jueves, junio 18, 2009

Peñalba de Santiago, a súa igrexa e os Aquilianos












Escrituras nunha das portas laterais da igrexa


Collendo de Ponferrada cara o Sur cóllese o camiño dos maxestuosos Montes Aquilianos que pechan o Bierzo polo Sur e que serviron de toma de auga aos romanos para perforar e derrubar as montañas das Médulas. Para chegar ata eles hai que percorrer pequenas estradas de montaña que nos levan por un fermoso val, chamado do Silencio, que neste entretempo entre a primavera e o vran mostrábase espléndido.

So coñecía esta zona de oídas e dende logo non sabía nada da última aldea , Peñalba de Santiago que é conxunto histórico-artístico, perfectamente coidada e restaurada ao pé dos cumios de máis de 2000m. Polo que nos contaba un vello pastor da zona, aquelo viveu no aillamento e ata hai uns corenta anos alí non chegaban os coches , pero parece que si chegara San Genadio no Século X que fundou aquí un Monasterio do que hoxe se conservan a fermosísima e peculiar Igrexa mozárabe que data do mesmo século, unha auténtica xoia a descubrir e que se pode visitar.

Nótase nese entorno un esforzo importante pola posta en valor do patrimonio tanto natural como histórico que de seguro está dando o seu froito fixando poboación na aldea e facendo florecer negocios turísticos arredor dun lugar único e situado a uns 25 minutos de Ponferrada.

Moito debemos aprender en Galicia deste tipo de iniciativas pois en vez de recuperar habitualmente aquí desfaise, e salvo excepcións como Seceda no Courel, sería difícil dar con exemplos como o de Peñalba de Santiago.

Destacar que a Igrexa está atendida por unha guía e que dende a aldea hai unha rede de camiños sinalizados que percorren diferentes roteiros polo val, nos achegan ata a cova de San Genadio excavada nunha impresionate rocha branca ou nos marcan os camiños de subida aos Montes Aquilianos.
Penso que as mellores tempadas para visitar Peñalba son primavera e outono,e non so pola climatoloxía, pois nos camiños que percorrimos sempre había algunha cerdeira que alegraba o noso ánimo e castiñeiros que dentro duns meses darán o seu froito.


Haberá que voltar a completar a visita e ascender a eses cumios.



O camiño cara a cova


Bonito e curioso semiterio que ao lonxe semella unha albariza


3 devotos de San Genadio


Nas cereixas

1 comentario:

Gourmetdeprovincias dijo...

Un dos vales con máis encanto de España, probablemente.

Volvede por alá a finais de outubro, cos soutos xa encendidos de cor e neve nos cumios.