martes, junio 23, 2009

Santo en vida


Si de verdade existen os santos Vicente Ferrer ten que ser un, o feito por este home para axudar aos parias da India non ten comparación con ningunha outra axuda ao desenvolvemento.

A nova do seu pasamento provocou moita tristeza . Dende logo as obras deste gran cooperante fannos reflexionar sobre o que é importante e redescubrir que somos seres humanos privilexiados porque hai moitos que non teñen nada, absolutamente nada e a eses axudou Vicente Ferrer.

Ex-xesuita, á Igrexa non lle gustaba o que facía o ex-soldado republicano, supoño que non o beatificarán como a Escrivá de Balaguer, pero este último tería que vivir polo menos cen vidas para facer a décima parte de ben da que fixo Ferrer.

Gústame esta frase "Nunca les hablaba de Dios, había otras prioridades".

Gracias santiño, a tí sí que che rezaría.

viernes, junio 19, 2009

God help the girl, que delicia...

En canto escoitei esta delicia musical decidín que tiña que retornar a costume de poñer música os venres.
Esta canción envolvente e suave é unha peza etérea, producto do inxenio dun dos compoñentes de Belle & Sebastian , Stuart Murdoch, rodeado dunhas rapazas con fermosas voces.
Escoitádea, o primeiro minuto e de falar pero logo pechade os ollos.
Boa fin de semana.

jueves, junio 18, 2009

Marabillas da última feira de xuño.




Para os que non o saiban en Lalín celébrase feira os días 3 e 18 aínda, habitualmente as feiras do 3 son mellores pois a xente ven coller a paga aos bancos e anda con máis cartos pero no vran esta diferencia non se nota tanto pois hai máis visitantes na vila, gran parte deles emigrantes que voltan a pasar as vacacións.
Dende logo as feiras de Lalín xa non son o que eran por moitas razóns pero aínda se poden atopar productos de alta calidade e artesanais, máis neste tempo de primavera no caso dos productos da horta.
Hoxe paseime por alí para mercar uns pementos e un pouco pan de broa cando me atopei cuns chícharos tan grandes como garbanzos nun dos postos que sempre teñen cousas da casa.
Cando cheguei a casa non me puiden resistir a facelos xa e para variar un pouco a clásica preparación con xamón decidín facelos cuns boletos rehidratados e un ovo da casa fritido. So podo dicir que a preparación final superou todas as miñas expectativas , a mestura do frescor duns chícharos únicos coa sabor delicada dos fungos e a cremosidade do ovo foi toda unha explosión de sensacións gustativas. Había tempo que non estaba tan contento cunha receita miña, aínda que o mérito era dos magníficos chícharos ademais do acompañamento do pan de broa.

Hai a quen non lle gustan as feiras de sempre das vilas, so por estes chícharos eu defendereinas sempre.

Peñalba de Santiago, a súa igrexa e os Aquilianos












Escrituras nunha das portas laterais da igrexa


Collendo de Ponferrada cara o Sur cóllese o camiño dos maxestuosos Montes Aquilianos que pechan o Bierzo polo Sur e que serviron de toma de auga aos romanos para perforar e derrubar as montañas das Médulas. Para chegar ata eles hai que percorrer pequenas estradas de montaña que nos levan por un fermoso val, chamado do Silencio, que neste entretempo entre a primavera e o vran mostrábase espléndido.

So coñecía esta zona de oídas e dende logo non sabía nada da última aldea , Peñalba de Santiago que é conxunto histórico-artístico, perfectamente coidada e restaurada ao pé dos cumios de máis de 2000m. Polo que nos contaba un vello pastor da zona, aquelo viveu no aillamento e ata hai uns corenta anos alí non chegaban os coches , pero parece que si chegara San Genadio no Século X que fundou aquí un Monasterio do que hoxe se conservan a fermosísima e peculiar Igrexa mozárabe que data do mesmo século, unha auténtica xoia a descubrir e que se pode visitar.

Nótase nese entorno un esforzo importante pola posta en valor do patrimonio tanto natural como histórico que de seguro está dando o seu froito fixando poboación na aldea e facendo florecer negocios turísticos arredor dun lugar único e situado a uns 25 minutos de Ponferrada.

Moito debemos aprender en Galicia deste tipo de iniciativas pois en vez de recuperar habitualmente aquí desfaise, e salvo excepcións como Seceda no Courel, sería difícil dar con exemplos como o de Peñalba de Santiago.

Destacar que a Igrexa está atendida por unha guía e que dende a aldea hai unha rede de camiños sinalizados que percorren diferentes roteiros polo val, nos achegan ata a cova de San Genadio excavada nunha impresionate rocha branca ou nos marcan os camiños de subida aos Montes Aquilianos.
Penso que as mellores tempadas para visitar Peñalba son primavera e outono,e non so pola climatoloxía, pois nos camiños que percorrimos sempre había algunha cerdeira que alegraba o noso ánimo e castiñeiros que dentro duns meses darán o seu froito.


Haberá que voltar a completar a visita e ascender a eses cumios.



O camiño cara a cova


Bonito e curioso semiterio que ao lonxe semella unha albariza


3 devotos de San Genadio


Nas cereixas

Nova subida ao Catoute










A fin da semana pasada volvimos ata terras do Bierzo para culminar a segunda subida ao Catoute en menos dun mes, pero desta con bo tempo e así poder desfrutar das fantásticas vistas que se poden ollar dende a súa cima.
A ruta nesta ocasión resultou algo endurecida pola calor e o sol abafante que se ía soportando mellor a medida que se gañaba altura e a brisa da montaña dábanos un refresco
Que diferente é subir unha montaña se podes desfrutar do seu cumio, da outra vez cunha néboa que nos impedía a visión a distancias de 20m. foi subir , tocar teito e baixar. Nesta ocasión xa puiden tirar fotos e fixemos a parada da comida alí enriba e ben que a desfrutamos.
Dende o cumio a 2117 m. visión e memorable e cara ao Norte pódense divisar as montañas de Degaña, Somiedo e Babia con Peña Ubiña destacada, ao Sur ó Bierzo central e máis lonxe os Aquilianos, ao Oeste o val do Sil e máis aló os marabillosos Ancares e cara o Este as montañas que separan o Bierzo da Maragatería e máis ao fondo iniciáse a Meseta, todo un espectáculo que precisa dun certo esforzo para o seu desfrute.

Logo seguimos pola cresta da Serra de Gistredo nun magnífico percorrido entre as últimas neves deste inverno , subindo a outro 2000m. máis. Comezamos despois o descenso pasando polas cristalinas augas das Lagunas de la Robliza, para despois de 8 horas , 17 Qm de percorrido e un desnivel acumulado duns 1300m chegamos a Colinas del Campo.







martes, junio 09, 2009

Valdeorras , o viño e A Coroa


Vista dende a Igrexa de Santa María sobre un antigo castro dominando Petín, o Sil e A Rúa
As adquisicións

Non , non vou falar de lacazáns, vou falar de Valdeorras ,algo dos seus viños e dunha bodega.
Estando en Valdeorras, sexa no Barco , sexa na Rúa ou en Petín, chama a atención a dificultade que existe para atopar onde mercar os viños con máis sona da D.O. Non pensara eu que me ía ser tarefa tan complicada atopar algúns dos Godellos ou Mencías que esta puxante zona vitivinícola galega está poñendo no mercado internacional.
Non hai , aínda que non o creades, unha auténtica vinoteca con venda de viños locais e mesmo na sede da DO Valdeorras non os venden, nin souberon dicirme onde atopar algúns dos viños de máis éxito. Ben é sabido que moitos deles son de producións pequenas, pero eu non quería mercar As Sortes, buscaba algúns máis asequibles. No Eroski da Rúa atopei algo, pero non difería moito do que podía localizar en Lalín así que xa un pouco a desesperada , case a volta a casa , as 9 da tarde, subín a parte alta da Rúa a ver se atopaba con algunha bodega aberta na que me atenderan. A de Rafael Palacios xa estaba pechada, pero a sorte non me abandou pois A Coroa, unha fermosa bodega de magníficos caldos estaba aberta...
Alí había un home e unha muller, da familia pero que non eran os responsables da bodega ,dixéronme que agardara que non tardarían estes, pois estaban visitando a zona con distribuidores e compradores norteamericanos e lles ían dar unha cea alí mesmo.
Mentras, tiven a sorte de degustar alí mesmo sentado cos dous amables anfitrións o delicioso branco A Coroa, un caldo delicado e asequible, boa mostra da calidade dos brancos monovarietais de Godello, acompañado dunha sabrosa e ben lograda empanada de carne de primeira mentres me contaban as condicións da bodega, as súas viñas, os seus viños, a tradición...
Chegaron nun microbus os visitantes e tamén os responsables da bodega, puiden ver as cubas do viño, na zona baixa edificada sobre un antigo castro e tamén ver as viñas arrodeado de angloparlantes que despois deberon degustar un bon cabrito.

Falando coa xente da Coroa atopei un viño do que xa escoitara falar ao colega Manuel Gago, un tinto feito de Garnacha , A Coroa Ladairo Vello, dunhas viñas antigas e do que so poden sacar unhas 2000 botellas ao ano, aínda non o probei, pero sentinme como aquel que topa a agulla no palleiro, pois despois das voltas dadas din cun dos segredos desta denominación de orixe que tan esquiva me estaba a parecer. Ademais tamén merquei para probar un branco de moi bo prezo, que sen etiquetar parece que mantén moi boas condicións.
Considero que esta zona ten un futuro moi prometedor, pero que o turismo do viño está aínda sen explotar, está todo por facer pero os resultados poden ser moi bos. Faltan aloxamentos, restaurantes (en Petín non hai un so sitio onde comer ) e actividades, pero se aproveitan as condicións, ninguén botará de menos as louseiras que ata non hai moi pouco deixaban cartos baleiros e hoxe so quedan os seus estragos.
Por certo aos que non coñezan estes viños aí van algúns nomes dos que máis me gustan aparte dos xa mencionados previamente:

- Brancos: Viña do Sil, Gaba do Xil (Godello) , Louro do Bolo , Godeval, Guitián sobre Lías.
- Tintos: Viñaredo, Lagar do Cigur e Gaba do Xil (Mencía)
Vista da entrada da bodega (foto co teléfono, non lle fai xustiza)

O burro agochado de Vilarmel


Non debía de ver xente a cotío ,miraba con timidez e inquisitivo ao tempo. Era un burro mimético que sabía esconde-lo rabo, pero as súas orellas o delataban.

Nas lindes do Courel: Rugando, Vilarmel, Paradaseca...






A semana pasada por motivos laborais anduven polas terras de Valdeorras e ademais aproveitei para achegarme as lindes co Courel.
Xa hai anos que visitei por primeira vez este fermoso val formado polo río Soldón pouco antes da súa confluencia co grandioso Sil. É unha paisaxe solitaria, de transición entre as montañas do Courel e a suavidade de Valdeorras , con pequenas aldeas xa moi despoboadas que aínda conservan parte da súa beleza e dos seus antigos modos de vida.
Chégase dende un desvío na N-120 xa pasado Quiroga en sentido cara a A Rúa, non hai moito que parte da pista non estaba nin asfaltada. O primeiro que chama a atención e a morfoloxía das montañas, plegadas nas suas cordais pero de formas doces nas cimas. Aínda habendo bosques de piñeiros, nas zonas baixas cara o río conservanse ben as ribeiras e aparecen tamén grandes manchas de castiñeiros, un dos modos de vida da zona.
Algo que chama moito a atención e que en pobos como Parada Seca ou Parada Piñor aínda se cultivan hoxe oliveiras para facer aceite, sendo o desta zona de Quiroga o único aceite de oliva galego que se comercializa (por certo moi dificil de atopar alí).
Pero non so castiñeiros e oliveiras danlle riqueza a zona, tamén ten sona a mel destas terras ,como mostra o simple nome dunha destas aldeas, Vilarmel, onde hai un par de anos foi vista unha osa enchéndose a comer a producción das abellas da zona, algo que non debía ser inusual non hai moitas décadas pois hai un bo número de albarizas en bo estado de conservación.
Como dicía este é o val do Soldón , río que baixa cristalino e que fai unha fermosa retorta diante da fermosa Casa Grande de Rugando, antiga ferreiría hoxe magníficamente restaurada para a hostelería e que é outro dos vestixios da riqueza da zona, na que o ferro foi outro dos modos de vida.
Dende Rugando hai unha ruta de sendeirismo que leva ata a Seara do Courel seguindo o curso do río, non é unha ruta cativa pero de seguro que paga a pena facela.
Esta é sen dúbida unha zona marabillosa do interior de Galicia,algo descoñecida pero que merece ser visitada. A tranquilidade está moi presente, casi de máis , pois outra dasriquezas , as louseiras ,xa están en retirada e como me dicía un traballador da única que aínda segue "temos lousa recollida para máis de dous anos, os outros pecharon tras malvendela e aproveitarse da terra". As veces penso que esta crise tamén ten aspectos positivos...

Se queredes visitar a zona non esquezades a Casa de Rugando, debe ser das máis encantadoras e tranquilas de Galicia, e polo que puiden ver agora ata teñen unha pequena piscina cuberta para os días nos que a choiva ataca.
Vista da Casa Grande da Ferreiría de Rugando dende o alto
Vilarmel ao fondo
O Soldón, cristalino en Rugando

lunes, junio 01, 2009

Restaurante La Cantina, Colinas del Campo




Nunha fermosa casa xunto ao río no conxunto histórico da pequena vila de Colinas del Campo de Martín Moro Toledano hai un restaurante a reseñar pola súa coidada oferta nun lugar que non é moi frecuentado.


Teño comentado con moitos amigos dos que me acompañan a excursións á montaña, que en Galicia temos un gran problema de oferta gastronómica neses puntos de máis interese para os montañeiros ou paseantes que buscan nas nosas serras orientais (Ancares e Courel principalmente) non so un lugar para facer deporte. Salvo pequenas excepcións , as veces faise difícil nos Ancares ou no Courel atopar que facer unha vez que rematas a ruta do día, salvo en lugares como Piornedo, con certa oferta pero con pouca imaxinación, isto provoca que moitos potenciais visitantes prefiran outras zonas que sí coidan máis este aspecto.


Debido a antedita "experiencia galega" non agardaba atoparme nun lugar tan remoto como Colinas (non hai cobertura de ningunha compañía) un restaurante cunha oferta tan digna e cunhas instalacións tan coidadas e acolledoras, pois aquí nesta zona do Bierzo hai neve moitas semanas do ano.


O restaurante La Cantina non é moi longo de carta , pero sí fai unha coidada selección de productos da zona e algunha incorporación para propoñermos unha cociña contundente e chea de sabores.


De entrada optamos por uns entrantes para compartir como o rulo de queso de cabra sobre pan de pueblo y ensalada , morcillas del Bierzo fritas con huevos de codorniz y huevos de casa con habitas verdes tiernas. Logo eu decidinme pola Pierna de cordero al estilo mozárabe, feita ao vapor , sen osos e dunha suave ternura acompañada cun leve dulzor de especias que lle aporta delicadeza ao prato. De postre un xeado caseiro , todo acompañado cun bo mencía da D.O, do Bierzo, o Tilenus Crianza, máis que correcto e que axudou a atemperar as miserias co corpo logo dun día de choiva na montaña.


Todo por un prezo axustado, 24 euros. A ver si en Galicia comezamos a tomar nota, pois vai sendo hora de completar a boa oferta en establecementos que temos na nosa montaña (principalmente casas rurais e pequenos hoteis) para competir con outras comunidades.

Proximamente: Rigatoni recheos de langostinos con fungos ao ron cubano




A famosa casa de pastas Gallo sacou recentemente unha liña gourmet cun diseño de envase máis coidado que o habital e con algúns tipos de pasta que non comercializaban ata agora, recentemente merquei estes Rigatoni para probar os novos productos e creo que podo afirmar que son dunha alta calidade e moi coidados.
Para a estrea collín estes macarróns xigantes e enchinos de langostinos ao ron e fungos salteados, quedando da cocción unha salsa deliciosa, posteriormente levaron unha choiva de parmesano que puxen ao grill do forno.
Non foi un prato suave pero sí dun intenso sabor mellorado polo Ron Havana.

Montañas, Catoute e Colinas del Campo






Con certo retraso dende a miña visita falo da viaxe de montaña que fixen recentemente aos montes nororientais do Bierzo. Era a miña primeira visita a unha zona algo descoñecida, incluso para montañeiros, a pesares de que sí coñezo ben algunhas zonas próximas como Babia, Somiedo ou os Ancares bercianos. Trátanse de cumios que andan arredor dos 2000 m co Catoute como pico máis famoso cos seus 2117m coñecido como o teito do Bierzo, áínda que parece que non é o máis elevado.

Ficamos aloxados na fermosa e aillada vila de Colinas del Campo de Martín Moro Toledano (que debe de ser un dos nomes de vila máis longos de España), este pequena poboación que se sitúa a uns 1100m de altitude está declarada Conxunto histórico-artístico polo tanto moi ben conservada coas súas casiñas de pedras escuras e teitos de lousa, situadas ao longo do Boeza, río caudaloso nesta primavera pero que no vran de seguro que baixará máis acougado. O turismo aínda non está moi arraigado pero xa hai bos servizos como un bo restaurante, un bar magnífico onde tamén hai tapas e un par de casas rurais. Na vila tamén hai unha vella ponte e dúas pequenas ermitas ben curiosas.

Colinas é unha inmellorable base para percorrer a Sierra de Gistredo, montes elevados e ben conservados, con zonas de vales, alta montaña, turbeiras, devesas...é dicir moitas das cousas que calquera modesto montañeiro coma min espera atopar para desfrutar dunha natureza salvaxe e chea de vida.

No primeiro día e sen moita axuda da meteoroloxía fixemos a ascensión ao Catoute, o percorrido non é longo , pero sí que o treito final é de moita pendente, gañándose moito desnivel en moi pouco percorrido. O camiño dende Colinas ata a cima anda arredor das 3 horas e media, neste caso sen demasiada neve no percorrido pero sí moita auga pola choiva que caía e a néboa que non deixou aos nosos ollos marabillarse coas vistas, simplemente subimos e baixamos pois o día non aconsellaba distraccións polo espesor dos neboeiros. Polo camiño sí que puidemos ollar as vistosas cores da primavera con amarelos, violetas, azuis e cascadas de auga surcando os pequenos cauces do desxeo, ademais dun gran exemplar de xabarín que nos topamos na subida.



No segundo día subimos seguindo a ruta do Catoute pero ao chegar á braña na que hai que desviarse continuamos subindo polo curso do río ata chegar a un pequeno circo glaciar a uns 1800m rodeado de cumios de máis de 2000m que non alcanzamos a ver pola néboa de altura, nesta zona xa había neve tipo primavera polo que a utilización de material como crampóns fíxose innecesaria. Nunha rocha ao lado dun pequeno lago glaciar apuramos os nosos bocadillos para tratar de dirixirnos ata o famoso Campo de Santiago, para o que tivemos que subir ata a cresta da serra para logo baixar, nese camiño atopamos un rebeco que nos deu unha clase de como ascender un monte en poucos segundos. Xa baixando cara o campo puidemos desfrutar dun magníficos bosque de acibros, carballos e ata uns fantásticos e vellísimos teixos.






O Campo de Santiago é un lugar idílico, trátase dun imponente circo glaciar , hoxe utilizado como zona de pastoreo para o gando e que recibe o seu nome dunha historia que seica conta que o Apostolo Santiago se lles apareceu aos cristiáns que loitaban conta os mouros nunha batalla nese punto e co seu apoio botaron aos sarracenos, conmemorado cunha pequena ermida e unha festa cada 25 de Xullo.

Dende o Campo ata Colinas aínda quedan dúas horas de suave descenso por un camiño ben sinalizado que segue o cañón do río Boeza, unha delicia de percorrido pola abundancia de masa vexetal e os pequenos lugares idílicos que vai mostrando o río. Seica nesta zona aínda quedan algúns urogallos, espero con moito pesimismo que sexa por longo tempo.
Logo despois dunha intensa fin de semana voltamos coas pernas cargadas de quiñómetros e desniveis pero coa satisfacción de pasar dous días de magnífica montaña.