lunes, mayo 25, 2009

Asia Gallery, seica o mellor chinés de Madrid




Segundo un dos máis prestixiosos blogastrónomos , o Sr Maribona de Salsa de Chiles, o restaurante Ásia Gallery é o mellor representante da comida chinesa de calidade na capital de España, en dura competencia co chinés do Villamagna , Tse-Yang. Así que seguindo esa recomendación na última visita que fixemos a Madrid , María e máis eu achegámonos ao histórico Hotel Westin Palace no que está localizado o restaurante.
Simplemente o paseo dende o hall ata o restaurante xa é magnífico podendo contemplar un fermoso sañón cunha gran cúpula que precede á entrada do restaurante. Dentro xa deste o que chama a atención é a magnifica decoración de ambientación oriental e aconformación de diferentes espazos nunha sala de restaurante na que non hai moitas mesas. Sen dúbida o marco do restaurante é magnífico, vexamos a comida:

Pedimos un menú degustación, o bautizado como Menú Pequinés de 38€, que comeza cunha Sopa Agripicante que quizais pode resultar moi picante ,a min gustoume pero María non foi capaz. Continuamos cuns Rollitos Primavera e uns Langostinos Fenix de Jade, as dúas frituras magníficas no seu punto de crocante, os langostinos simplemente deliciososos.




E despois chegou a auténtica estrela da noite o Auténtico Pato Lacado Estilo Pekín, nunca comera este prato ata o de agora, teño visto por exemplo no Barrio Chinés de Londres aos patos colgados a secar pero nunca o probara e penso que é un deses pratos que é imprecindible porbar algunha vez na vida. Primeiro foinos presentado o pato antes de curtalo, xa que para esta prpeparación so se aproveita a parte da pel e o que está intimamente ligado, para despois metelo nuns rulos de pasta china. O sabor incrible e delicado, a textura do pato cruxe pero á vez e suave. Unha delicia. Hai que dicir que preparar ben un Pato a este estilo leva varias xornadas pois é un proceso ben complexo que empeza por soplarlle por dentro ao pato en crú para ir separando a pel da carne e logo caramelizar ata lacar esa mesma pel.

Por último non ían tirar o resto do pato e o serven como Filetes de Pato ao Jengibre Fresco, que tamén está moi rico e verdadeiramente tenro, acompañado duns tradicionais Tallarines ao Estilo Chinés, suaves e sen pasarse de graxa como fan nos típicos restaurantes barateiros chineses.
Para rematar o menos logrado, un postre de plátano fritido con xeado, que deixandose comer non está a altura do resto.

Non sei si é o mellor de Madrid pois non coñezo outros salvo o Indochina na zona de Chueca tamén moi recomendable, pero non hai cor , o Asia Gallery é dun nivel superior e dende o local ata a propia comida están moi coidados. De prezo, pois co menú degustación e un Les Terrases do Priorat a cousa saeu arredor dos 55 euros por cabeza, pero collendo outro viño máis asequible e sen tomar menú podes saír arredor dos 40 por persoa.