martes, mayo 12, 2009

Tras a lectura de "La Casa de Brandán"


O autor no medio dun deses bosques atlánticos da súa novela

Xa hai días que rematei coa lectura do libro de Carlos e gustaríame deixar a miña opinión sobre a súa primeira novela, opinión dun simple lector habitual que non ten o máis mínimo coñecemento de crítica literaria, pero como calquer asiduo lector de novelas pode dar o seu parecer sobre aquelo que le.

En primeiro lugar sinalar que darei a miña opinión tratándome de abstraer do feito coñecido de que Carlos é meu amigo, non sei se o conseguirei pero tentareino de todos modos, pois non lle faría moito favor doutro xeito.

Ao meu entender "La Casa de Brandán" é unha novela curta moi entretida e dende logo ben escrita. Supoño que haberá cuestións criticables , pero do que non teño dúbidas é de que está ben escrita , característica que faina doada de ler sen necesidade de achacarlle esta virtude a súa brevidade.

Carlos di que nesta novela quere falar da natureza, da natureza galega que coñece ben e que como se recoñece no texto ama e defende a través das personaxes que dan vida ao relato. A influencia da literatura inglesa é recoñecida polo autor , principalmente do escritor Evelyn Waugh, pero dende logo tamén aparecen reminiscencias da inevitable Agatha Christie e mesmo do grandísmo Graham Greene. Non so nas cuestións de intriga a literatura británica está na súa obra , mesmo o tratamento e a relación das personaxes están influenciadas polos modos ingleses .





Supoño que Carlos recoñecera a influencia da galega Pardo Bazán e doutros moitos autores, pero tamén dun xeito fundamental atópanse nesta novela ocos para a aparición das fábulas e lendas da nosa Galicia interior , salpicadas con reminescencias históricas ben coñecidas nesta comarca: os castros, os pasadizos das torres e fortalezas, o wolframio...Tampouco debemos esquecer as furibundas críticas que se lle dedican a aqueles que esmagan a nosa terra e a nosa paisaxe, feitas dun xeito intemporal que ben valerían para moitas das graves situacións que Galicia padeceu nos últimos 20 anos.





Finalmente lembrar os toques de humor , recoñeciblemente autobiográficos para aqueles que o coñecemos, representados por un aflixido e noble hipocondríaco que é motivo de gracias e burlas dun médico inxenioso e borrachín

En resumo, para min trátase dunha pequena novela entretida e que a pesares de ser curta está chea de detalles, cun tratamento moi coidadoso da linguaxe descriptiva que non pesa en exceso


ao tratarse dun relato breve , pero que nunha novela máis longa necesitaría máis lixeireza ao meu parecer. Atopamos tamén en "La Casa de Brandán" un sutil pero recoñecible sentido crítico de moitos dos males que secularmente ven pacendo Galicia sen moita solución de continuidade, chegados fundamentalmente dunha situación continuada de incultura ao parecer do autor.

A miña máis sinceira noraboa ao meu gran amigo, pois o seu primeiro libro debe ser o comezo dunha producción máis prolífica que estou seguro que xa está a proxectar. Ten xeito e ten gañas, o resto xa o farán as musas.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Enhorabuena a Carlos por este proyecto cumplido y por deleitarnos unas horas con una lectura interesante y muy amena, ¡¡esperamos la siguiente obra!!
Uma aperta,
Pallarés