lunes, junio 01, 2009

Restaurante La Cantina, Colinas del Campo




Nunha fermosa casa xunto ao río no conxunto histórico da pequena vila de Colinas del Campo de Martín Moro Toledano hai un restaurante a reseñar pola súa coidada oferta nun lugar que non é moi frecuentado.


Teño comentado con moitos amigos dos que me acompañan a excursións á montaña, que en Galicia temos un gran problema de oferta gastronómica neses puntos de máis interese para os montañeiros ou paseantes que buscan nas nosas serras orientais (Ancares e Courel principalmente) non so un lugar para facer deporte. Salvo pequenas excepcións , as veces faise difícil nos Ancares ou no Courel atopar que facer unha vez que rematas a ruta do día, salvo en lugares como Piornedo, con certa oferta pero con pouca imaxinación, isto provoca que moitos potenciais visitantes prefiran outras zonas que sí coidan máis este aspecto.


Debido a antedita "experiencia galega" non agardaba atoparme nun lugar tan remoto como Colinas (non hai cobertura de ningunha compañía) un restaurante cunha oferta tan digna e cunhas instalacións tan coidadas e acolledoras, pois aquí nesta zona do Bierzo hai neve moitas semanas do ano.


O restaurante La Cantina non é moi longo de carta , pero sí fai unha coidada selección de productos da zona e algunha incorporación para propoñermos unha cociña contundente e chea de sabores.


De entrada optamos por uns entrantes para compartir como o rulo de queso de cabra sobre pan de pueblo y ensalada , morcillas del Bierzo fritas con huevos de codorniz y huevos de casa con habitas verdes tiernas. Logo eu decidinme pola Pierna de cordero al estilo mozárabe, feita ao vapor , sen osos e dunha suave ternura acompañada cun leve dulzor de especias que lle aporta delicadeza ao prato. De postre un xeado caseiro , todo acompañado cun bo mencía da D.O, do Bierzo, o Tilenus Crianza, máis que correcto e que axudou a atemperar as miserias co corpo logo dun día de choiva na montaña.


Todo por un prezo axustado, 24 euros. A ver si en Galicia comezamos a tomar nota, pois vai sendo hora de completar a boa oferta en establecementos que temos na nosa montaña (principalmente casas rurais e pequenos hoteis) para competir con outras comunidades.