viernes, octubre 31, 2008

Aymerich en El País


Na edición de Galicia en El País sae hoxe o amigo Guillermo Aymerich con outros "excéntricos da arte galega" no texto tamén se fala do lalinense xa finado Willy. Guillermo fai un repaso da súa traxectoria e sae unha foto dun mural feito en Pekín , onde agora pasa a maior parte do tempo, salvo cando non está a facer o mongol (pasear por Mongolia). VER AQUÍ

A reportaxe ten un erro , espero que non fora o propio Guillermo o causante, pois o definen como "compostelán" ...

Por certo dos malditos e "outsiders" da arte galega outro artista lalinense , o amigo Miguel Calvo, leva hai tempo preparando un traballo que está a crear gran expectación, esperaremos o remate.

The blower´s daughter

Unha canción fermosa e cálida para estes momentos de frío e outono. A primeira vez que a escoitei foi en "Closer" logo esquecinme dela ata que nun pub de Vigo a puxeron como peche, soábame e sabía que a tiña escoitado, fun onde o pincha e contestoume "é a de Closer", logo Google xa fixo o resto e descubrin ao seu intérprete , o británico Damien Rice que ten un feixe de boas cancións.
Logo volvin tempo despois ver a dura e afiada "Closer", boa película , din que mellor obra de teatro. Natalie Portman e Clive Owen están bestiais, Julia Roberts nunha das súas mellores actuacións e Jude Law dando todo o que pode que é menos que os anteriores.
Por certo de Mike Nichols, como a simpática e optimista "Love Actually" e a xa máis vella e magnífica "El Graduado".
BOA FIN de semana.

Galicia en Foco con algún amigo seleccionado







A foto de "Messi"
A mostra Galicia en Foco é en certo modo o escenario dos fotorreporteiros galegos, un escenario no que cada ano eses profesionais fan unha crónica do sucedido na nosa terra.

A mostra parte de Ferrol, onde foi iniciada hai case vinte anos polo Club de Prensa de Ferrol, e logo pasará ao "Outono Fotográfico de Ourense".
Vendo algunha das fotografías deste ano teño que dicir que a fotoxenia da Rapa de Sabucedo ten o seu premio, así como o amigo do Faro de Vigo en Lalín , Javier Lalín alias "Messi" que ten que eu saiba alomenos unha foto seleccionada.
Como o que sei da mostra é por Internet non conto máis ata vela en directo, aí vos deixo algunha foto pequeniña xa que as grandes aínda non se poden botar.

A Igrexa de Vilar de Donas







Marca do canteiro

Foi paseando co meu amigo Carlos polas Terras da Ulloa como descubrín unha magnífica igreza pertencente a un vello mosteiro hoxe case derruído, a pasada fin de semana voltei por alí . A escasos metros do Camiño de Santiago, chegando a Palas de Rei a dereita vindo dende Portomarín ou Lugo atópase unha xoia do románico galego.
O mosteiro e a igrexa San Salvador de Vilar de Donas parece ser que data do S.XII, era un mosteiro pequeno cun templo pequeno pero non por iso exento de beleza.

Din que primeiro pertenceu a unha congregación feminina , de ahí o nome de Donas, e logo pasou a Orde de Santiago a cal pertencen varios dos sepulcros de cabaleiros que hai na igrexa.

A fachada é impresionante cun arco principal fermosamente decorado e no seu interior tamén destacan uns frescos góticos posteriores no seu ábside central ,tamén hai fermosas pinturas na bóveda do ábside que parece que foron feitas para conmemorar o Ano Santo de 1434.

Conservase parte dun claustro e hoxe a fachada está protexida cunha estrutura de madeira que non é do peor que se ve por ahí. Tamén conserva algo que non se pode palpar pero si intuir, ese aire de misterio medieval que envolve estas terras e gran parte do románico galego, sen dúbida os sarcófagos do interior son impresionantes e un dos factores que máis nos levan a abstraernos

Toda unha pequena xoia de arte e historia que non está conservada como merece pois é Monumento Nacional e o interior precisa de moitos máis coidados.

Hoxe en día para entrar nela hai que ter sorte de que ande pola aldea o veciño que ten as chaves para poder visitala. Se hai sorte, este amable señor fai unha detallada explicación da historia e dos valores de tan singular construción.

Patrimonio singular de séculos caendo e mentres nos tirando os cartos en cousas de novos ricos.

Voda de Alex e Maritza (Post para amigos)

Xa rematando a ronda de vodas do mes de outubro so me faltaba a última, a de Maritza e Alex na magnífica Colexiata do Sar e logo no Milladoiro nun salón ben agradable (sinto non lembrar o nome do lugar pero estou deitado no sofá e non vou ir buscar a invitación agora, máis tarde).
Todo perfecto dende a igrexa, coa Tuna de Medicina (Alex ten un pasado) tocando na saída e cun coro ben orixinal dentro.
Xa logo a cea foi espectacular cunha marcha poucoi habitual para unha papatoria de voda , pois en varias ocasións coa música que soaba a xente levantouse e botou a bailarrr. Despois continuamos unha festa que case poderíase cualificar de salvaxe, con algún que outro lesionado...Jo, que noche!.
Alfonsiño vas ter que ir ao Corpiño para ese mal de ollo que te botaron

Non ian ser todos velenosos


Champiñón xigante aberto


Champiñón novo pechado


Coprinus xa algo aberto

A colleita de cogumelos (seica o normativo e cogomelos) non tiña por qué ser sempre desastrosa e por fin a sorte mudou o pasado domingo polas terras da provincia de Lugo
No mesmo prado que rodea o Castelo de Pambre collín uns bos exemplares de champíñóns silvestres que pode ser que centos de anos antes tamén foran aproveitados para servir como acompañante das pezas de caza que cobraban os señores daquelas terras. A min servironme para darlle gusto a uns Tagliatelle con salsa de tomate natural, ben tostadiños e con allo.

Os champiñóns silvestres son habitualmente máis grandes que os mercados e cando maduran van abrindo o sombreiro ata que se desprega completamente, en principio as laminillas son rosadas e logo pasan a ser brancas, son carnosos , de carne preta e cun pe máis groso. Díxome o meu micólogo de cabeceira que cando son moi grandes son moi indixestos pero eu non lembro que nunca me fixeran mal. Son dende logo máis sabrosos que os cultivados
Tamén , xa en Lugo, atopei case en zona urbana uns Coprinus, un dos fungos máis doados de identificar, teñen forma de paraugas pechado, brancos con escamas, logo pouco a pouco o paraugas vaise abrindo e degradanse rapidamente e van collendo unha cor azur violácea coma unha tinta. Son un prato exquisito pero pereceiro polo que hai que comelos rápido e se queredes saber algo máis sobre como facelos durar máis visitade ao amigo Gourmet de Provincias que tamén os recolleu hai pouco.
Eu decidin facelos a prancha cun pouco aceite de oliva virxe extra , sal Maldon e unha culler de mahonesa para acompañar. De certo que ten un sabor delicado e delicioso.

Tamén atopei máis cousas coma algún níscalo estragado, moitos descoñecidos e algún velenoso pero desta vez algo levei ao papo e ben que compreu


Tagliatelle con champiñóns e tomate

Corpinus con aceite, sal Maldon e mahonesa
Seica estas laranzas non son velenosas pero non saben a nada pódense usar para adornar ensaladas
Un níscalo xa estragado aínda que na foto non o pareza

martes, octubre 28, 2008

Malas novas oseiras


Ademais da polémica da osa que atacou en medio dunha batida de xabaríns a un cazador nos Pirineos hoxe súmase unha triste nova para a posibilidade da recuperación do oso pardo en Galicia.
Un exemplar novo foi atropellado por un trailer na A-6, entre Galicia e León, no porto de Pedrafita. Sendo unha boa sinal que haxa osos novos nesa zona, tan ao sur, nesta época , non deixa de ser unha tristeza pois posiblemente este osezno sería un dos chamados a afincarse en Galicia e darlle pervivencia a esa poboación.
Un pequeno paso atrás pero que confirma a recuperación das poboacións.
Ancares e Courel , Parque Natural, é preciso.

O pulpo nas casetas do San Froilán





Antes


Despois


Case ao final pero cheguei a tempo para a cita anual de comer o pulpo nas casetas do San Froilán que están montadas en Lugo ata finais de outubro.

A sorpresa para min este ano foi que Aurora do Carballiño tiña a súa propia ademais de seguir traballando coa Palloza. O pulpo bo, grande , de bo sabor aínda que un pouquiño triscante de máis. Postres tradicionais ben coidados que foron os que aumentaron un pouco a nota , o servizo unha vez dentro foi rápido para o que alí tiñan.

O ambiente de domingo bestial, todo cheo a pesares da crise xa que empezamos a comer as 3 e media da tarde. Previamente un paseo polos viños coa obrigatoria tapiña no Verruga.

Como é habitual Lugo non decepciona.

Receita: Calamares recheos de espinacas con berberechos

O video desta receita que se fai en non máis de 40 minutos e que é un prato ben bonito, sabroso e nutritivo. O sabor a mar garantizado e suavizado por unha espinacas que debemos usar frescas.

A Parada das Bestas e o Castelo de Pambre (outra vez)


A Parada das Bestas


O Forno na eira
Na pasada fin de semana aproveitando o bo tempo fumos dar unha volta ata a aldea de Pidre no Concello de Palas de Rei á casa rural A Parada das Bestas. No corazón da Ulloa está este aloxamento, un dos máis de máis sona do noso turismo rural realzado pola visita o ano pasado de Gwynelth Paltrow no documental "Spain on the road again" (tamén visitou Casa Pintos de Cambados, xa falarei diso).
É unha casa que conserva ben os elementos rústicos das casas galegas , cunha fermosa lareira e ten rehabilitado varias casiñas e alpendres polo que xa debemos falar de conxunto rural. Unha destas partes e a eira de mallar, o horreo e o forno de pan , todo nun mesmo recuncho fermoso. Pero non por ser rústica a casa deixa de ser acolledora gardando moitos mobles restaurados e típicos das casas de antes. Ademais o trato foi moi agradable en todo momento.
A Parada das Bestas tamén é famosa pola súa cociña, pero desta por falta de tempo non puidemos degustala, pero queda para outra, xa que participa no Outono Gastronómico e está a 30 minutos de Lalín.
Logo despois de durmir e tras un bo almorzo o que compre e pasear pola zona e achegarse ata o Castelo de Pambre do que xa falei nalgunha ocasión. Hoxe , cada vez máis deteriorado, pertence a un particular pero existe un movemento moi forte que pide a expropiación dun dos poucos castelos medievais galegos que sobreviviron á Revolta Irmandiña. Hoxe está custodiado por un can cabreado que debe vivir entre silveiras.
O entorno do Castelo e fermosísimo e recomendo a pista que vai do mesmo ata o Balneario Río Pambre , cunhas fragas de frondosas que seguen o curso do río. Ben nos podemos abstraer e deixarnos levar pola imaxinación pensando en cabaleiros , guerreiros e batallas xa que por esa zona escribironse partes importantes da historia medieval de Galicia
O Castelo de Pambre
O can que garda o Castelo, nun burato da muralla.




Trailer de Spain on the road again

martes, octubre 21, 2008

Unha de cogumelos...velenosos


Amanita Muscaria

Mycena pura

Hai poucos días saín co amigo Sito polas carballeiras e fragas de Lalín a ver qué cogumelos atopabamos e se algún era aproveitable. Coa pouca choiva que levamos neste outono non había moita cousa, a diferencia do fin do vran onde seica os bosques estabán cheos.


Non atopamos case nada dos comestibles que coñecemos, salvo algunha Macrolepiota, pero si algúns que mellor non pasar pola boca, como pode ser o caso da seta dos gnomos, a Amanita Muscaria, chamada tamén Rebentabois ou unha que seica se chama Mycena Pura e que a pesares do seu aspecto simpático tamén é perigosa, pero recoñécese ben axudadonos do olfato polo seu cheiro a rábano.


Logo fumos atopando outras das que a pesares de levar unha guía moi completa como a "Guía de Cogomelos de Galicia e norte de Portugal" de Luisa Castro (Xerais), hai que saber utilizala e para iso serven estes paseos que axudan a poñer en práctica as claves de recoñecemento.


Con estas cousas hai que ter moito coidado e non ser temerarios, eu se teño dúbidas teño un micólogo de cabeceira que tamén e farmaceútico e sempre bota unha man. A ver se me axuda con estes cogumelos que estaban no tronco dun castiñeiro en Catasós, poden ser psilocybes fascicularis?





Turista nunha cidade case propia




Vello coengo na misa da Catedral

Santiago ou Prisciliano?


Ligando na Quintana
Realmente pode ser estrano andar coa cámara colgada por unha cidade turística que foi a propia durante algúns anos, iso é o que me sucede cando fago de turista en Santiago.
Así ocorreu onte domingo, tras unha voda o día anterior e despois de devorar comida lixo no fabuloso entorno do Parque de Bonaval e unha siesta ao calorciño do sol morno que onte lucía en Compostela.
Logo baixamos pola Algalia e decidimos facer moitas das cousas que fan os turistas pero que non son exclusivas deles: sentarnos na terraza do Literarios e desfrutar do espectáculo que é a Quintana , coas diferentes tribús e os esforzados artistas de rúa, con peregrinos de todas as cores e tratando de adiviñar que lingua falan os da mesa de o lado.
Despois metémonos na Catedral, onde había misa e o cura estaba falando das misións , do Domund e como non ...de política ,mentres metidos na cripta pensabamos no misterio que envolve Santiago e o Camiño.
Logo a obrigada visita ao Obradoiro que emociona aínda que o teñas pisado miles de veces , lugar onde un se sente tremendamente orgulloso e privilexiado por ser galego, é dicir, herdeiro dos miles que traballaron con tanta dedicación durante séculos para que agora vexamos esa xoia, o fin do itinerario máis importante da vella Europa.
Xa cara a fin da tarde e coa fame petando novamente no ventre, unhas tapiñas polo Franco que estaba ateigado de xente pese a ser un domingo de outubro.
Un bo día ben aproveitado coa cámara a costas.
Xardín na noite
As pedras do Obradoiro

viernes, octubre 17, 2008

La leyenda de Los Planetas

Onte tivo lugar en BCN un concerto homenaxe a Los Planetas polos seus 15 anos como grupo. O evento consistía na actuación de varios grupos como Tachenko, Nacho Vegas, Lagartija Nick, Clovis... que interpretaron 2 cancións cada un , ademais podíase escoitar por Radio 3 a través da retransmisión de Julio Ruiz.
O concerto non contou coa participación dos granadinos xa que non quixeron participar pois consideran que non é tempo de homenaxes pois están en activo, de todos os xeitos Erik , o batería, participou co seu outro grupo, Lagartija Nick. Eles son así...
O certo é que Los Planetas son sen dúbida o grupo máis influínte da música pop-rock española deses últimos 15 anos , un grupo que ten influído sobre outros moitos cun público fiel a que non solía defraudar nas citas importantes, en certo modo en España son un dos poucos grupos de culto.
J e os seus compañeiros son capaces de facer discos con cancións máxicas e incribles , cunha evolución patente en todos os seus discos pero adiantada ao habitual no mundo da música. As letras teñen sempre un punto de humor , crítica, desesperación e nihilismo que engancha, pero sobretodo a capacidade de envolverte coas súas melodías.
Non sei se poderán seguir outros 15 anos pero si volven por aquí que conten comigo.

Vos deixo con "Corrientes circulares en el tiempo", onde a capacidade de envolverte coa súa música que da ben manifesta.



Asustado, sintiéndome enfermo
como una temporada en el infierno
intentando ver una salida
encontrando más problemas todavía

Voda de Eva e Abel (Post para amigos)

Como xa vos contei o sábado pasado fun a unha voda máis, desta vez no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. Era o casamento dun gran amigo como Abel que tivo a gran sorte de atopar a alguén como Eva que o leva ao rego con facilidade, e iso con Abel non é sinxelo a pesares de que é un pedazo de pan.
A cerimonia civil foi entrañable, simpática e breve , o que eu agradezo. Leu unha amiga de Eva con referencias a "El Principito" e logo Rafa que fixo un ameno e divertido discurso cun pequeno percorrido pola vida de moitos de nos.
O bo de facer todo no mesmo punto (cerimonia, banquete e aloxamento) e que sinteste moi cómodo sen ter que desprazarte para nada e xa mesmo ao lado do claustro tiñamos esperando os pinchos.
A festa foi importante, de máis diría eu para algún, e menos mal que non había gasolina...
PD: moitas gracias a Iago polos zapatos.

Voda de Vito e Juan (Post para amigos)

O pasado sábado día 4 asistín na Coruña á voda de Juan e Vito, ela é moi amiga de María xa que compartiron anos de carreira vivindo xuntas e Juan , agora o seu marido, é realmente un bo tipo. Xa na despedida pasamolo ben cos seus amigos , algo que se repetíu en toda a voda.
A cerimonia seica foi na Coruña, e digo seica porque Isa e máis eu metímonos confundidos noutra igrexa, logo rectificamos pero non puideos chegar a tempo de ver a María lendo, polo que como veredes hai poucas fotos.
Logo o banquete foi en El Cenador de Cambre, unha fermosa mansión que debeu ser de indianos no mesmo Cambre, a festa , intensa, prolongouse e o champagne fixo das súas.
Un saúdo para Vito e Juan que agora deben estar por Vietnam.

miércoles, octubre 15, 2008

Formigas culonas de Bucaramanga


Pois debía ser certo o que comentaba Kali, que estas formigas culonas non son de Bogotá. Nuns post máis abaixo lembrei que hai uns poucos anos en compaña do amigo Guillermo Aymerich nun taberna portuaria algo estraperlista de Valencia puiden degustar estas formigas, crocantes e salgas cun sabor curioso.

Agora o amigo Kali dende Colombia correxiume e da máis detalles sobre elas.

Gracias pola información transoceánica amigo.

martes, octubre 14, 2008

Boa colleita


Moitas e boas cabazas na Casa de María, espero rescatar algunha antes de que alimenten aos porquiños e facer algo como o ano pasado.

A maxia do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil


Unha vista dende o interior

As vistas dende a habitación

Coñecín hai xa anos este mosteiro, o seu lamentable e triste estado non facían nin pensar que algún día remataría sendo un dos mellores exemplos que teño visto de que o turismo ben entendido pode salvar e fortalecer o patrimonio. Hoxe o mosteiro é un Parador fermoso, sen dúbida un dos hoteis máis espectaculares de Galicia por entorno, historia, edificio...


No alto dunha das paredes do Sil, literalmente colgado nas ladeiras da parte ourensá, ofrécese maxestuoso entre castiñeiros nada máis chegar. É un mosteiro grande, o principal da Ribeira Sacra e compre dicir que a súa restauración é magnífica, conserva toda a forza do seu románico orixinal sen renunciar a armonía cunha modernidade que non desentona.


Pasear polos claustros, quedarse nun dos salóns mirando cara o Sil, percorrer os camiños próximos é todo un luxo.


So pasei unha noite e foi para asistir a voda dun bo amigo polo que quedei con moitas gañas de voltar e aproveitar máis sereamente a estancia nunha desas magníficas habitacións con vistas aos cañóns do Sil e determe no coñecemento de xeito máis profundo nos atractivos histórico-artísticos do Mosteiro.


Certamente non se pode considerar un hotel barato para o que é habitual no turismo rural en Galicia pero penso que vale o que se paga pois non creo que a inversión feita sexa recuperable. Unha inversión pública que todos en certo modo desfrutamos: compre lembrar que o Mosteiro de Santo Estevo é Ben de Interese Cultural polo que tamén pode ser visitado por aqueles non alonxados no mesmo.


Un das salas interiores

A habitación (a foto non lle fai xustiza)

Un pasillo dun claustro

A casa recén deshabitada



O lema : "A cultura abre portas"



A casa dos Balado ou casa da marquesina que tivo cine, un bar, un bodegón, unha Caixa...


As veces a cultura so precisa cariño, moitas veces de ideas sinxelas a cultura vólvese máis cercana e sempre que a colaboración desinteresada de xente activa se pon a andar a pequena cultura de base faise moi grande.
Esto pasou en Lalín a fin de semana pasada na casa dos Balado, que vai pasar a mans dunha entidade financieira pero que albergou como despedida unha gran iniciativa: o Focucu (Foro de Cultivos Culturais) xunto con outras asociacións da vila puxeron en marcha un bo feixe de actividades que fixeron a delicia de todos os que ata alí se achegaron: arte, música, video, monicreques, contos, cociña...todo tivo acollida e foi unha mostra de que con pouco e boas ideas faise máis que con moito e ideas pobres.
A xenerosidade da familia Balado unida ao altruismo de moita xente incluídos artistas como Armindo Salgueiro, Álvaro Negro, Aymerich, Viravolta, Iago Mouriño, o propio Julio Balado, Misha Bies Golas , Celsiño, etc fixo desa Casa recén deshabitada un lugar cheo de vida.
Por certo, unha das obras que alí tiña exposición eran as fotos de Paío que retrataban a centos de persoas da nosa vila ataviados con nariz vermello e coloretes de paiaso. Simpática forma de vernos que ben pode ser certa en ocasións.
Se queredes máis información visitade o que é xa de facto o portal da cultura de Lalín en Internet, a web de O Naranxo.