martes, octubre 06, 2009

Papar en Escocia


Ollando soprendido para as magníficas cigalas de Skye, Guinnes mediante


Detalle de The Witchery by the Castle


Fisherman´s Pie

Tradicionalmente consideramos o Reino Unido como un estado onde se come regular tirando a mal, a gastronomía británica non ten boa sona por estas terras e certamente sobran razóns para este argumento. Na viaxe a Escocia puiden apreciar que nese país a elaboración das comidas non é diferente a dos ingleses pero existen factores diferenciais que dan a oferta escocesa un punto interesante.
En primeiro lugar os escoceses comen peixe sen fritilo, é dicir, non todo son Fish & Chips, teñen moi bo salmón e o consumen ademais de mariscos moi interesantes. Podo dicir que na Illa de Skye comín unhas cigalas autóctonas impresionantes, xugosas e fresquísimas ,nada que envexar a algunhas das mellores de aquí, por un prezo moi bo, media ducia delas de bo tamaño non custaron máis de 10 euros, mirade a foto. Tamén probei o salmón en forma de Fisherman´s Pie (pastel de pescador) no fermosísimo "The Witchery by The Castle", un lugar único próximo ao Castelo de Edimburgo. Trátase dun local exclusivo pero que a mediodía ten menús máis económicos (Theather menu no tempo do Festival) que fan máis asequible desfrutar dun lugar encantador.

Logo en canto as carnes, Escocia é un lugar privilexiado. Son famosas as súas Angus e os seus T-Bones, a carne das "peludas" seica é moi boa pero moi cara pola súa escaseza e pequena talla; tamén destacan as carnes ovinas , años e cabritos, é certo que non hai tradición de comelos cando aínda son lechais pero son animais de gandeiría extensiva e de moi boa calidade. Tamén o venado cómese moito en época de caza e seica é moi bo, mesmo se comía ata non hai moito o "Capercaille" , a pita de monte que hoxe, tamén alí, está amezada aínda que non tan criticamente coma nestes lares.
Mención aparte merecen os almorzos, nun pequeno , barato e acolledor B&B chamado Roslyn House en Callander, 30 Qm ao Norte de Stirling, servironnos dunha tacada folgos para varios días , un almorzo bestial con alubias, patacas asadas , pastel de pataca, champiñóns, unha especie de criollo, tomate asado, morcilla, panceta...e como non Haggis, preparado tradicional escocés, vestixio de tempos de pobreza e aproveitamento, que é unha especie de embuchado cun remexido de vísceras de año (pulmón ,fígado, corazón...) mesturado con cebolas, fariña de avea, herbas , especias...unha combinación explosiva que pode parecer repugnante pero que é moi sabroso e cómese ben, iso si recomendo pequenas cantidades porque é un prato moi forte.

Polo tanto considero que a cociña esocesa non formaría parte da miña dieta diaria, pero ten productos interesantes de alta calidade que ben merecen ser degustados e de verdade se tedes a oportunidade probade os Haggis, non teñades medo
Pernil de año de Skye
Scottish Breakfast, no recipiente do fondo onde está a culler está o Haggis