lunes, marzo 08, 2010

A incrible minicociña do Aloña Berri (Donosti)


O famoso chipirón en equilibrio de mar





Traballar toda unha semana a 800 qm da casa ten que ter a súa recompensa:
Falar do Aloña Berri é falar dun dos referentes mundiais do que se ven en denominar a cociña en miniatura . Como non podía ser doutro xeito este bar de pintxos atópase en San Sebastián , cidade ben coñecida debido a que a gastronomía ocupa un lugar destacado dentro non so da oferta turística se non tamén da cultural.
Este establecemento está especializado en pintxos de alta cociña, autenticos minipratos que en ocasións conseguen dun xeito reducido a maxia das máis grandes cociñas. O Aloña Berri atópase no Barrio de Gros , zona na que os bares que se están especializando neste tipo de pintxos con outras referencias como o Bergara ,El Patio de Rauntxo ou a Taberna Donostiarra.´
O propietario e alma mater do local é Joserra Elizondo e destácase dos outros gracias a posibilidade de escoller un menú degustación dun bo feixe de pinchos incluído postre por un prezo que entra dentro do asequible.
Ao entrar o primeiro que chama a atención é a espectacular decoración da barra cos pintxos fríos apostados nela. O local non é grande, pero dispón de varias mesiñas onde degustar dunha forma pasauda esta magnífica microcociña.
Como vedes nas fotos as propostas son realmente espectaculares no aspecto visual pero tamén no eido dos sabores que sorprenden en pequenos bocados.
Eu optei por un menú degustación de 20 euros que inclúe 6 pintxos e 1 minipostre, regado con 2 copas dun suave Riesling do cal non lembro , o prezo final foi de 25 euros, axustado para as verdadeiras marabillas en miniatura que probei.

O Guiller , un pequeno ovo con verdura tostada e ovas de troita, o Capuccino de algas e pulpo, a Delicias do Ulía, pasta bric rechea de langostino e aguacate sobre salsa de porros, un ravioli chino recheo con verduriñas, a mini carrillera de terneira e principalmente o arquipremiado espectáculo do Chipirón en equilibrio de mar , un chipirón recheo de cebola confitada servido cun vasiño co prebe do propio chipirón, unha reducción de Martini que lle presta un sabor moi particular e acompañado dun cristal de xerminados e unha logradísima tosta de arroz, un pequeniño socarrat. Para o final un correcto postre de tarta de foitas con xeado que pon o peche a un desfrute gastronómica de gran categoría.

Evidentemente non todos os locais de pintxos de Donostia acadan este nivel, pero o Aloña Berri é un bar totalmente necesario para comprender o alcance que as propostas da minicociña poden lograr. Para min resultou moi gratificante a visita recomendada polo meu amigo Alfonso así coma ver que a senda desta vertente da nova cociña empeza tamén a arraigar na nosa terra