lunes, abril 13, 2009

Os Abruzzos e o seu Duque: Luis Amadeo de Saboya





A pasada semana a terra vibrou con forza tráxica en Italia levándose por diante vidas e fogares , para moitos o nome da rexión soáballes descoñecido, pois non é unha das zonas mais famosas de Italia e tampouco afectou a ningunha das súas cidades máis coñecidas (Roma, Florencia, Milan, Venecia, Génova,etc).
A min escoitar o nome dos Abruzzos, pois así se chama a rexión (Abruzzi, en italiano), lembroume a un dos máis importantes exploradores e montañeiros do que hoxe se chama Italia e que colleu o nome das montañas que arrodean á devastada cidade de L´Aquila.

Trátase de Luis Amadeo de Saboya-Aosta , fillo do brevísimo rei español Amadeo de Saboya. Este noble montañeiro ,que naceu en Madrid mentras o seu pai ocupaba o trono, é descendente dunha das máis senlleiras estirpes da vella Europa e foi un deses pioneiros nas aventuras da exploración e o alpinismo.
Empecei a escoitar falar del vendo ese magnífico programa de TVE que é "Al filo de lo imposible", pois non eran poucas as veces que Sebastian Álvaro falaba do noble italiano cando se trataba de visitas ao Himalaya.
O Duque dos Abruzzos comezou nas montañas nos Alpes e seica foi a escalada a unha arista do fermosísimo e piramidal Cervino cando decideu que ía dedicarse a exploración e subir montañas. Logo foi o primeiro en escalar algúns montes en Alaska, tratar de alcanzar o Polo Norte.
A súa máis grande proeza alpinista foi chegar ata os 7500 m. no K2 establecendo o record mundial de altura na época e abrindo nesa montaña a ruta para as expedicións que no futuro alcanzarían o cumio da montaña máis dura do planeta. Hoxe en día o "Espolón dos Abruzos" ,nomeado de tal xeito na súa honra ,é un paso obrigado na ruta desa cima.
Luis Amadeo de Saboya-Aosta retirouse a Etiopía onde faleceu. Nos últimos anos da súa vida montou unha cooperativa agrícola , facendo unha pioneira ONG de desenvolvemento en África e continuou explorando rincóns dese continente.
Ao final dos seus días, estando xa moi enfermo propuxéronlle volver a Italia para ser atendido axeitadamente e rexeitou a axuda argumentando ""prefiero que en torno a mi tumba se entrelacen las fantasías de las mujeres somalíes, antes que la hipocresía de los hombres civilizados" , renunciando deste xeito as prebendas dunha persoa da súa posición. Din que entre outras causas pola desazón que sentía polas liortas políticas do seu país e de Europa.
O Duque dos Abruzzos é hoxe un dos principales referentes históricos da vella e rica tradición do montañismo expedicionario italiano como Vittorio Sella ou o máis recente Ardito Desio, evidentemente sen contar a aqueles que chegaron ata o noso país hai 2000 anos.
Agora esta rexión de Italia pasa por malos momentos, pero polo que andiven indagando estes días ,é dunha gran fermosura e o Parque Nacional dos Abruzzos foi o primeiro en establecerse en Italia, polo que é un lugar que algún día me gustaría visitar, quen se anima?
O maxestuoso K2 , o espolón e o último tramo pola súa dereita