martes, junio 09, 2009

Valdeorras , o viño e A Coroa


Vista dende a Igrexa de Santa María sobre un antigo castro dominando Petín, o Sil e A Rúa
As adquisicións

Non , non vou falar de lacazáns, vou falar de Valdeorras ,algo dos seus viños e dunha bodega.
Estando en Valdeorras, sexa no Barco , sexa na Rúa ou en Petín, chama a atención a dificultade que existe para atopar onde mercar os viños con máis sona da D.O. Non pensara eu que me ía ser tarefa tan complicada atopar algúns dos Godellos ou Mencías que esta puxante zona vitivinícola galega está poñendo no mercado internacional.
Non hai , aínda que non o creades, unha auténtica vinoteca con venda de viños locais e mesmo na sede da DO Valdeorras non os venden, nin souberon dicirme onde atopar algúns dos viños de máis éxito. Ben é sabido que moitos deles son de producións pequenas, pero eu non quería mercar As Sortes, buscaba algúns máis asequibles. No Eroski da Rúa atopei algo, pero non difería moito do que podía localizar en Lalín así que xa un pouco a desesperada , case a volta a casa , as 9 da tarde, subín a parte alta da Rúa a ver se atopaba con algunha bodega aberta na que me atenderan. A de Rafael Palacios xa estaba pechada, pero a sorte non me abandou pois A Coroa, unha fermosa bodega de magníficos caldos estaba aberta...
Alí había un home e unha muller, da familia pero que non eran os responsables da bodega ,dixéronme que agardara que non tardarían estes, pois estaban visitando a zona con distribuidores e compradores norteamericanos e lles ían dar unha cea alí mesmo.
Mentras, tiven a sorte de degustar alí mesmo sentado cos dous amables anfitrións o delicioso branco A Coroa, un caldo delicado e asequible, boa mostra da calidade dos brancos monovarietais de Godello, acompañado dunha sabrosa e ben lograda empanada de carne de primeira mentres me contaban as condicións da bodega, as súas viñas, os seus viños, a tradición...
Chegaron nun microbus os visitantes e tamén os responsables da bodega, puiden ver as cubas do viño, na zona baixa edificada sobre un antigo castro e tamén ver as viñas arrodeado de angloparlantes que despois deberon degustar un bon cabrito.

Falando coa xente da Coroa atopei un viño do que xa escoitara falar ao colega Manuel Gago, un tinto feito de Garnacha , A Coroa Ladairo Vello, dunhas viñas antigas e do que so poden sacar unhas 2000 botellas ao ano, aínda non o probei, pero sentinme como aquel que topa a agulla no palleiro, pois despois das voltas dadas din cun dos segredos desta denominación de orixe que tan esquiva me estaba a parecer. Ademais tamén merquei para probar un branco de moi bo prezo, que sen etiquetar parece que mantén moi boas condicións.
Considero que esta zona ten un futuro moi prometedor, pero que o turismo do viño está aínda sen explotar, está todo por facer pero os resultados poden ser moi bos. Faltan aloxamentos, restaurantes (en Petín non hai un so sitio onde comer ) e actividades, pero se aproveitan as condicións, ninguén botará de menos as louseiras que ata non hai moi pouco deixaban cartos baleiros e hoxe so quedan os seus estragos.
Por certo aos que non coñezan estes viños aí van algúns nomes dos que máis me gustan aparte dos xa mencionados previamente:

- Brancos: Viña do Sil, Gaba do Xil (Godello) , Louro do Bolo , Godeval, Guitián sobre Lías.
- Tintos: Viñaredo, Lagar do Cigur e Gaba do Xil (Mencía)
Vista da entrada da bodega (foto co teléfono, non lle fai xustiza)