jueves, abril 23, 2009

Restaurante Nito de Viveiro, un clásico da Mariña



O Nito leva sendo unha referencia da zona dende hai moitos anos, lembro ir a este restaurante de Viveiro xa de neno seguindo pola xeografía galega as fazañas do C.D. Lalín, nestes últimos anos tiven a oportunidade de volver ata alí 2 veces cunha sorte desigual.

O restaurante está situado nun alto sobre o mar co porto de Celeiro a un paso, e que é a principal procedencia dos manxares que se serven neste local, que dispón ademais dun comedor agradable de mesas amplas e inmellorables vistas.

Hai casi 2 anos cun grupo numeroso e como parte dunha celebración en pleno mes de xullo, a visita ao Nito foi memorable, fundamentalmente polos peixes , pola abundancia na carta e tamén porque sendo festa pasámolo moi ben , bebimos viños únicos e o prezo non foi moi elevado. Daquela lembro o sabroso Rollo de Bonito, outros acordanse como non da pescada.

Desta ocasión non foi mala a experiencia, pero si que houbo certa frustración pois a carta estaba algo escasa , xa que non é tempo de chipiróns ou de bonito, de todos os xeitos todos quedamos contentos cos pratos que comemos. De primeiro compartimos uns pementos cheos de marisco, un salpicón que era todo bicho e finalmente decidinme pola Pescada de Celeiro á bilbaína, que estaba no seu punto de cocción e sabor, sen dúbida un peixe ben fresco. Coa comida compartimos o fantástico viño Predicador de Benjamín Romeo, un deses autores de viños personais que tamén fai Contador ou Que bonito cacareaba.

Para rematar tomamos postre , algunha copiña e algún café. Dicir que o prezo desta ocasión pareceume algo elevado, sinalando ademais que postres como o arroz con leite , o leite frito ou un xeado non poden custar 6€ aínda que as racións sexan abundantes.

Non vou crucificar ao Nito desta vez ,pois en liñas xerais cumpreu, pero espero que sexa capaz de conter os prezos este negocio que é un dos estandartes do turismo nesa zona do país.