martes, marzo 31, 2009

El Ermitaño de Benavente, o mellor está no medio.



Hai lugares , locais e restaurantes que polo simple feito de estar de paso rematan esquecidos e cunha personalidade difusa, se hoxe falamos de Medina del Campo ninguén a priori se lembraría do seu esplenderoso pasado medieval e a meirande parte da xente diría: unha vila de camiño a Madrid. Incluso pasaría o mesmo con Tordesillas ou Puebla de Sanabria, localidades que antes da autovía había que atravesar co coche e así aínda polo menos podiamos intuir a súa importante historia.

Todo o relatado con aterioridade non lle pasa ao fenomenal El Ermitaño ,nas aforas de Benavente , un lugar de parada case obrigada no camiño de Galicia a Madrid. Este restaurante que visitei hai menos dun mes é un dos restaurantes onde mellor teño comido e do que sempre marchei satisfeito.

Nunha casona do S. XVIII restaurada con gusto e sen traizoar os canons das construcións típicas desa terra, está iste acolledor restaurante que dispón dunhas magnífcas salas, bar de sobremesa e mesmo ata capela.

Pero o mellor deste restaurante está na mesa, dende que te sentas ata que marchas e puidemolo comprobar non hai moito. Ofrecen unha cociña moi enraizada na tradición da Meseta Norte, leonesa e castelá, que mestura innovación e tradición coa posibilidade de optar dun xeito máis acentuado por calquera das opcións pois dispoñen de dúas cartas que poderíamos cualificar de paralelas. Na recente visita optamos por probar cousas das dúas.

En primeiro lugar optamos por "Los canutillos de cecina rellenos de hígado de pato semicocido con dulce de membrillo casero", unha ración xenerosa, moi ben servida e repartida entre os 3 comensais , notándose a sólida formación hosteleira do servizo de sala do restaurante. O prato nin que dicir ten que era un auténtico manxar, cheo de sabor pero con certa frescura debida a unha cecina xugosa ,infiltrada e non moi curada, unha combinación moi acertada.

O outro entrante que tomamos foi "La pasta fresca con crestas de gallo, pisto de verdura, leche de oveja y su queso curado", un prato moi orixinal que combina moitos sabores e que non era especialmente forte a pesares do poderío do queixo de ovella, un deses pratos que se saen moito do habitual , arriscado pero que resulta.

De segundo, os 3 coincidimos: "El lechazo asado al horno de leña con patatas asadas al ajo-aceite y pimentón", coa tradicional receita castelá na que o ingrediente case único é o propio lechazo cun pouco de auga e sal. A pesares da sinxeleza, este é un prato inesquecible, algo ao que é difícil dicir non a pesares de haber outras tentacións na carta como "Los pichones de nido escabechadosen soja con arroz cremoso de castañas al queso de oveja" ou "La presa ibérica asada al humo de carbón con su jugo a la canela,reineta, ciruelas y pasas". O certo é que este año e dos mellores que teño probado na miña vida, servido por certo en racións xenerosas que non foron doadas de rematar.

Finalmente de postre, eu optei por "La Crema de Queso de Cabra con Chocolate Blanco,Dulce de Pedro Ximenez,Uvas Pasas y Crujiente de Piñones" , outra marabilla culinaria, xenerosa e golosa, co punto de forza do queixo de cabra. Os outros dous , Rafa e Carlos, non quedaron menos satisfeitos ca min dos seus postres aínda que non lembro exactamente o que tomaron.

Neste momento despois do xantar o índice de satisfacción do xa "papado" era moi elevado, unha desas comidas para lembrar. É non foi menos cando tivemos que satisfacer as obrigas contraídas, porque 40 € para o comido , que foi magnífico en calidade e non menos en cantidade, nun restaurante cunha estrela Michelín non se pode cualificar de excesivo, menos cando non había nin unha semana da frustrante visita a un restaurante compostelán referido máis abaixo. Hai comparacións que non se poderían soster o máis mínimo.

Como podedes imaxinar tratarei de repetir de novo neste templo do "buen yantar".