lunes, diciembre 14, 2009

Culler de Pau, a gran novidade do ano









Cando me enterei de que en Reboredo, no Concello do Grove ,abrira un novo restaurante dunha tendencia inusual por aquelas terras foi crecendo a miña impaciencia por coñecelo . Levo moitos anos ,dende moi cativo, como visitante e namorado da Península Meca , creo ser bo coñecedor da súa restauración e sei que non engano a ninguén se afirmo que nunca destacou por ser innovadora ou rompedora. É evidente que ese conservadurismo reside en que moitos dos productos que se poden atopar por alí son únicos en calidade e a súa fama é internacional, tamén é certo que hai moi destacadas opcións na hostelería de O Grove como a infalible Posada del Mar ou o bonfacer da Taberna O Lavandeiro, dous dos meus locais favoritos.
Fora do casco urbano hai anos que a oferta se foi empobrecendo desque desapareceu o magnífico Gure Txokoa na Barrosa ou , xa hai moitos máis anos, o vello e famoso El Pirata (nada que ver co nefasto que ocupa hoxe o seu lugar)á beira do anterior. Logo existen algunhas opcións honrosas e tradicionais como algunha das tabernas de Meloxo.




Fotos: Sole Felloza

Por todo iso as expectativas creadas pola apertura do Culler de Pau eran grandes e a súa filosofía poderían parecer arriscadas pero do que sí non tiña ningunha dúbida era de que se acadaban éxitos contribuirían a revitalizar a oferta meca e atraer visitantes que fuxían da Península cara Cambados ou Sanxenxo a locais como Pepe Vieira, Yayo Daporta , Taberna de Rotilio..
E a cousa parece que foi indo adiante, a primeira impresión de éxito tivo moito que ver coa dificultade de atopar unha mesa no vran, aínda que verdadeiramente a sala non é grande . Logo xa na primeira visita sorprenderonme gratamente os seus pratos e o seu servizo. A cociña do Culler de Pau podería cualificarse como lixeira pero non frugal . Os puntos de cocción dos ingredientes principais como carne ou peixe están coidadísimos e moi ben logrados, mantendo a textura e xugosidade das principais materias primas.
Nin que dicir ten que a especialidade do restaurante son os productos do mar tratado de entrada ao xeito xaponés (mans niponas e o gran Seiji Yamamoto seica teñen algo que ver) pero sen perder de vista a clarísima raíz galega. Pero a evidencia de que peixes e mariscos teñen unha destacadísma posición na oferta do Culler de Pau non quere dicir que os pratos de carne desmerezan na carta, propostas como o Roast Beef sobre crema de verduras, patacas e mostaza ou o Año moi tenro ,do que xa non lembro os ingredientes, dan fé desta afirmación.
Non pretendo facer un percorrido por todas as súas preparacións pero destacaría a magnífica Empanada que fan, un habitual de moitos restaurantes actuais como o Ovo a baixa temperatura, neste caso acompañado de crema afumada de San Simón da Costa , herbas e migas e por suposto o Rape ao Forno e a Merluza en caldeirada con chícharos e perlas de tapioca.

Foto: Sole Felloza
Os postres non son unha proposta menor do Culler, e así a Torrixa con crema de café ou o refrescante Sorbete de remolacha , son preparacións que elevan o alto nivel que vai acadando este restaurante. Ah!, sen esquecer os fabulosos petits fours de praliné, feitos para a gula...
Resumindo, creo que o Culler de Pau é unha das grandes novas en Galicia neste ano da crise. Espero que a pesares de ter iniciado nun ano complicado sigan coa súa gran evolución, pois teño que dicir que notei avances dende a primeira visita en agosto ata a última feita en outubro.
Por último non esquezo que o Culler de Pau está orientado cara a poniente cunha inigualables vistas sobre a Ría de Arousa co perfil da Serra do Barbanza ao fondo polo que recomendo a súa visita con luz , a ser posible as últimas do día . Por poñerlle unha pega , so dicir algo que eles xa saben, o excesivo ruido que hai no local que estou seguro que corrixirán. Por certo o servizo e atención son excelentes, os prezos están acorde co que ofrecen.