martes, abril 28, 2009

Misha Bies Golas/Miguel Calvo Ulloa en Vieiros


Miguel ten exposición recente en Santiago na Galería Metro, como todo o que fai Miguel é moi orixinal e diferente do convencional, pero non podo opinar moito máis porque cando fun era a inauguración e había unha chea de xente, polo que entre falar e saudar non houbo tempo para vela , de todos os xeito pronto volverei vela.

A expo non pasou desapercibida para os amigos de Vieiros que lle fixeron unha pequena reportaxe con entrevista , tamén destacaría a que lle fixo recentemente o Faro de Vigo do Deza.
M.S.P. - 12:30 26/04/2009

Tags: arte exposición metro misha bies golas
Un fondo de papel milimetrado e imaxes do real, fotografías tiradas de fontes diversas, aínda que maioritariamente de elementos da cultura popular (o gusto polas revistas e os patróns de moda) e a imaxinación e o azar para combinalas. Eis os instrumentos que dan lugar aos 'Artefactos' de Miguel Calvo, Misha Bies Golas, obras que malia partir do real e da figuración absoluta acaban convertidas en imaxes puramente abstractas.

O construtivismo e Rodchenko andan detrás de todo isto nos formatos e mecanismos empregados, e a obra resultante achégase moito ás creacións surrealistas. Xa dicía o propio Rodchenko que "se se desexa ensinar ó ollo humano a ver dunha forma nova, é necesario mostrarlle os obxectos cotiáns e familiares baixo perspectivas e ángulos totalmente inesperados e en situacións inesperadas". "En moitos casos non é algo que estea previsto, intervén moito o azar, depende dos materiais que vaian caendo nas miñas mans", di o fotógrafo e artista lalinense, que hai uns meses expuxo na Galería Sargadelos de Compostela a mostra 'Patróns', na que traballaba a partir das coñecidas revistas de patróns. Estes elementos preexistentes axúdanlle, di, a dar o primeiro paso: ao igual que o papel milimetrado que "potencia os volumes e facilita o traballo: serve de primeiro paso, axuda a loita contra ese abismo do papel en branco".

Noutra obra foron un conxunto de postais de Leningrado dos anos cincuenta o punto de partida; era o catálogo 'Leningrad', que publicou canda ao Ronseltz Xoan Carlos Rodríguez, nunha iniciativa do Verbum que tamén se puido ver no Granell compostelán.

Lonxe de calquera afán de pretenciosidade, Miguel Calvo quere, en calquera caso, "desmitificar, restarlle importancia, quitarlle ferro á arte". Vén de Lalín, onde nese núcleo artistico que constitúe o Barriga Verde colabora con autores de moitas disciplinas distintas.

O nome artístico, Misha Bies Golas, procede dunha tradución mal feita do seu propio nome: "Misha é o diminutivo de Mijail, sería algo así como Miguelito. E o Bies Golas debería ser o meu apelido, Calvo, pero como o amigo meu ao que se lle ocorreu e que sabía algo de ruso, non sabía dicir 'calvo', puxo 'sen pelo'".

Artefactos. Misha Bies Golas. Galería Metro, até o 13 de maio

1 comentario:

Anónimo dijo...

ese misha!