viernes, diciembre 26, 2008

O ceo limpo dos Ancares






Hai uns poucos días fun ata os Ancares para comprobar paseando a grande nevara que caeu hai pouco máis de 10 días, aquelo esta precioso e xa poñerei algunhas fotos.


Desta quedei abraiado pola limpeza dos ceos nas montañas, xa que non hai contaminación de luces e aquelo sen lúa no ceo era un espectáculo, polo de agora vou tomando algunhas leccións de astronomía pero non teño moita idea, o que sí e certo e que cuns simples prismáticos e unha guía podes observar moitas cousas. Se ademais levas unha cámara algo boa que te permita facer exposicións prolongadas podes conseguir imaxes fermosas sen necesidade de outros engadidos.Se ademais descubres por casualidade que os prismáticos que levas poden ser acoplados a un trípode mellor que mellor


Unha das primeiras cousas que estou aprendendo é que nos a simple ollo non somos capaces de distinguir as cores dos astros, agás alguns planetas como Xúpiter ou Marte, polas limitacións de sensibilidade dos nosos ollos, pero coa axuda dunha cámara estes cáptanse con facilidade. Tamén voume enteirando que cada cor ten un significado, pois que sexa por exemplo azul ou vermello significa cousas distintas da historia da propia estrela. A medida que vaia aprendendo vou ir explicando algunhas cousas polo de agora desfrutade do ceo limpo de Ancares.


Pulsa a foto para vela en grande.

miércoles, diciembre 24, 2008

Nova música

Había tempo que non tocaba o reproductor de música, hoxe decidín cambiar algunhas cancións pero seguindo a liña da selección anterior.
Como novidades tedes cousas de Vampire Weekend, The Last Shadow Puppets, Juno BSO, Sigur Ros, Portishead, Feist, Au revoir Simone... e cambiei algunhas cancións de Radiohead, Coldplay, Keane, Muse...para actualizalos un pouco.
Espero que vos guste, sei que hai xente que mesmo a pon baixiña no traballo para ir tirando.
Un saudo , a eses póñolles a Russian Red ,triunfadora do 2008, que non está entre os posibles que se poden poñer na lista.

Felices Festas


Hoxe é un día de felicitacións, ocórreseme que a mellor maneira de repartilas é utilizar o blog e desexarvos a todos os que o seguides e principalmente a miña familia e amigos un BON NADAL. Lembranza especial para a miña familia de Madrid que hoxe tamén se reunirán todos.


Poño as felicitacións que Mari Carmen (nai de Rafa e María) enviou este ano e que me prestou, moitas gracias.


Por certo unha reflexión: dádevos conta de a cantidade de maneiras que temos agora para felicitarnos, se hai 10-15 anos alguén nos dixera que nos ína felicitar as festas por SMS,MMS, Facebook, correo electrónico, utilizando blogs...aparte das tradicionais postais.

viernes, diciembre 19, 2008

Zamburiñas con boletus , bechamel, aroma de trufa e Idiazabal gratinado


Debo a receita do coello e despois botarei esta , que é ben sixela e sabrosa. Unha forma diferente de facer zamburiñas para un día de festa.

El Racó d´Andrea, Ferrol








Sorprende ver un restaurante cunha forte esencia franco-catalana por estas terras e un pouco máis me sorprende que moitos dos principais gastrobloggeiros de Galicia aínda non fixeran unha referencia deste magnífico local situado no centro de Ferrol, máis concretamente na Rúa Sol.

Levado por Tin, volvinme atopar co cociñeiro , Xabi , un deses xoves cociñeiros errantes que coñeceron cociñas dos mellores restaurantes do mundo. Traballou con Santi Santamaría, para Ducasse en Mónaco, con Zanchetta ...e dende logo se nota nas súas maneiras.

Este catalán , cansado de tanto ir e vir, veuse para Galicia coa súa muller Andrea, ferrolán de nacemento e decidiron probar fortuna con esta experiencia arriscada tanto pola cidade como pola cociña que fan, algo que engade mérito á súa aposta e que sen dúbida hai que valorar.

A súa cociña é certamente moi seguidora de Santamaría con evidentes tendencias francesas, cociñeiro de producto , máis artesán que experimentador , Xabi propón sempre conxugar sabores e trata de convencer ao seu cliente coa variedade e o cambio constante dunha carta pouco habitual na nosa terra. Sei que fai curiosas vichyssoise, que trata con moito cariño á súa especialidade ,o foie, que gosta da tradición con coccións prolongadas e que os seus postres teñen un evidente atractivo goloso. Na miña visita fixemos unha pequena degustación cuns riquísmos langostinos, un delicioso solombo de ibérico con nabo bola á pimenta verde e estragón, unha panceta cocida en 18 h nunha cama de grelos e por último un delicioso pastel de chocolate e castañas con vainilla, mención especial tamén para as rosquillas que fai a sogra do cociñeiro. Todo excepcional, aínda que os comensais non podiamos excedernos por ter logo a voda dos amigos Ruth e Luis.

Para min todo un descubrimento que ten o engadido de dispoñer dunha boa barra para tapear e tomar viños dunha bodega ben seleccionada, quizás de máis para os tempos que corren. O comedor non é moi grande pero parece máis amplo pola decoración sinxela pero elegante.

Dende logo esta é unha gran opción para valorar no centro de Ferrol, non é dende logo caro (aínda que non paguei eu, gracias Tin) e axuda a evadirnos un pouco da nosa cociña habitual.

jueves, diciembre 18, 2008

2009 Ano Internacional da Astronomía




Non é habitual que me deixei levar por estas cousas do "día de..." ou "ano de...", pero teño que confesar que a idea de que 2009 vaia estar dedicado á Astronomía paréceme unha ocasión única para afeccionarme un pouco a esta ciencia, un debe que teño dende pequeno.


Conmemorando o 400º aniversario da primeira vez que Galileo Galilei mirou ao ceo cun telescopio comezando deste xeito unha era de descubrimentos astronómicos. Agora que o home non so mira para o ceo se non que ademais ata se move por el aínda que nas proximidades da Terra, a UNESCO decideu que era o momento de adicarlle o ano a esta fascinate ciencia.



A celebración virá acompañada dunha explosión de actividades astronómicas en miles de puntos do globo e supoño que servirá para achegala máis á xente ,que todo o mundo poida recoñecer algúns dos misterios que esconde o universo.




Aller e uns veciños curiosos

Supoño que no que é Galicia, Lalín deberá ter unha programación especial ,por ser o berce da Astronomía galega moderna gracias a Ramón María Aller Ulloa, un dos fillos ilustres da vila e que merecerá unha lembranza neste ano máis a través dos seus coñecementos que pola parte de homenaxe que con devoción Lalín xa lle ten rendido hai tempo


Non coñecín ao meu tío Ramón, faleceu anos antes de eu nacer , pero a súa influencia polo menos de neno sí que me chegou, pois non todos os rapaces acostuman a vivir nunha casa que conta cun Observatorio Astronómico, e que nun despacho da planta baixa garda telescopios, estrañas lentes , manuscritos cheos de interminables fórmulas matemáticas e instrumentos metálicos que nunca xamais logrei saber para que servían. O mesmo Observatorio, sempre pechado, ao trasladarse os principais aparellos para o Observatorio Ramón Aller da Universidade de Santiago , foi sempre un punto de misterio para calquera neno que por alí asomaba e veía tan curiosa construción.


Astrónomo, crego, matemático, políglota, inventor, historiador, rehabilitador de igrexas, académico, catedrático, fillo ilustre de Lalín, fillo adoptivo de Santiago , solucionador de problemas dos veciños...Aller destacou por moitas facetas da Astronomía pero principalmente polos estudios astronómicos das estrelas dobres e hoxe ata un cráter da Lúa leva o seu nome.



Xa hai uns 20 anos adentreime na lectura do seu libro "Astronomía a simple vista", un manual de introducción á ciencia que tanto amaba e mesmo fixen algunha pequena observación pero fun abandoando , así que iste ano 2009 da Astronomía será o perfecto para retomalo e polo tanto empezar con observacións. Para quen lle interese e tras ler nalgúns foros primeiramente non é preciso un telescopio e convén comezar por uns prismáticos (xa teño uns bos) , logo se consigo seguir adiante fareime cun que polo menos teña as características daquel telescopio refractor de 75 mm (a día de hoxe nivel afeccionado baixo) que a miña "tataratataraavoa" Camila Ulloa lle regalou cando era novo.

Parece ser que o Concello de Lalín ten previsto mercar un moi bo telescopio (uns 60.000€), pero dende logo o prioritario é adecentar o Observatorio xa ,e quitarlle o adefesio de sombreiro que lle puxeron nun alarde de mal gusto . Espero que non metan ese telescopio alí, pois entre a contaminación lumínica do centro davila e o pouco ángulo de visión que queda hoxe en día polos edificios será como gastar cartos nun bo coche e conducilo sen pasar de segunda. Non espero moito, pero sería un lugar idóneo para ensinar os seus estudos, o Museo de Lalín chamase Ramón María Aller Ulloa pero pouco se nota, e colocar un modesto planetario de proxección para que os máis cativos e os que non o somos tanto comprendamos da man do noso paisano algúns dos enigmas do Cosmos.

Video promocional do Ano Internacional da Astronomía


martes, diciembre 16, 2008

A incrible casa de Tin








Non agora non me vou pasar á decoración pero si creo que hai cousas singulares que deben ser destacadas como é o caso da casa do meu cuñeado Tin.

Nunha zona céntrica de Ferrol, cun xardín interior escondido e ocupando parte da vella panadería familiar , Tin ten unha curiosa casa cun , digamos, formato tipo loft de espazos abertos e altos teitos.

Nesta casa consíguese unha atmósfera singular, unha decoración entre bohemia e de explorador , na que un non sabe se podería ser a casa dun entomólogo ou dun artista, na casa de Darwin, de Linneo ou de Dickens. Verdadeiramente o ambiente creado é singular e supoño que todos os que entramos nela quedamos sorprendidos pola súa apariencia máxica.

Sobre todo debe ser unha casa que deixa coa boca aberta aos rapaces pois semella un mundo distinto coa colección de escarabellos, as vellas máquinas da panadería como mobles, a estufa de ferro, a cama no altiño, o acuario con tritóns, os osos de balea,os troncos de madeira, a iluminación tenue...supoño que o meu sobriño Xosé en canto entre alí non parará de mirar , revolver ...e logo ao cabo de días aínda lembrará con impresión á casa de como un lugar de fantasía

O mellor é saber que todo foi ideado e reformado polo propio habitador da morada, deixando claro que estamos ante un mundo propio e ben pensado

Un coello de monte






Na semana pasada, o martes, aproveitando uns días libres que os 3 tiñamos, Montoto , Sito e máis eu degustamos un pequeno coello cazado polo pai de Sito. Previamente tiñamos saído os 3 ao monte na busca de cogumelos , sen moito éxito, mais apañamos uns ben raros e comestibles chamados espaguettis de monte que crecen nos piñeirais, que en realidade son algo insípdos pero cun pouco allo e guindella aínda tiveron un pase.

Pero o importante foi o coello que colleu un punto magnífico, se a perdiz de hai semanas saira igual o Potro xa non tería nada que dicir. Este coello xa empezou prometendo dende o primeiro contacto co lume, pois ao douralo xa botaba un arrecendo que alimentaba. Logo cunha cocción tradicional e uns pequenos toques persoais pudiemos degustar un bo prato de caza, algo escaso para os tres pero que foi complementado mentres se facía cunhas tapiñas como a butifarra con boletus, o tartar de atún ou os propios espaguettis de monte. Todo regado con viño de boa relación CPS, como o Valtosca Syrah.

En breve a receita en video.

Por certo ,se alguén o quere probar non ten máis que traerme un coello

E máis neve






Outra vez nos vistou polas terras altas do Deza, aínda que molesta para algúns sempre nos gusta que caia. Non lembro un outono con tantas nevaradas, agardemos que o inverno sexa aínda máis branco.







lunes, diciembre 15, 2008

Algúnhas recomendacións en Barcelona








Ben , xa remato co repaso ao periplo recente por BCN coa valoración dalgúns locais visitados. Son recomendacións que fago dalgúns locais que visitei , a maioría deles sen moitas pretensións pero que entendo que cumpren os seus obxectivos

Un deles é un espazo do que xa teño falado aquí por unha anterior visita pois visteino para tomar unhas tapas pero desta volta ceamos alí, trátase do Santa Caterina Cuines, local amplo situado nunha beira do céntrico Mercado de Santa Caterina e que está conformado por diferentes barras e ambientes con diferentes propósitos pero que compoñen unha opción moi interesante. Explícovos un pouco, teñen unha barra na entrada na que degustar tapas ben elaboradas con recursos de tempada, un pouco máis adiante hai unha barra de sushi onde se fai a momento comida xaponesa e vexetariana, despois xa aparece un mar de mesas onde poder degustar a comida que se fai nas barras asiática e mediterránea. Deste xeito confórmase unha oferta variada , moi correcta en todo o que degustamos como o sushi preparado no momento á vista dos comensais, o tartar de atún ou o arroz fritido con gambas e verduras que eu mesmo tomei. Polo tanto un restaurante que ben vale para un almorzo con prisas ou unha cea pausada nun lugar que sempre ten xente. Prezo arredor de 20-25€ dependendo das diferentes propostas.



Outro dos lugares que visitei foi un restaurante situado na zona de máis ambiente do Raval, trátase do Rita Blue, un deses locais que máis que pola súa cociña atrae público por ser un lugar para cear livianamente para continuar cun cóctel que enganche coa noite, por iso este local predomina unha boa música para crear ambiente, unha clientela variopinta e marchosa ademais dunha selección de pratos que cumpre ben o seu papel tirando pola cociña de fusion. Prezo arredor de 30€ co primeiro trago.



Finalmente teño que recomendar un restaurante que me deixou un bo sabor de boca pero cun punto agridoce , falo do restaurante situado nunha das principais arterias do Born, no Carrer de L´Argenteria, o Senyor Parellada. Trátase dun establecemento fillo dunha famosa fonda catalana situada en Granollers,a Fonda Europa, coñecida polos máis de dous séculos de historia e por ser un referente da cociña caseira e tradicional catalana. O local situado á beira do Hotel Banys Orientals ocupa unha fermosa casa con patio interior, cunha coidadisima e intimista decoración con espazo suficiente entre as mesas redondas creando unha sensación moi acolledora que as veces faiche pensar que en realidade te atopas nunha fermosa casa particular. En canto a comida, dicir que todo o que probei estaba delicioso e no seu punto, como unhas típicas croquetas de escudella (cocido), o pichón asado exquisito que tomei eu, o magret de pato con laranxa de María, as carrilleras guisadas de Fátima ou para rematar o Canigó, souffle queimado con base de biscoito que trata de lembrar ao cumio do famoso pico catalán do mesmo nome. Mágoa non poder probar outros moitos pratos como os canelóns da Fonda Europa, as monchetas con butifarra , os caracois, o sorbete de Anís del Mono...

No punto agridoce , a queixa vai contra o pouco coidado que está o servizo neste restaurante provocando unha sensación de impersonalidade nun lugar que reinvindica o tradicional , non demasiada profesionalidade e pouco coñecemento do menú ou dos viños, non sei se será porque os camareiros son extranxeiros e descoñecen o idioma ou porque non se preocupan no restaurante de formalos, xa que como é lóxico sendo de fora evidentemente non coñecen as características da comida se nunca a probaron. Este problema non é so deste restaurante en Barcelona , pero é algo que se debe empezar a coidar.

Por certo unha das mellores sorpresas está na conta é difícil pagar máis de 30€, polo que se suma a ese grupo de restaurantes tan de moda na capital catalana que apostan por unha calidade media alta con prezos ben contidos.






jueves, diciembre 11, 2008

Compras en Barna




Loxicamente da visita a BCN trouxen no saco algunas cousas para ir probando e outras que xa me son imprescindibles na Boquería como as Butifarras del Perol ou os Boletus secos (polo bo prezo ao que están alá). Ademais tamén no inmenso mercado barcelonés merquei unhas guindillas de diferentes cores que usarei para facer uns aceites picantes que de seguro que serán envexa do meu amigo Guillermo Aymerich grande afecionado a estes sabores e po de russinyols (cantarelas) da comarca da Bergada que terei que experimentar con diferentes receitas.


Desta tamén pasei pola magnífica e exemplar tenda de Vila Viniteca, ese emporio do bo comer e mellor beber, propietario de La Vinya del Senyor da que xa teño falado aquí. Tamén no barrio del Born as tendas de Vila Viniteca, unha impresionante de viños e licores e outra de alimentación situadas unha fronte á outra, son do mellor de Barcelona e supoño que nos xéneros que eles tratan do mellorciño de España e Europa.


So entrar na de alimentación é un auténtico pracer para os sentidos e mesmo pasar pola rúa e ver a imaxe que vos poño da sección de embutidos , carnes e queixos tan limpa e ordenada é un punto de atracción. Alí entrei con María , ela mercou algunhas cousiñas doces para a súa avoa , eu fixenme con máis pastas de Sandro Dessi neste caso de limón e de cebollino así como cunha sabrosa e potente sobrasada menorquina que xa estou rematando do boa que estaba.


Sorte de levar a equipaxe tasada porque as tentacións foron moitas e o viño pesa abondo.

Algunhas imaxes máis de Barcelona





























jueves, diciembre 04, 2008

Outra vez en La Boquería









Fumos ata Barcelona a semana pasada, como non unha das primeiras visitas foi achegarse ao fabuloso mundo de La Boquería, ese mercado incrible que non deixa de sorprender cada vez que se pisa.
Como sempre é un mundo de cores e desta ocasión intereseima pola ampla variedade de fungos frescos de tempada, os elevadísimos prezos das trufas ademais das pezas de caza que alí se poden atopar, moitas delas aves difíciles de atopar por estes pagos. Había coellos ,lebres, perdices, pombas, faisáns, pichóns...
Evidentemente merquei algunhas cousiñas e saborei outras como por exemplo nun dos postos de comida elaborada puiden probar algo tan pouco habitual como crestas de galo rebozadas.
Tamén puiden asistir a unha degustación de productos típico da vila de Berga, próxima ao Pirineo e saborear cogumelos, diferentes embutidos e un suave tinto daquela zona. Mesmo cando xa estaba co prato entrevistaronme para a Radio Local para que lles dera a miña impresión dos productos...recoñeceríanme...je,je,je.

Finalmente para completar a visita non podía deixar de visitar o Pinotxo e tomar unha tapiña de chipiróns con fabitas probando tamén o cervo estofado que María pedira.

Como vedes nas fotos este Mercado é sempre unha explosión de cor, fixádevos se non no mar amarelo que forman os níscalos.




miércoles, diciembre 03, 2008

As maletas onde están?


É raro atopar a alguén que teña viaxado en avión unhas cantas veces e non se vira en problemas coa súa equipaxe.

Esta escea recollinna o pasado domingo no Aeroporto de Barcelona e supoño que os donos desas maletas non saben nada do que ten pasado con elas.

O máis curioso é que nos 10 minutos que eu estiven no bus na pista ninguén se achegou a recollelas.

Sempre me preguntei onde estarían rodas as maletas perdidas...

Visitounos a neve


Chegou cedo este ano e con forza. Como vedes algúns disfrutaron máis que outros. Que lembranzas máis boas dos días de neve cando eramos nenos...sen cole pero todo o día na rúa