martes, mayo 27, 2008

Parentese forzoso

Como vedes hai algúns días que non poño nada no blog. Débese a un aumento de intensidade nas miñas obrigas laborais estes días.
Cara a fin de semana espero restablecer o ritmo.
Desculpen as molestias.

viernes, mayo 16, 2008

Pradolongo e L.E. Batallán

Dende onte está nos cines Filmax de Lalín a película galega "Pradolongo", ten unha pinta estupenda e familiar pois moitas imaxes ou situacións que saen no trailer teñen moito que ver coa vida e os anos mozos da xente da Galicia interior.
Eu teño pensado ir vela antes de que a saquen da carteleira pois supoño que será un paso fugaz, pero tamén é outra maneira de festexar o Día das Letras Galegas.
Un dos trailer da película ven ambientado con "Quen puidera namourala" de Batallán.
Fermosas imaxes da comarca de Valdeorras, eu non as perdo.

jueves, mayo 15, 2008

Unha viaxe oriental...ao Lidl




Non é o Lidl un supermercado que frecuente moito pero comentoume miña nai que tiñan algúns productos de importación oriental moi interesantes. E dende logo sí, atopei algunhas cousas que non se atopan habitualmente e leveime para a casa nodles chow mein, unha salsa ao curry con vexetais para Wok, setas orientais deshidratadas e brotes de bambú. Estes brotes parecenme un producto interesantísimo pola súa textura e por un suave savor entre madeira e vexetal moi particular e ademais non son doados de conseguir.

Xa logo na casa había que darlle saída as compras e con algún dos productos preparei un Wok, estilo Chop-Suey, de polo con vexetais ao curry que servín con arroz en branco aromatizado con pouco Tandoori. Sabores diferentes para unha cociña diferente pero que de seguro é mellor coñecer na casa que no chinés da esquina.


Poñerei video máis adiante

aínda que non ten moita ciencia.

A Lasaña de algas con berberechos e vexetais

Unha das receitas das que máis orgulloso estou dos seu resultado. Aproveitando as láminas de lasaña de algas enviada como mostra por Portomuiños, un producto moi innovador cunha textura máis elástica que a tradicional polas algas e un aroma marino recoñecible, tratei de facer unha receita sabrosa pero que manteña un potente sabor a mar. Para conseguilo que mellor que uns bos bereberechos das nosas rías...
A combinación coas verduras aporta suavidade e lixeireza e a salsa de pementos con sabor a mar que descubrín ese día servirá de base para outras receitas. Como veredes no video so hai que aproveitar a auga da cocción dos bereberechos, un pouco aceite virxe, unha culler pequena de nata e 2 pementos do piquillo...ben rica.
Esta receita ten certa dificultade , pero a pesares do que poida parecer en 25 min faise, o que pasa e que hai que coordinar ben varios procesos.
Por certo a lasaña de algas aínda non esta comercializada pero sustituila por lasaña vexetal é unha solución.


martes, mayo 13, 2008

Voda de Alfonso e Arantxa .Previa e festa (post para amigos)

O video dos pintxos no Hotel Domine e a festa do día seguinte na voda.

Nos xardíns do Pazo de Oca





O Pazo e vistas dos fermosos estanques

O Pazo de Oca probablemente sexa o máis coñecido de Galicia (Meirás aparte por motivos ben diferentes). Este pazo é considerado un dos máis grandes expoñentes da cultura dos pazos e destaca no seu conxunto o maxestuoso xardín.

Este pazo, hoxe propiedade da Casa de Medinacelli , está levantado sobre unha antiga casa fortaleza do S XV e a construción actual data xa de principios do S. XVIII. A señorial construción relacionase con moitas das familias da nobreza galega daqueles tempos como os Neira, Ulloa, Lemos, Soutomaior, Ozores e tamén con importantes nomes da española, xa mais recentemente, como os Camarasa ou os Fernández de Cordova.


Pero dende logo o máis salientable e o xardín, auténtico monumento botánico cheo de especies nobles como os buxos, rododendros, magnolios ou camelios, con toques barrocos e afrancesados pero tamén con espazos moi ingleses. Pasear por el, deterse nos inmensos estanques , perderse nos pasadizos vexetais ou nas pequenas e agochadas estancias é toda unha experiencia. Son precisamente eses estanques tamén os reponsables dese toque de humidade , auga e romanticismo do xardín e un elemento distintivo do mesmo, con pequenas illas en forma de navíos no seu interior. A utilización da auga é unha mostra do coidado diseño do xardín

Hai quen di que o momento da súa visita e no inverno coincidindo co esplendor das camelias, que aquí hainas de moitísimas clases, pero agora tamén outras flores aparecen e as camelias seguen presentes.





As camelias de Oca



Actualmente o coidado do xardín e bastante correcto con algunha deficiencia pero paga a pena pagar os 4 € da visita que supoño que principalmente adicaranse a o seu coidado. Por certo , os xardineiros seguen hoxe experimentando novas formas ornamentais como se ve nas fotos.




Cocodrilo ou lajarto da Carolina e Cabaleiro escamoteado


Nas fotos podedes ver algún pequenos detalles pero hai que velo en directo. A min que había máis de 12 anos que non o visitaba sorprendeume máis que nunca. Un tesouro de visita inexcusable


O paseo "máis inglés"

As insuas de Gres e o Ulla



Seguindo de Piloño cara a Santiago chegamos a Gres, parroquia natal do escritor galego Neira Vilas. Iste é un deses lugares importantes da Comarca tanto por xeografía e beleza como por historia. Alí nesta pequena vila atopanse unhas pequenas illas cheas de carballos en pleno Río Ulla.

Gres está no linde das provincias de Coruña e Pontevedra co Ulla de fronteira natural pero coa unión da Ponte Vella de Ledesma que foi escenario dunha pequena batalla cos franceses na Guerra de Indepencia.

Neste tramo tranquilo , un pouco antes da unión co Deza e algo despois do encoro de Portodemouros, está pois estas insuas que son un fermoso lugar de lecer , con uns carballos espectaculares pola súa altura e cuns días sinalados como a Romería do San Ramón e o famoso Certame de Bandas.

As insuas son un verdadeiro pracer nesta época do ano e sobretodo no vrao xa que ofrecen un tesouro de frescura e sombras: un lugar único para a siesta, a miña foi de 25 minutos...

lunes, mayo 12, 2008

A terraza única do Hotel Domine en Bilbao







Outra das boas sopresas que nos tiñan gardadas Alfonso e Arantxa pola súa voda foi o convite a uns pintxos na terraza da última planta do Hotel Domine.


Este moderno hotel de magnífico diseño no que se nota a man de Mariscal , ten unha terraza a modo de mirador (chámase Buenas Vistas Terrace) sobre o mesmo Guggenheim con vistas ao discorrer do río por Bilbao.


Alí cunha noite de 20ºC , un viño nunha man , un bo pintxo na outra e rodeado de amigos calquera podiase sentir coma un privilexiado. Evidentemente todos quixemos sacarnos fotos con Bilbao ao fondo dende un lugar con tanto "glamour" que diría o noso amigo Potro.


Por certo , impresionante a pila de pedras en forma fálica que dende o hall do hotel percorreo en altura ata a cima. Seica pesa 35 Tm, non quixera estar cerca nun terremoto.

Mesón O Pote, algo máis que rosquillas en Piloño

Nas lindes da miña comarca (O Deza), nas súas terras baixas caracterizadas por unha climatoloxía suave e benigna cunha vexetación exhuberante está Piloño, aldea-pobo famosa polas súas rosquillas e por ser a se da Solaina de Piloño proxecto artístico-cultural do pintor Paco Lareo.
Pero en Piloño non so de rosquillas vive o home, pois aparte dunha tamén afamada discoteca de domingos, atópase o sorprendente Mesón O Pote.
Hai uns meses fixen aquí unha enquisa sobre os mellores restaurantes da comarca e non incluín iste debido a que non o coñecía pero ben merece meterse na lista de recomendables do Deza.
O Pote está ao fondo de Piloño indo dende Cruces, é unha casa grande con aspecto rústico e cun bo aparcamento. Ten un bo comedor decorado ao mesmo estilo que a casa, con vistas a unha pequena eira interior.
A súa carta está chea de referencias tradicionais con concesións a innovación, destacan as carnes e os arroces (usan o de Calasparra), pero tamén teñen espazo para os cogumelos, os chipiróns e outros peixes de tempada.
Eu nesta primeira visita decidinme por unhas filloas recheas de boi de mar , que estaban correctas , quizais a masa algo grosa, pero moi ben de sabor. Continuei cun entrecosto de boi (iste de terra) que serven cunhas patacas novas asadas , de sabor delicioso feito na grella e co punto que eu pedira. Despois como María pedira un arroz con galo de curral axudeina a rematalo e teño que confesar que a súa elección foi mellor que a miña pois o arroz moi sabroso viña acompañado duns anacos de verdadeiro galo de casa , coa súa carne escura , con sabor a polo de verdade e a pata de pel enrrugada. Por certo , as racións son ben xenerosas.
De postre unha lograda crema de iogur con espuma de mango que valeu para facer a dixestión da boa enchenta.
Na carta de viños boas referencias de Mencías de varias zonas do país: Ribeira Sacra, Valdeorras, Bierzo, Monterrei... e poucos pero ben escollidos viños doutras D.O. españolas.
Por certo , o servizo magnífico e atento , moito máis coidado do que é habitual no noso país. O prezo axeitado para o comido e o bebido arredor de 32 €.
Un bo restaurante a 25 min de Lalín e aos mesmos de Santiago que é unha boa solución nesta comarca e unha grande excusa para visitar as fermosuras que hai por esa zona: Fervenza do Toxa, Mosteiro de Carboeiro, Insuas de Gres, Pazo de Oca...

jueves, mayo 08, 2008

Crema de calabacín con espárragos e noz moscada


Despois das enchentas en Euzkadi había que darlle ao corpo un respiro a base de productos da horta para depurar tanta toxina.
Así que con esas intención preparei esta cremiña de calabacín co toque verde dos espárragos trigueiros e un chisquiño de noz moscada rallada que vai perfecta para acompañar neste prato.
É un prato moi sinxelo de facer (15 minutos) e cun resultado espectacular.

Perdoade pero xa vou debendo o video de varias receitas, así que próximamente terei que poñerme ao día e facer varias.


Restaurante El Puerto- Zabala




Nas proximidades de Bilbao, no porto vello de Algorta en Getxo,nun bonito e pequeno núcleo que aínda conserva un sabor mariñeiro nas súas rúas atópase este tradicional restaurante de peixes e mariscos.

Ao rematar a clásica Bilbao-Getxo con varios comensais esperando por nos e polas nosa sorte tras a travesía , chegamos a este pequeno pero acolledor restaurante.

Non fumos alí con grandes pretensións de nova cociña, levounos alí a única intención de tomar un bo peixe fresco sen moito marear. A min, en concreto levoume o ollomol prometido polo amigo Pallax.

Tras uns entrantes correctos de ameixas e langostinos tigre, pasamos a degustar segundo petición e de dous en dous, pois as racións inclúen o peixe enteiro: 1 ollomol, 1 rodaballo e un peixe rei característico do Cantábrico (descoñezo o seu verdadeiro nome galego, é unha traducción do que alí nos dixeron). Ningún se queixou o máis mínimo polo que lle tocou.

O meu ollomol a espalda , en ración xenerosa, estaba magníficamente no seu punto e tiña un sabor excepcional, había tempo que non tomaba un "besugo" así , debido tamén as dificultades para atopalo nas nosas latitudes actualmente. Entre bocado e bocado do peixe funme dando conta de que o esforzo de pedalear ata Algorta xa estaba recompensado.

Tras un postre caseiro e algún que outro chupito, botámonos a pasear pola zona e emprender o retorno xa axudados polo Metro.

En canto ao prezo, so dicir que foi alto , dacordo cos valores dos productos de primeira que alí tomamos no mercado.

martes, mayo 06, 2008

Alfonso e Arantxa (post con video para amigos)

Aquí está quentiña unha recopilación de imaxes da voda de Arantxa e Alf, empezo polas da cerimonia no fermoso marco da Ermita da Ntra Sra da Virxe de Oro en pleno Parque Natural do Gorbeia, para logo ir metendo algún evento máis de toda a programación da fin de semana.
Todos ben guapiños.

En bicicleta por Bilbo e a clásica ata Getxo






Unha boa forma de pasear e coñecer Bilbao e facerse cunha bicicleta e percorrer a cidade aproveitando as zonas peatonais e os carrís bicis existentes, toda a zona do Guggenheim , o casco vello, e varias arterias da cidade pódense visitar deste xeito.

Para o aluguer fumos a Alquimoto , detras do Ayuntamiento, tenda que como o seu nome indica tamén ten servizo de motos. Alí por 11 € podes alugar unha bici correcta durante 24 h.

Nos comezamos o percorrido pola zona do Casco Vello e tomamos algún pincho na Plaza Nueva, despois dunha voltiña e tras unha "brillante decisión" do amigo Pallarés respaldada pola esaxeración vital dos bilbaínos collimos camiño cara o río para dirixirnos ata Getxo (total era media hora). Para facer o percorrido cóllese un carril bici que baixa polo río no que se vai vendo o fenomenal edificio de Gehry nunha ruta chan doada de facer. Logo ch egase a un punto que para seguir ata Getxo hai que coller a estrada e seguir durante 14Km máis para chegar a Algorta que era o noso destiño onde un fermoso Besugo nos esperaba.

Pero se ademais de pensar que so tes que pedalear media hora (e non 80 minutos), se pensas que hai 10 Km , non 20 con autovía incluída, se aínda por riba fas 5 máis por non coñecer o camiño, hai moitas probabilidades de que o besugo se canse na espera e de desexarlle a morte a algún amigo inxenioso e aos de "BILBAO" pues.

Non quero dicir con esto que o plan non sexa bo, pero Bilbao ten un estupendo Metro para estes traxectos no que se pode meter a bici e aforrar sobreesforzos. Así o fixemos nunha placenteira volta onde puidemos ver os elegantes e fantásticos palacios de Neguri, pasear pola Marina de Getxo e fotografiarnos ante a ponte colgante que une con Portugalete antes de coller ese tren de volta que aforra tempo e permite optimizar a visita.

A pesares de todo foi unha boa idea que como vemos pode ser mellorada

De pintxos por Bilbao


Foie con crema de mango

Dende logo se hai algo no que Donosti barre a Bilbao é na calidade dos pintxos noas bares e mesmo no trato que se lle da ao cliente nos mesmos.

Habendo sitios bos e recomendables os bares bilbaínos non alcanzan o nivel e o coidado de Donosti dende logo pero tampouco son mellores que outras cidades do Norte como Logroño, Pamplona ou mesmo unha vila coma Haro. Pode ser que no fora aos máis axeitados pero deixeime aconsellar e visitamos uns cantos como para formar opinión. Non quero dicir con esto que os pinchos de Bilbao sexan malos, claro que non, comparados cos de aquí...

Na zona próxima á calle Licenciado Poza para min foi o New Or Kompon, de aspecto moderno , cun bo rissoto de fungos e un foie a prancha con crema de mango destacable. Por esa zona hai varios máis (visitamos 5 en total)pero os pinchos sin ser malos non son excepcionais

No casco antigo na Plaza Nueva tamén había algún bar con bo surtido de pinchos pero nada fora do normal nin moi reseñable polo que testei e polo que me contaron.

De todos os visitados para min o mellor foi Casa Lasa na calle Diputación, local de amplia barra e con terraza na que os pinchos eran sabrosos e ben coidados destacando para min o Pastel de Boletus , o de foie caramelizado con algo mási que non lembro e o de micuit con reducción de viño tinto.

Cómese ben dende logo en Bilbao pero eu agardaba algo máis dos seus bares de pintxos

Restaurante Serrano en Astorga


Comezo co relato ludo-gastronómico da viaxe a Bilbao seguindo certa orde cronolóxica , deste xeito tócame falar da primeira parada da viaxe na ida.

Foi en Astorga, a nosa intención era facer un alto no tradicional e coñecido La Peseta, pero estaba bastante cheo e so daban mesa para 7 ou máis persoas e se non dicían que non lles compensaba !!! nos eramos 4 polo que teriamos que agardar a que se fora vaciando. Dende logo esta actitude na hostelería é a idónea para perder clientela e a próxima vez desprazareime ata Castrillo de los Polvazares e deixaremos La Peseta para aqueles que viaxen en algo máis grande que un turismo normal.

Ben para non dar voltas no coche unha vez aparcado buscamos alternativas e decidímonos polo Restaurante Serrano, de tipo tradicional con toques innovadores e con varias interesantes especialidades micolóxicas.

Todo foi ben ao principio cos entrantes: uns boletus con foie e Porros de Sahagun gratinados. dous pratos sabrosos e ben logrados que crearon expectativas falsa para o que despois viría. Tomamos Lechazo Asado uns e Rabo de toro con Fungos outros. Realmente o año estaba seco , pasado por dentro e falto de xugo, nada do que un espera por esas terras . O rabo de Toro estaba brando e ben guisado pero a salsa non tiña a consistencia esperada , faltáballe reducción e tamén sal; claramente este restaurante naufragou nestes segundos pode que na tempada de caza e setas mellore pero a nosa experiencia non foi boa pese a que o meu postre , o Semifrío de chocolate branco con mango estaba moi logrado.

O que sí resultou magnífica foi a boa botella en calidade/prezo do Dominio de Tares Cepas Viejas da DO Bierzo, un viño que foi apreciado por todos os comensais.

En definitiva, mala experiencia en Astorga, no próximo paso por esas terras seguirei os consellos do meu pai e tirarei cara a Castrillo de los Polvazares.

domingo, mayo 04, 2008

Bilbao


Tras o inesquecible fin de semana da gran voda de Alfonso e Arantxa en Bilbao traio
o peto cheo de material para botar esta semana.
Aparte do video da voda (nun post para amigos) , porei algunha cousa sobre papatorias varias nesas terras, terrazas únicas, clásicas ciclistas, pintxos, Gorbeia, etc.
Polo de agora vou descansar ata o martes xa que veño moído pero contento.