lunes, junio 01, 2009

Montañas, Catoute e Colinas del Campo






Con certo retraso dende a miña visita falo da viaxe de montaña que fixen recentemente aos montes nororientais do Bierzo. Era a miña primeira visita a unha zona algo descoñecida, incluso para montañeiros, a pesares de que sí coñezo ben algunhas zonas próximas como Babia, Somiedo ou os Ancares bercianos. Trátanse de cumios que andan arredor dos 2000 m co Catoute como pico máis famoso cos seus 2117m coñecido como o teito do Bierzo, áínda que parece que non é o máis elevado.

Ficamos aloxados na fermosa e aillada vila de Colinas del Campo de Martín Moro Toledano (que debe de ser un dos nomes de vila máis longos de España), este pequena poboación que se sitúa a uns 1100m de altitude está declarada Conxunto histórico-artístico polo tanto moi ben conservada coas súas casiñas de pedras escuras e teitos de lousa, situadas ao longo do Boeza, río caudaloso nesta primavera pero que no vran de seguro que baixará máis acougado. O turismo aínda non está moi arraigado pero xa hai bos servizos como un bo restaurante, un bar magnífico onde tamén hai tapas e un par de casas rurais. Na vila tamén hai unha vella ponte e dúas pequenas ermitas ben curiosas.

Colinas é unha inmellorable base para percorrer a Sierra de Gistredo, montes elevados e ben conservados, con zonas de vales, alta montaña, turbeiras, devesas...é dicir moitas das cousas que calquera modesto montañeiro coma min espera atopar para desfrutar dunha natureza salvaxe e chea de vida.

No primeiro día e sen moita axuda da meteoroloxía fixemos a ascensión ao Catoute, o percorrido non é longo , pero sí que o treito final é de moita pendente, gañándose moito desnivel en moi pouco percorrido. O camiño dende Colinas ata a cima anda arredor das 3 horas e media, neste caso sen demasiada neve no percorrido pero sí moita auga pola choiva que caía e a néboa que non deixou aos nosos ollos marabillarse coas vistas, simplemente subimos e baixamos pois o día non aconsellaba distraccións polo espesor dos neboeiros. Polo camiño sí que puidemos ollar as vistosas cores da primavera con amarelos, violetas, azuis e cascadas de auga surcando os pequenos cauces do desxeo, ademais dun gran exemplar de xabarín que nos topamos na subida.



No segundo día subimos seguindo a ruta do Catoute pero ao chegar á braña na que hai que desviarse continuamos subindo polo curso do río ata chegar a un pequeno circo glaciar a uns 1800m rodeado de cumios de máis de 2000m que non alcanzamos a ver pola néboa de altura, nesta zona xa había neve tipo primavera polo que a utilización de material como crampóns fíxose innecesaria. Nunha rocha ao lado dun pequeno lago glaciar apuramos os nosos bocadillos para tratar de dirixirnos ata o famoso Campo de Santiago, para o que tivemos que subir ata a cresta da serra para logo baixar, nese camiño atopamos un rebeco que nos deu unha clase de como ascender un monte en poucos segundos. Xa baixando cara o campo puidemos desfrutar dun magníficos bosque de acibros, carballos e ata uns fantásticos e vellísimos teixos.






O Campo de Santiago é un lugar idílico, trátase dun imponente circo glaciar , hoxe utilizado como zona de pastoreo para o gando e que recibe o seu nome dunha historia que seica conta que o Apostolo Santiago se lles apareceu aos cristiáns que loitaban conta os mouros nunha batalla nese punto e co seu apoio botaron aos sarracenos, conmemorado cunha pequena ermida e unha festa cada 25 de Xullo.

Dende o Campo ata Colinas aínda quedan dúas horas de suave descenso por un camiño ben sinalizado que segue o cañón do río Boeza, unha delicia de percorrido pola abundancia de masa vexetal e os pequenos lugares idílicos que vai mostrando o río. Seica nesta zona aínda quedan algúns urogallos, espero con moito pesimismo que sexa por longo tempo.
Logo despois dunha intensa fin de semana voltamos coas pernas cargadas de quiñómetros e desniveis pero coa satisfacción de pasar dous días de magnífica montaña.