lunes, diciembre 15, 2008

Algúnhas recomendacións en Barcelona








Ben , xa remato co repaso ao periplo recente por BCN coa valoración dalgúns locais visitados. Son recomendacións que fago dalgúns locais que visitei , a maioría deles sen moitas pretensións pero que entendo que cumpren os seus obxectivos

Un deles é un espazo do que xa teño falado aquí por unha anterior visita pois visteino para tomar unhas tapas pero desta volta ceamos alí, trátase do Santa Caterina Cuines, local amplo situado nunha beira do céntrico Mercado de Santa Caterina e que está conformado por diferentes barras e ambientes con diferentes propósitos pero que compoñen unha opción moi interesante. Explícovos un pouco, teñen unha barra na entrada na que degustar tapas ben elaboradas con recursos de tempada, un pouco máis adiante hai unha barra de sushi onde se fai a momento comida xaponesa e vexetariana, despois xa aparece un mar de mesas onde poder degustar a comida que se fai nas barras asiática e mediterránea. Deste xeito confórmase unha oferta variada , moi correcta en todo o que degustamos como o sushi preparado no momento á vista dos comensais, o tartar de atún ou o arroz fritido con gambas e verduras que eu mesmo tomei. Polo tanto un restaurante que ben vale para un almorzo con prisas ou unha cea pausada nun lugar que sempre ten xente. Prezo arredor de 20-25€ dependendo das diferentes propostas.



Outro dos lugares que visitei foi un restaurante situado na zona de máis ambiente do Raval, trátase do Rita Blue, un deses locais que máis que pola súa cociña atrae público por ser un lugar para cear livianamente para continuar cun cóctel que enganche coa noite, por iso este local predomina unha boa música para crear ambiente, unha clientela variopinta e marchosa ademais dunha selección de pratos que cumpre ben o seu papel tirando pola cociña de fusion. Prezo arredor de 30€ co primeiro trago.



Finalmente teño que recomendar un restaurante que me deixou un bo sabor de boca pero cun punto agridoce , falo do restaurante situado nunha das principais arterias do Born, no Carrer de L´Argenteria, o Senyor Parellada. Trátase dun establecemento fillo dunha famosa fonda catalana situada en Granollers,a Fonda Europa, coñecida polos máis de dous séculos de historia e por ser un referente da cociña caseira e tradicional catalana. O local situado á beira do Hotel Banys Orientals ocupa unha fermosa casa con patio interior, cunha coidadisima e intimista decoración con espazo suficiente entre as mesas redondas creando unha sensación moi acolledora que as veces faiche pensar que en realidade te atopas nunha fermosa casa particular. En canto a comida, dicir que todo o que probei estaba delicioso e no seu punto, como unhas típicas croquetas de escudella (cocido), o pichón asado exquisito que tomei eu, o magret de pato con laranxa de María, as carrilleras guisadas de Fátima ou para rematar o Canigó, souffle queimado con base de biscoito que trata de lembrar ao cumio do famoso pico catalán do mesmo nome. Mágoa non poder probar outros moitos pratos como os canelóns da Fonda Europa, as monchetas con butifarra , os caracois, o sorbete de Anís del Mono...

No punto agridoce , a queixa vai contra o pouco coidado que está o servizo neste restaurante provocando unha sensación de impersonalidade nun lugar que reinvindica o tradicional , non demasiada profesionalidade e pouco coñecemento do menú ou dos viños, non sei se será porque os camareiros son extranxeiros e descoñecen o idioma ou porque non se preocupan no restaurante de formalos, xa que como é lóxico sendo de fora evidentemente non coñecen as características da comida se nunca a probaron. Este problema non é so deste restaurante en Barcelona , pero é algo que se debe empezar a coidar.

Por certo unha das mellores sorpresas está na conta é difícil pagar máis de 30€, polo que se suma a ese grupo de restaurantes tan de moda na capital catalana que apostan por unha calidade media alta con prezos ben contidos.






2 comentarios:

Anónimo dijo...

Me encanta toda a reportaxe sobre BCN. Bicos. Lupita

Anónimo dijo...

Por certo, sabías que o dono é o mesmo da famosa vinoteca "la viña del senyor"? Nome en honra ás herdanzas que as viúvas deixaban a Igrexa ó morreren.
Quesé