lunes, octubre 05, 2009

A Illa de Skye e os lugares límite







Gusto de chamarlle lugares límite a sitios con certas cualidades comúns: alonxamento xeográfico pero abertos ao mundo , natureza salvaxe e arrebatadora, cun turismo limitado,sensación de liberdade, certo despoboamento, con historias de actividades delictivas case asumidas... En Galicia temos algún recuncho que podería entrar nesta cualificación , lugares como a Illa de Ons, certas zonas da Costa da Morte...
Gústame descubrir eses lugares porque sempre lles atopo certas similitudes aínda que pertenzan a países ou culturas moi diferentes. Nos últimos anos tiven a oportunidade de descubrir varios como Sodwana Bay no Índico sudafricano, no extremo suroriental do país, certos rincóns de Sao Miguel en Açores como Povoaçao e neste ano a Illa de Skye no Noroeste de Escocia.
Skye é unha fermosa e salvaxe illa pertencente ao arquipélago das Hébridas Interiores que linda coas Highlands escocesas. Chegar ata alí non é fácil, máis de 3 horas dende Edimburgo facendo un fermoso pero sinuoso percorrido polo que atravesamos as Highlands e lugares tan fermosos, como Stirling, Glencoe, Callander e moitos moitos lagos.

Para entrar en Skye hai que cruzar unha impresionante ponte en Kyle of Loclash deixando atrás 20 minutos antes o fermoso castelo de Eillean Donnan. Naquela paisaxe chea de canais un xa non sabe onde empeza e remata cada Illa e vemos como a medida que avanzamos cada vez hai menos casas e poboacións. Predominan as ovellas e aparecen as vacas típicas das Higlands as "hairy coo" ou vacas peludas ,en longas extensións dun verdor intenso con impresionantes montañas, hai que ter en conta que as montañas máis altas de Skye están moi próximas da liña de costa e chegan ata os 1000 m polo que a pesares de ser alturas pequenas chaman a atención pola súa maxetuosidade.
Os pobos son pequeniños, unha casa por aquí outra por alá pero sen alterar as formas doces. Nos non nos adentramos moito na Illa por falta de tempo pero puidemos descubrir unha paisaxe arrebatadora dende Broadford onde pasamos a noite. Skye está na mesma latitude que Ushuaia no hemisferio Sur como nos explicou un comerciante arxentino que vivía alí, polo que os invernos son moi duros aínda que non tanto como na Patagonia pola suavización da corrente do Golfo.
Pola noite no Pub local, entre cervexas e concerto Folk, falamos con ese arxentino que nos confesou que alí non era infrecuente o comercio un pouco alegal e contrabando, el mesmo relatou como compraba whisky en España para logo revendelo en Escocia pois era moito máis barato confirmandome máis aínda a unha das características habituais deses lugares límite.
Quedaronnos gañas de pasar máis tempo na Illa e descubrila mellor, visitar os dominios do Clan Mc Donald , achegarnos á capital Port Tree, ver focas , venados nas montañas...a verdade é que a Illa merece máis tempo e gustaríame ter a oportunidade de voltar algunha vez.
Aconsello que se algunha vez visitades Escocia e tedes tempo vos acheguedes a este lugar singular, vale a pena e teñen unhas deliciosas cigalas.






1 comentario:

Anónimo dijo...

Boa reportaxe.