viernes, febrero 13, 2009

O Cocido


O bonito cartel de Castillo (mágoa de Pazo)

Unha vez máis cando ronda o Entroido chega unha dos días máis importantes da nosa vila Lalín, é a Feira do Cocido, unha xornada de exaltación dun dos pratos máis corais da gastronomía mundial e sen dúbida un dos máximos expoñentes da tradición culinaria galega.


Ten chovido moito dende as primeiras edicións e compre dicir que lembro xa unha chea delas e o paso do tempo ten contribuido a aumentar a fama do Cocido de Lalín, non sei se o seu prestixio, pero a fama dende logo sí.


Do Cocido o que máis me gusta é a posibilidade de atoparse ,como fan moitísimas familias de Lalín, con amigos chegados de moitos lugares que acoden puntuais a devorar os nosos manxares, ademais da volta a casa de moitos que so ves nas datas sinaladas como esta. Tamén me gusta do Cocido actual o invento de facer o Mes do Cocido, que fai que nuns días habitualmente tristes ,entre Nadal e o Entroido, en Lalín haxa certo movemento.


Pero tamén hai cousas que non me gustan do Cocido, sen dúbida o que máis aborrezo é a intención de identificar a Lalín simplemente cun porco e a chamada "Gala do Cocido" na que non se lle fai ningún favor a D. Álvaro Cunqueiro entregando os premios que levan o seu nome nun marco tan pouco axeitado. Tampouco me gusta a politización que se ten feito da Feira, algo que neste ano electoral parece que se vai parar, agradecese pois a súa utilización non podería máis que contribuir a desprestixiala.


Ben, aos amigos, espérovos para papar o sábado e o domingo comerei outro magnífico cocido máis, pois parece obriga de lalinense que se precie non comer menos de 5 cocidos neste mes. E vou rematando pois aínda que buscara inspiración e fixera un artigo dunha prosa fermosa que non teño e loubara como ninguén as sinfonias palatais do porco é ben seguro que a min ,as imparciais sentencias de tan prestixiosa crítica, non me ían outorgar ningún premio deses que levan o nome do xenio galego que imaxinou a Simbad.

1 comentario:

Anónimo dijo...

O cártel é de Jorge Castillo ou doutro castillo???