lunes, octubre 12, 2009

O Castelo de Edimburgo, unha viaxe na historia de Esocia


Vista xeral do Castelo e a rocha base


Vista dende unha torre


A entrada principal

Vista de Edimburgo dende o Castelo

O One O´Clock co gaiteiro antes do ritual

Vidro de William Wallace na capela de Santa Margarita
Non estivemos demasiado tempo en Edimburgo por un mal erro na miña planificación da viaxe, polo que quedaron moitas cousas por facer nesta cidade de conto. Aínda así puidemos facer a visita obrigada ao Castelo de Edimburgo que resultou ser unha das miñas mellores experiencias a un monumento histórico- artístico.
Moitas veces estas visitas poden ser insulsas e o único que fas e pagar por unha entrada, neste Castelo pagas por unha experiencia, non é barato , 20 euros, pero están ben pagados con audioguía incluída.
O Castelo de Edimburgo está situado nunha inmensa rocha de orixe volcánica, maxetuoso nese promontorio domina a cidade e permite unha ampla visualización da costa. Vese dende case toda a cidade , como o principal testigo da historia da urbe e de toda Escocia.
As súas orixes pérdense na noite dos tempos pero o seu estado actual comezou a forzarxe dende a capela de Santa Margarita no S XII e fundamentalmente a partires de 1367, dende aquelas son moitos os avatares que pasou este castelo dende asedios polos ingleses ata o nacemento do primeiro Rei de Escocia e Inglaterra, James VI.
O percorrido lévanos polos lugares máis destacados do Castelo empezando na súa porta de entrada do foso coas esculturas aos dous lados das figuras de Robert the Bruce, garante da Independencia de Escocia e William Wallace azote dos ingleses que penduraron a súa cabeza na London Tower. Xa no interior do Castelo subindo polas súas murallas empezase a desfrutar dunha fantástica perspectiva de Edimburgo coa Carlton Hill ao fondo e divisando todo o percorrido da Royal Mile.
As mazmorras
Porta de madeira dunha das mazmorras, cun gravado desexándolle a forca a un tal Lord Nord
Puidemos asistir ao disparo do One O´Clock que ven disparando a esa hora dende 1863 ou entrar na diminuta capela dedicada a Santa Margarita. Por todos os lados hai recoñecementos e exaltacións da historia escocesa, mesmo un pequeno museo adicado aos Royal Scots Greys do exército británico, forza de gran prestixio que nas películas bélicas sempre aparecen co seu kilt e as súas gaitas.
Encantoume toda a visita pero gustaronme especialmente as mazmorras e as súas historias, dende a recreación dos modos de vida dos presos, o trato que recibían (dietas, asitencia médica,etc) e a conservación das portas de madeira onde facían significativos gravados a machete.

Chimenea dun dos salóns principais
Actriz representando a historia do Castelo no Great Hall
Tamén hai un paseo polas zonas nobles do Castelo co Great Hall como lugar máis destacado . Mención aparte merece a Sala da Coroa coas xoias de Escocia , que durante a 2ª Guerra Mundial foron agochadas nun lugar secreto para evitar que puideran caer en mans nazis e como non A Pedra do Destiño , unha gran pedra utilizada para a cerimonia de coroación dos reis escoceses durante 400 anos que foi roubada polos ingleses en 1296 e devolta 700 anos despois.
En resumo, como podedes observar nas fotos, o Castelo de Edimburgo é unha visita obrigada e inexcusable se viaxades a Escocia, imprescindible tamén para coñecer a historia e as singularidades deste país.

jueves, octubre 08, 2009

Os últimos tomates e a primeira cabaza





Regalanme da casa de María algúns dos últimos tomates desta tempada, como podedes ver na foto, se pola súa cor e carnosidade xa meten fame que vos diría do sabor, unha auténtica marabilla, o verdadeiro e auténtico sabor do tomate que moita xente pode ter esquecido e algúns novos ata pode que non o probaran nunca.

Como podedes ver viñeron acompañados duns compañeiros pequeniños da variedade "cherry" e pola primeira cabaza da tempada, que non vale para comer por verde pero que é ben bonita.

Ante tal excedente de tomates tiven que poñerme mans a obra, e o primeiro foi facelos recheos de si mesmos con pouco chourizo ibérico fresco (magnífico, mercado no especial de Andalucía que está habendo nos Hipercor) e tapado con mozzarella e Grana Padano rallado. Non é unha grande invención gastronómica, pero si o suficientemente rico como para mollar pan ata non deixar evidencias do que había no prato.
O resto foi para unha boa salsa de tomate e algún reservado para comer fresco , que cun bo aceite virxe extra e un sal de categoría son unha verdadeira delicatessen.

martes, octubre 06, 2009

Algunhas estampas das Highlands







































Papar en Escocia


Ollando soprendido para as magníficas cigalas de Skye, Guinnes mediante


Detalle de The Witchery by the Castle


Fisherman´s Pie

Tradicionalmente consideramos o Reino Unido como un estado onde se come regular tirando a mal, a gastronomía británica non ten boa sona por estas terras e certamente sobran razóns para este argumento. Na viaxe a Escocia puiden apreciar que nese país a elaboración das comidas non é diferente a dos ingleses pero existen factores diferenciais que dan a oferta escocesa un punto interesante.
En primeiro lugar os escoceses comen peixe sen fritilo, é dicir, non todo son Fish & Chips, teñen moi bo salmón e o consumen ademais de mariscos moi interesantes. Podo dicir que na Illa de Skye comín unhas cigalas autóctonas impresionantes, xugosas e fresquísimas ,nada que envexar a algunhas das mellores de aquí, por un prezo moi bo, media ducia delas de bo tamaño non custaron máis de 10 euros, mirade a foto. Tamén probei o salmón en forma de Fisherman´s Pie (pastel de pescador) no fermosísimo "The Witchery by The Castle", un lugar único próximo ao Castelo de Edimburgo. Trátase dun local exclusivo pero que a mediodía ten menús máis económicos (Theather menu no tempo do Festival) que fan máis asequible desfrutar dun lugar encantador.

Logo en canto as carnes, Escocia é un lugar privilexiado. Son famosas as súas Angus e os seus T-Bones, a carne das "peludas" seica é moi boa pero moi cara pola súa escaseza e pequena talla; tamén destacan as carnes ovinas , años e cabritos, é certo que non hai tradición de comelos cando aínda son lechais pero son animais de gandeiría extensiva e de moi boa calidade. Tamén o venado cómese moito en época de caza e seica é moi bo, mesmo se comía ata non hai moito o "Capercaille" , a pita de monte que hoxe, tamén alí, está amezada aínda que non tan criticamente coma nestes lares.
Mención aparte merecen os almorzos, nun pequeno , barato e acolledor B&B chamado Roslyn House en Callander, 30 Qm ao Norte de Stirling, servironnos dunha tacada folgos para varios días , un almorzo bestial con alubias, patacas asadas , pastel de pataca, champiñóns, unha especie de criollo, tomate asado, morcilla, panceta...e como non Haggis, preparado tradicional escocés, vestixio de tempos de pobreza e aproveitamento, que é unha especie de embuchado cun remexido de vísceras de año (pulmón ,fígado, corazón...) mesturado con cebolas, fariña de avea, herbas , especias...unha combinación explosiva que pode parecer repugnante pero que é moi sabroso e cómese ben, iso si recomendo pequenas cantidades porque é un prato moi forte.

Polo tanto considero que a cociña esocesa non formaría parte da miña dieta diaria, pero ten productos interesantes de alta calidade que ben merecen ser degustados e de verdade se tedes a oportunidade probade os Haggis, non teñades medo
Pernil de año de Skye
Scottish Breakfast, no recipiente do fondo onde está a culler está o Haggis

lunes, octubre 05, 2009

A Illa de Skye e os lugares límite







Gusto de chamarlle lugares límite a sitios con certas cualidades comúns: alonxamento xeográfico pero abertos ao mundo , natureza salvaxe e arrebatadora, cun turismo limitado,sensación de liberdade, certo despoboamento, con historias de actividades delictivas case asumidas... En Galicia temos algún recuncho que podería entrar nesta cualificación , lugares como a Illa de Ons, certas zonas da Costa da Morte...
Gústame descubrir eses lugares porque sempre lles atopo certas similitudes aínda que pertenzan a países ou culturas moi diferentes. Nos últimos anos tiven a oportunidade de descubrir varios como Sodwana Bay no Índico sudafricano, no extremo suroriental do país, certos rincóns de Sao Miguel en Açores como Povoaçao e neste ano a Illa de Skye no Noroeste de Escocia.
Skye é unha fermosa e salvaxe illa pertencente ao arquipélago das Hébridas Interiores que linda coas Highlands escocesas. Chegar ata alí non é fácil, máis de 3 horas dende Edimburgo facendo un fermoso pero sinuoso percorrido polo que atravesamos as Highlands e lugares tan fermosos, como Stirling, Glencoe, Callander e moitos moitos lagos.

Para entrar en Skye hai que cruzar unha impresionante ponte en Kyle of Loclash deixando atrás 20 minutos antes o fermoso castelo de Eillean Donnan. Naquela paisaxe chea de canais un xa non sabe onde empeza e remata cada Illa e vemos como a medida que avanzamos cada vez hai menos casas e poboacións. Predominan as ovellas e aparecen as vacas típicas das Higlands as "hairy coo" ou vacas peludas ,en longas extensións dun verdor intenso con impresionantes montañas, hai que ter en conta que as montañas máis altas de Skye están moi próximas da liña de costa e chegan ata os 1000 m polo que a pesares de ser alturas pequenas chaman a atención pola súa maxetuosidade.
Os pobos son pequeniños, unha casa por aquí outra por alá pero sen alterar as formas doces. Nos non nos adentramos moito na Illa por falta de tempo pero puidemos descubrir unha paisaxe arrebatadora dende Broadford onde pasamos a noite. Skye está na mesma latitude que Ushuaia no hemisferio Sur como nos explicou un comerciante arxentino que vivía alí, polo que os invernos son moi duros aínda que non tanto como na Patagonia pola suavización da corrente do Golfo.
Pola noite no Pub local, entre cervexas e concerto Folk, falamos con ese arxentino que nos confesou que alí non era infrecuente o comercio un pouco alegal e contrabando, el mesmo relatou como compraba whisky en España para logo revendelo en Escocia pois era moito máis barato confirmandome máis aínda a unha das características habituais deses lugares límite.
Quedaronnos gañas de pasar máis tempo na Illa e descubrila mellor, visitar os dominios do Clan Mc Donald , achegarnos á capital Port Tree, ver focas , venados nas montañas...a verdade é que a Illa merece máis tempo e gustaríame ter a oportunidade de voltar algunha vez.
Aconsello que se algunha vez visitades Escocia e tedes tempo vos acheguedes a este lugar singular, vale a pena e teñen unhas deliciosas cigalas.






viernes, octubre 02, 2009

Josh Rouse, un luxo no Naútico de San Vicente

O que máis me sorprendeu do cartel deste ano no Naútico foi coñecer en directo a este rapaz americano que parece saído da biblioteca dunha Universidade da East Coast.
Penso que foi un luxo ter no Naútico a un artista que eu descoñecía pero que xa leva anos deixando a pegada do seu pop suave por escenarios de todo o mundo.
O seu concerto non foi moi longo pero si íntimo , con versións das súas cancións que me gustaron nalgún caso aínda máis que nos discos como o "Love Vibrations"cantado coa guitarra sen ampli entre o público, un momento único.
Este rapaz de Nashville nado no 1972 agora vive no Mediterráneo español e non escapa as influencias da súa vila natal pois se lle nota algo o country que leva dentro con toques a lo Rufus Wainwright e algo de Wilco.
Poño 2 temas un suaviño "Sweettie" e algo máis movido "Directions", tamén vos recomendo "Sad Eyes", "Quiet town" ou "Winter in the Hamptons"



Imaxes do Carnaval de Notting Hill



Dende logo non será como o de Río, pero a mañán que pasamos no Carnaval de Notting Hill en Londres demostrounos que aquelo era unha brutal e concurrida festa . Moita , moitísima xente, moita seguridade, ritmos latinos e africanos, algo de agobio pero divertimento e sorpresas aseguradas. Tamén unha certa dose de Sodoma e Gomorra.
Mellor ollar as imaxes.













Casa Blasquico, parada obrigada no "Valle de Hecho"




Sairamos de volta dende Torla xa a tardiña, rumbo cara o Oeste sen dirección fixa buscando nos maxestuosos vales pirenaicos unha parada e fonda onde recuperar forzas tras ascender o Monte Perdido e seguidamente darlle descanso ao corpo.
No camiño de Jaca a Pamplona decidimos darlle una oportunidade ao Valle de Hecho, caían lóstregos de seguido e a noite aínda que calurosa non era apacible polo que compría atopar canto antes unha pousada.
Chegamos a Hecho , capital dese fermoso val que pertence á comarca da Jacetania, e alí con certa fortuna atopamos Casa Blasquico/Restaurante Gabi (é a mesma casa) onde nos deron unha bonita habitación nunha fermosa casa tradicional e unha fabulosa cea , que colmou o apetito acumulado dos últimos días. O restaurante ten so 6 mesas e o seu comedor está cheo de lembranzas , detalles e flores, pode parecer algo recargado pero é confortable.

Deixámonos guiar pola amable camareira e de primeiro tomamos un magnífico Foie da zona, untuoso e sabroso, non esperabamos menos a escasos Qm de Francia. Logo continuamos coas especialidades da casa as Crepes recheas de setas dos bosques do Val e Verduras recheas.
As crepes eran unha delicia, o sabor dos cogumelos intenso pero sen chegar a transformarse en empalagoso , un prato, outra vez, de evidente influencia francesa ,que mereceu que non quedara nin unha pinga de salsa no prato.
As verduras recheas de carne garda a textura das diferentes hortalizas (berenxena, pataca, tomate , etc), ademais de ser unha obra de microinxeniería, pois non debe ser facil encher unhas cenouras como o fan eles, o que ven demostrar que nesa casa hai un amor evidente polos detalles e pola satisfacción do cliente.

Por último tomamos un chuletón para compartir, mala elección por sairnos das recomendacións, o tamaño non era de chuletón , a carne non estaba mala pero era para nos unha simple costeleta.

Finalmente os postres caseiros tamén estiveron a gran altura nunha magnífica cea, a pesares do erro do chuletón. Todo regado cun Enate crianza Cabernet do próximo Somontano, que é un viño dunha moi boa relación C/P. A conta foi de apróximadamente uns 40 € por cabeza, pero está claro que non foi unha cea frugal nin cara.
Logo houbo que dar un pequeno paseo polas empedradas rúas desa antiga vila, que contén fenomenais casas vellas de lousa e pedra con grandes chimeneas e balconadas formando un bonito consunto arquitectónico.
Despois de durmir,pola mañán cedo descubrimos outro dos segredos da vila, unha pandaderia-pastelería artesanal na que fan uns hoxaldres de mazá, que poucos doces tan bos probei na vida.
Por certo non so os pans e os pasteis sorprenden ao entrar nesa panadería, hai algún tesouro dourado máis...