a uns festeiro e lalinense fin de semana



De propina a magnífica "Too Young" que lle debeu gustar a Sofia Coppola en directo na TV francesa

A Feira do Cocido 2010


Un ano mais o día de exaltación de Lalín e a súa comarca xa esta aquí e van 42. Non vou falar moito dun dos días grandes da nosa vila pois non tería moito mais que dicir con respecto ao escrito o pasado ano , salvo algo que sí me parece realmente importante alomenos no meu ámbito persoal pois será o primeiro Cocido sen o inventor da Feira, o meu avó Licho.

Certamente a feira deste ano preséntase tan atractiva como as anteriores e os mesmos defectos dalgunhas das previas. Sigo pensando que o Mes do Cocido é un magnífico invento que permite degustalo fora da Feira e que os hosteleiros de Lalín contan con mais posibilidades de negocio, que , por certo, deben tratar de facer con cariño e profesionalidade para non morrer de éxito como ten pasado noutras festas gastronómicas. O Cocido de Lalín é máxico e saudable, pero hai que facelo con cariño e a prezo, pois en Galicia hai moitos cocidos bos.

Sen dúbida o cartel deste ano está a pasar con mais pena que groria , a pregoeira é xa un terceiro ou carto prato e nótase aínda que é evidente que terá o seu tirón polo menos do bando masculino. Como é habitual na vila, a política tamén terá a súa relavancia na Feira, qué manía dos políticos querer ser protagonistas!, cando todo o mundo sabe que o protagonista é o porco...????

Como novidades a proposta programación extraoficial con algún interesante concerto como o de Skarmento ou a subida o domingo de Sto Torrisco para o Antroido .Tamén destacar a homenaxe ao vello político lalinense Tuno Valdés na tarde do sábado que desexo estea ben concurrida.


Eu como todos os anos penso desfrutar dun Cocido o sábado e outro o domingo, dos paseos con amigos de casa e de fora pola vila se o tempo o permite , se non a calor das tabernas servirá de refuxio, de aplaudir aos de Cercio como a tradición das carrozas manda (haberá sorpresas?) e tratar de esquecer como se seguen a entregar os Premios que levan o nome de Álvaro Cunqueiro nunha gala totalmente inadecuada ao prestixio do noso escritor e gastrónomo...


Achegádevos a Lalín, non ides saír defraudados, papar un Cocido é unha experiencia máxica se o fas en medio da festa que ese día é Lalín.

Videoreceita: Faisáns braseados con viño doce e uvas

Non sei se pode parecer complicada ou sinxela, pero xa podo dicir que quero a estas aves ou elas me queren a min pois collinlles o punto e da caza é a miña especialidade logo de 3 preparacións bastante similares.
Neste caso xoguei co doce-ácedo da mestura de 2 viños do Sur, o doce do Montilla-Moriles e o punto agrio dun vinagre vello de Xerez, as uvas para darlle un punto de frescor ao prato e tamén porque foron o último prato consistente do 2009.
Algunhas recomendacións: as aves teñen que estar libres de plumas, poden precisarse unhas pinzas para arrincarlle as mais miúdas. Para douralas prefiro a manteiga ao aceite de oliva, excepción á miña tradición na cociña, aínda que logo lle engada unha culleriña para as verduras. Convén facelas lentiñas e non movelas moito, pois ao poñerse tenras coa cocción lenta podémolas desfacer.
Para acompañar eu so usei un simple puré de patacas , a salsa e as ceboliñas. Penso que é suficiente e resalta os sabores. Sei que a prsentación non é a mellor, pero as urxencias do derradeiro día do ano e o número de comensais non me permitiron prestarlle mais adicación.

Unha delicia: "El árbol del pan" , Flavio Morganti




OLLO:As fotos non reflexan fielmente a altísima calidade artística do libro


Considero este libro unha delicia. Non so polo evidente, non. Este novo libro de F. Morganti é un exercicio de homenaxe á cociña con orixes e raíces no mais profundo da terra e as tradicións.
Desque un toca a súa portada fermosa de cores e relieves a todo o seu contido interior. Flavio Morganti , do mesmo xeito que en Vacas o seu anterior libro, so trata de facer unha exaltación dun producto común , a castaña , en moitos lugares do mundo, cun cariño especial por Galicia a súa terra de adopción.
Reinvindicando o papel do artesán da cociña, mais que o pretencioso de cociñeiro estrela, vai tecendo unha loubanza da castaña , vida e fazañas, ao mesmo tempo que nos vai enredando con fabulosas receitas que consiguen abrir o apetito e mesmo sair a buscar un souto de castiñeiros para buscar a compaña dos ourizos...
O libro é visual e ilustrativamente fabuloso, un fermoso diseño que demostra unha evidente sensibilidade artística, da que non hai dúbida que Morganti ten a pouco que pasemos as follas. Pode ser que as fotografías de Xurxo Lobato axuden , é evidente...
No libro Morganti vainos levando polo mundo da castaña, as tradicións, os magostos, rememorando relacións da castaña con artistas e persoeiros como Neruda, Lorca, Cunqueiro, Sócrates , Ludovico Sforza ou Da Vinci ...e ao mesmo tempo sedúcenos con propostas de receitas como unhas sinxelas pero apetitosas Fabas de Lourenzá con castañas, un orixinalísimo Toblerone de Foie con castañas...e logo volve falarnos do cultivo do castiñeiro, da orixe do froito...
A súa influencia italiana aparece nuns fabulosos Gnochi de castañas para logo trasladrnos ao xogo de aromas e falarnos das particularidades da madeira de castiñeiro para o seu uso como barricas de viño e volta con fabulosas receitas que provocan envexa pola súa sinxela capacidade creativa como a Lubina con castañas fondente...
E como non so é salgado o mundo da castaña empezan a emerxer os postres, unha atractiva e golosa repostería que trata ao froito cunha fantástica orixinalidade como a Gelee de castañas ou o Irish chestnuts coffee. Mais a cousa non para aí e Morganti danos un paseo pola Ribeira Sacra e os seus fabulosos castiñeiros, marco no que se encrava o seu Restaurante Galileo, reverencia ao xenial e para min adorado xenio toscano.

En definitiva un libro magnífico, un regalo que agradezo enormemente, que supoño que conseguirá moitos premios como o anterior que levou unha chea de premios como o Gourmand World Cookbook Awards

Como lalinense so lle poñerei unha pega a este libro imprescindible: aínda que non puiden lelo enteiriño e pode que se me pasara, non atopei ningunha referencia aos xigantes castiñeiros da Fraga de Catasós , supoño que sería un despiste que aproveitarei para comentarlle ao autor baixándolle un Kuri Shochu Mojito (mojito de destilado nipón de castañas) en canto poida achegarme ao seu Galileo , pois xa hai tempo que é o restaurante galego que mais gañas teño de visitar. Non creo que tarde.
Gracias a Morganti por facer mais por Galicia que moitos que din ser desta terra.