lunes, diciembre 14, 2009

Fauna nos Picos de Europa





Nunca se me puxeran tan a tiro fotográfico tantos rebecos, o pequeniño era confiado , so por cousas como esta vale a pena ir á montaña.

Unha gran canción, cociña, beleza e versículos satánicos...Internet





Non , non pretendo aumentar a audiencia poñendo de reclamo a rapazas increíbles, esto é un deses fíos que empezas a seguir por Internet e te van levando a achádegos simpáticos e curiosos.


Todo empezou cando me interesei por unha lista das mellores cancións do 2009 feita polo gran Nano do Pub Vinilo de O Grove na que estaba esta fabulosa "That look you give that guy" de Eels. Eels é unha banda americana formada polo cantante e compositor Mark Oliver Everett que xa leva moitos anos facendo discos e que agora volve cun novo CD co título de "Hombre lobo".


Pois buscando no YouTube o video da canción para escoitala por primeira vez vin que saia unha rapaza dunha apabullante beleza exótica e que debía de ser famosa ou algo similar pois o seu nome estaba na cabeceira do video. Ela é india de Madrás -coma o mellor curry- e chámase Padma Lakshmi, ten sido modelo , actriz e sorprendentemente presentadora dun programa chamado Top Chef , autora de exitosos e premiados libros de cociña nos USA , conductora do programa Planet Food no Discovery Channel...polo que a relación da temática está máis que xustificada en Paparevivir.


Pero ademais Padma ten sido muller do perseguido escritor Salman Rushdie e mesmo se di que o escritor nunha das súas novelas a enmascara noutra personaxe para relatar unha das peripecias da súa ex-esposa cando nas rúas de Manhattan provocou un accidente polos despistes dos conductores ao vela pasar...


Desfrutade da magnífca canción de Eels.

Colleita de cogumelos e resultados

O pai de todos os champiñóns




Coprinus da "casa"

Neste ano non fixen moitos esforzos por ir buscar setas , tiven a sorte de que algunhas as topei practicamente na porta da casa e outras atravesaron a porta da man de María.
Collín Coprinus e recibín Champiñóns , como podedes ver estes eran dun tamaño e dunha calidade extraordinaria , nunca vira ningún do tamaño como o da foto.
Os matacandís cominnos en diferentes preparacións: cun toque sinxelo de prancha ou case crus e ensalada con langostinos , brotes variados e prebe de vinagre e noces.
En canto aos Agaricus , decidín que a prancha e regados cun prebe de allo, aceite e perexil non precisaban de nada máis . O resultado foi impresionante.

Ensalada de Matacandís e langostinos

Tapas e fútbol na casa con amigos

Unha das mellores excusas para tapear na casa e ver un bo partido de fútbol cos amigos, o recente Barça- Inter de Milan foi unha boa ocasión con moi bos resultados...

As tapas non foron complicadas , so tratei de ter algo que sacar rápido e sen preparacións moi complicadas e aquí tedes algunhas das propostas:
- Solombo de bonito marinado con wakame en aceite de wasabi: sinxela combinación dunha magnífica preparación de bonito que podedes atopar no Hipercor combinada cos Wakame de Portomuiños e un pouquiño de aceite cun chisco de wasabi.
- Risotto de cogumelos con ruccula, noces e pementa vermella: aproveitando un risotto feito no meidiodía aportandolle a ruccula e as noces para darlle un toque renovado.
- Morunos de secreto de ibérico adobado: toque de forte de prancha para esta sabrosa peza de porco que acompañei cun prebe de mostaza e salsa de soia.

Culler de Pau, a gran novidade do ano









Cando me enterei de que en Reboredo, no Concello do Grove ,abrira un novo restaurante dunha tendencia inusual por aquelas terras foi crecendo a miña impaciencia por coñecelo . Levo moitos anos ,dende moi cativo, como visitante e namorado da Península Meca , creo ser bo coñecedor da súa restauración e sei que non engano a ninguén se afirmo que nunca destacou por ser innovadora ou rompedora. É evidente que ese conservadurismo reside en que moitos dos productos que se poden atopar por alí son únicos en calidade e a súa fama é internacional, tamén é certo que hai moi destacadas opcións na hostelería de O Grove como a infalible Posada del Mar ou o bonfacer da Taberna O Lavandeiro, dous dos meus locais favoritos.
Fora do casco urbano hai anos que a oferta se foi empobrecendo desque desapareceu o magnífico Gure Txokoa na Barrosa ou , xa hai moitos máis anos, o vello e famoso El Pirata (nada que ver co nefasto que ocupa hoxe o seu lugar)á beira do anterior. Logo existen algunhas opcións honrosas e tradicionais como algunha das tabernas de Meloxo.




Fotos: Sole Felloza

Por todo iso as expectativas creadas pola apertura do Culler de Pau eran grandes e a súa filosofía poderían parecer arriscadas pero do que sí non tiña ningunha dúbida era de que se acadaban éxitos contribuirían a revitalizar a oferta meca e atraer visitantes que fuxían da Península cara Cambados ou Sanxenxo a locais como Pepe Vieira, Yayo Daporta , Taberna de Rotilio..
E a cousa parece que foi indo adiante, a primeira impresión de éxito tivo moito que ver coa dificultade de atopar unha mesa no vran, aínda que verdadeiramente a sala non é grande . Logo xa na primeira visita sorprenderonme gratamente os seus pratos e o seu servizo. A cociña do Culler de Pau podería cualificarse como lixeira pero non frugal . Os puntos de cocción dos ingredientes principais como carne ou peixe están coidadísimos e moi ben logrados, mantendo a textura e xugosidade das principais materias primas.
Nin que dicir ten que a especialidade do restaurante son os productos do mar tratado de entrada ao xeito xaponés (mans niponas e o gran Seiji Yamamoto seica teñen algo que ver) pero sen perder de vista a clarísima raíz galega. Pero a evidencia de que peixes e mariscos teñen unha destacadísma posición na oferta do Culler de Pau non quere dicir que os pratos de carne desmerezan na carta, propostas como o Roast Beef sobre crema de verduras, patacas e mostaza ou o Año moi tenro ,do que xa non lembro os ingredientes, dan fé desta afirmación.
Non pretendo facer un percorrido por todas as súas preparacións pero destacaría a magnífica Empanada que fan, un habitual de moitos restaurantes actuais como o Ovo a baixa temperatura, neste caso acompañado de crema afumada de San Simón da Costa , herbas e migas e por suposto o Rape ao Forno e a Merluza en caldeirada con chícharos e perlas de tapioca.

Foto: Sole Felloza
Os postres non son unha proposta menor do Culler, e así a Torrixa con crema de café ou o refrescante Sorbete de remolacha , son preparacións que elevan o alto nivel que vai acadando este restaurante. Ah!, sen esquecer os fabulosos petits fours de praliné, feitos para a gula...
Resumindo, creo que o Culler de Pau é unha das grandes novas en Galicia neste ano da crise. Espero que a pesares de ter iniciado nun ano complicado sigan coa súa gran evolución, pois teño que dicir que notei avances dende a primeira visita en agosto ata a última feita en outubro.
Por último non esquezo que o Culler de Pau está orientado cara a poniente cunha inigualables vistas sobre a Ría de Arousa co perfil da Serra do Barbanza ao fondo polo que recomendo a súa visita con luz , a ser posible as últimas do día . Por poñerlle unha pega , so dicir algo que eles xa saben, o excesivo ruido que hai no local que estou seguro que corrixirán. Por certo o servizo e atención son excelentes, os prezos están acorde co que ofrecen.