martes, junio 09, 2009

Nas lindes do Courel: Rugando, Vilarmel, Paradaseca...






A semana pasada por motivos laborais anduven polas terras de Valdeorras e ademais aproveitei para achegarme as lindes co Courel.
Xa hai anos que visitei por primeira vez este fermoso val formado polo río Soldón pouco antes da súa confluencia co grandioso Sil. É unha paisaxe solitaria, de transición entre as montañas do Courel e a suavidade de Valdeorras , con pequenas aldeas xa moi despoboadas que aínda conservan parte da súa beleza e dos seus antigos modos de vida.
Chégase dende un desvío na N-120 xa pasado Quiroga en sentido cara a A Rúa, non hai moito que parte da pista non estaba nin asfaltada. O primeiro que chama a atención e a morfoloxía das montañas, plegadas nas suas cordais pero de formas doces nas cimas. Aínda habendo bosques de piñeiros, nas zonas baixas cara o río conservanse ben as ribeiras e aparecen tamén grandes manchas de castiñeiros, un dos modos de vida da zona.
Algo que chama moito a atención e que en pobos como Parada Seca ou Parada Piñor aínda se cultivan hoxe oliveiras para facer aceite, sendo o desta zona de Quiroga o único aceite de oliva galego que se comercializa (por certo moi dificil de atopar alí).
Pero non so castiñeiros e oliveiras danlle riqueza a zona, tamén ten sona a mel destas terras ,como mostra o simple nome dunha destas aldeas, Vilarmel, onde hai un par de anos foi vista unha osa enchéndose a comer a producción das abellas da zona, algo que non debía ser inusual non hai moitas décadas pois hai un bo número de albarizas en bo estado de conservación.
Como dicía este é o val do Soldón , río que baixa cristalino e que fai unha fermosa retorta diante da fermosa Casa Grande de Rugando, antiga ferreiría hoxe magníficamente restaurada para a hostelería e que é outro dos vestixios da riqueza da zona, na que o ferro foi outro dos modos de vida.
Dende Rugando hai unha ruta de sendeirismo que leva ata a Seara do Courel seguindo o curso do río, non é unha ruta cativa pero de seguro que paga a pena facela.
Esta é sen dúbida unha zona marabillosa do interior de Galicia,algo descoñecida pero que merece ser visitada. A tranquilidade está moi presente, casi de máis , pois outra dasriquezas , as louseiras ,xa están en retirada e como me dicía un traballador da única que aínda segue "temos lousa recollida para máis de dous anos, os outros pecharon tras malvendela e aproveitarse da terra". As veces penso que esta crise tamén ten aspectos positivos...

Se queredes visitar a zona non esquezades a Casa de Rugando, debe ser das máis encantadoras e tranquilas de Galicia, e polo que puiden ver agora ata teñen unha pequena piscina cuberta para os días nos que a choiva ataca.
Vista da Casa Grande da Ferreiría de Rugando dende o alto
Vilarmel ao fondo
O Soldón, cristalino en Rugando