martes, marzo 17, 2009

Unha visita a El Prado

Hai unha semana fixen unha escapada a Madrid con Rafa e Carlos (con visita ao soberbio El Ermitaño en Benavente, crónica en breve), ademais de divertirnos, saír ,pasear, comer e comprar, houbo tempo para a Cultura, sí evidentemente con maiúsculas neste caso.


En principio a idea era visita a exposición retrospectiva de Francis Bacon pero aproveitamos para algunha cousiña máis. A expo de Bacon é dura, non moi sinxela de dixerir, pero dunha evidente calidade e forza, non deixa a ninguén indiferente e da unha idea dos lados escuros que tiña este artista. A verdade é que me custa moito definilo e aínda as veces non sei se me gustou ou non pois había cadros de grande emoción mesturados con outros de evidente repulsión pero de gran forza pictórica, ademais de retratos tremendamente expresivos.

Logo fumos ver a exposición da pintura do Museo de Arte de Ponce en Puerto Rico que de verdade foi unha rebelación de luz e cor, alegría despois da dureza enérxica de Bacon. Nesta exposición os protagonistas son os pintores da Irmandade Prerrafaelita, artistas británicos da época victoriana que buscaban escapar aos canóns da pintura contemporánea do seu país reinvindicando aos mestres italianos previos a Rafael como Boticcelli ou Fra Angelico. Puidemos ver obras magníficas como "O soño do Rei Arturo en Avalon" de Edward Collin Burne-Jones e principalmente o "Sol ardente de xuño" de Frederic Leighton unha pintura fermosa, chea de luz e calidez, de ensoñamento e pracer, en definitiva un regalo para os ollos que me alegro moito de ter visto. Por certo perde moito nestas imaxes, hai que vela en directo.

Despois fumos facer un "percorrido express" por todos os grandes da pintura que alí están , rememorando as impresións que moitas pinturas "imprescindibles" van causando ao longo dos anos.

Tamén fixemos algunha compriña, entre elas un libro que leva camiño de best-seller, trátase de "La Guía del Prado" un libro necesario de compra obrigada pois contén nas súas páxinas de xeito condensado gran parte do mellor do arte de todos os tempos con moi bos textos e imaxes que fan deste libro unha pequena enciclopedia de Arte e Historia da Europa durante 400 anos.