martes, abril 07, 2009

Nos Ancares de novo




Para min ir aos Ancares é un verdadeiro pracer, son montañas que visito con certa frecuencia e xa teño un bo coñecemento de camiños e roteiros do lado galego pero faltábame algo máis de coñecemento do lado berciano (non creo que menos galego que o outro).
Desta achegueime ata a remota aldea de Burbia, lugar apartado e apacible en proceso de recuperación ao que non é doado chegar polo seu aillamento. Por alí tomamos cara as montañas máis altas dos Ancares polo camiño que discorre por un vla fermoso no que o río Burbia de augas cristalinas vai refrescando o camiño, unhas veces moi preto e outras formando un cañón furado entre carballos, castiñeiros e acibros. Ao fondo do val comeza a subida cara ao Mustallar para a que hai que ir atravesando un frondoso bosque empinado e surcado por regatos e pequenas fervenzas que debemos sortear mentras nos imos desfrutando do encanto dese lugar. Tamén se pode optar polo Cuiña, e a dificultade é máis grande que se tiramos dende Piornedo pois o desnivel é maior nunha distancia parecida, de feito o treito final é moi empinado.
Desta non chegamos ata arriba porque era un pouco tarde e porque xa nas partes altas ,baleiras de árbores, aínda perduraban imponentes palas de xeo e neve.
Foi un paseo fermoso, , cheo de atractivos e co regalo final de ver unha manada de rebecos ao final da nosa ruta, unha sorpresa que premiou o esforzo realizado, aínda que queda o compromiso de chegar ata arriba por esta beira da montaña
Os Ancares non deixan de sorprender e xa vin novas rutas para coñecer máis a fondo este paraíso tan cercano.