martes, julio 28, 2009

As Tarabelas de Lalín



As fotos son da web da Tarabela



Celsiño nunha maxistral e amena lección na Tarabelateca

Tarabela é unha palabra galega que entre outras acepcións é un adxectivo usado para designar a unha persoa como algo toliña, pero dunha tolería máis ben simpática e revoltosa (inconstante e pouco serio nas súas accións, di o diccionario de Ir Indo). Tamén se utiliza como sustantivo para designar aos muiños de vento , por tal razón non deberiamos asustarnos cando escoitemos dicir que “ os nosos montes están cheos de tarabelas”como seguramente podedes escoitar en Zobra.

En Lalín, Tarabela ten máis referentes nesas dúas vertentes ou acepcións da palabra. Por un lado temos A Marela Tarabela (título dun libro de Neira Vilas), que é o nome que recibe hoxe en día a Biblioteca do IES Ramón María Aller Ulloa, un espazo dentro do Instituto cheo de vida, obra e actividades, non como nos tempos nos que os da miña xeración estudiamos nese centro . Todos nos lembramos da biblioteca reducida a carbonilla e acordome que tampouco é que se sentira moito, pois había quen non sabía que existía. Hoxe cambiou completamente co esforzo do persoal docente e dos alumnos, da gusto visitar o seu blog e ver todo o que fan.

E dende o pasado 18 de xullo, día de nefasto recordo histórico , estrease en Lalín unha Tarabela chea precisamente diso que foi suprimido nun día similar hai case 70 anos: Liberdade. A Tarabela de Lalín ven sendo un espazo aberto , sen ideoloxías predefinidas no que a expresión cultural vai tratar de ser o puntal dunha experiencia de convivencia e manifestación cívica da veciñanza .
Sen dúbida Lalín conta cunha extensa e recente historia de actividade cultural alternativa , baseada na necesidade de aportar expresións ante o tradicional deserto institucional da vila. Todo o mundo en Lalín coñece e recoñece a grande labor realizada por colectivos como O Naranxo (a súa páxina web ofrece un auténtico fondo documental sobre o tema), berce de iniciativas como A Algarabía e colaborador doutras como A Foliada da Asociación Berra! ,e veñen a cabeza de calquera nomes que levan anos e anos “na brecha” e que tamén teñen dado outros froitos como Viravolta, Seisdedos, o Focucu, iniciativas empresariais de base cultural como o Barriga Verde ou Nonsi e outras máis que non por non nomear deixan de ser importantes. Creo sinceiramente que con esta asemblearia Tarabela crease un espazo aberto ,común e interxeracional para que xurdan con naturalidade máis iniciativas como as referidas anteriormente , para que moita xente teña un oco, un recuncho onde libremente poida expresar as súas inquedanzas culturais e mesmo relacionarse doutro xeito cos seus veciños.

Como dicía Chispón, un dos impulsores do proxecto, “o primeiro era definir o lugar, a partires de aí A Tarabela será o que os seus socios decidan”, así que entre todos vai existir unha grande responsabilidade compartida dos logros que se vaian acadando , nun espazo que reinvindica a autoxestión como xeito de supervivencia.

Presenta A Tarabela un punto singular que pode pasar desapercibido: o seu espazo físico, xa que por primeira vez na historia recente un dos referentes culturais de Lalín será un local non oficial situado fora da parroquia principal, na veciña de Donramiro, onde seguro que os seu veciños se van volcar, máis do que o farían os do casco urbano tradicionalmente “máis durmido”

A inauguración foi ben recollida na prensa e so se precisa ver as fotos para decatarse de que o ambiente festivo e de convivencia marcou esa xornada, eu particularmente lamento non ter asisitido, pero sei que vou pasar moitas horas nese lugar xa que so basta con botarlle unha ollada ao programa dos vindeiros meses para saber que esta Tarabela empeza a xirar con forza e a cada volta xenera compromiso.
Actuación de Linho do Cuco