jueves, diciembre 18, 2008

2009 Ano Internacional da Astronomía




Non é habitual que me deixei levar por estas cousas do "día de..." ou "ano de...", pero teño que confesar que a idea de que 2009 vaia estar dedicado á Astronomía paréceme unha ocasión única para afeccionarme un pouco a esta ciencia, un debe que teño dende pequeno.


Conmemorando o 400º aniversario da primeira vez que Galileo Galilei mirou ao ceo cun telescopio comezando deste xeito unha era de descubrimentos astronómicos. Agora que o home non so mira para o ceo se non que ademais ata se move por el aínda que nas proximidades da Terra, a UNESCO decideu que era o momento de adicarlle o ano a esta fascinate ciencia.



A celebración virá acompañada dunha explosión de actividades astronómicas en miles de puntos do globo e supoño que servirá para achegala máis á xente ,que todo o mundo poida recoñecer algúns dos misterios que esconde o universo.




Aller e uns veciños curiosos

Supoño que no que é Galicia, Lalín deberá ter unha programación especial ,por ser o berce da Astronomía galega moderna gracias a Ramón María Aller Ulloa, un dos fillos ilustres da vila e que merecerá unha lembranza neste ano máis a través dos seus coñecementos que pola parte de homenaxe que con devoción Lalín xa lle ten rendido hai tempo


Non coñecín ao meu tío Ramón, faleceu anos antes de eu nacer , pero a súa influencia polo menos de neno sí que me chegou, pois non todos os rapaces acostuman a vivir nunha casa que conta cun Observatorio Astronómico, e que nun despacho da planta baixa garda telescopios, estrañas lentes , manuscritos cheos de interminables fórmulas matemáticas e instrumentos metálicos que nunca xamais logrei saber para que servían. O mesmo Observatorio, sempre pechado, ao trasladarse os principais aparellos para o Observatorio Ramón Aller da Universidade de Santiago , foi sempre un punto de misterio para calquera neno que por alí asomaba e veía tan curiosa construción.


Astrónomo, crego, matemático, políglota, inventor, historiador, rehabilitador de igrexas, académico, catedrático, fillo ilustre de Lalín, fillo adoptivo de Santiago , solucionador de problemas dos veciños...Aller destacou por moitas facetas da Astronomía pero principalmente polos estudios astronómicos das estrelas dobres e hoxe ata un cráter da Lúa leva o seu nome.



Xa hai uns 20 anos adentreime na lectura do seu libro "Astronomía a simple vista", un manual de introducción á ciencia que tanto amaba e mesmo fixen algunha pequena observación pero fun abandoando , así que iste ano 2009 da Astronomía será o perfecto para retomalo e polo tanto empezar con observacións. Para quen lle interese e tras ler nalgúns foros primeiramente non é preciso un telescopio e convén comezar por uns prismáticos (xa teño uns bos) , logo se consigo seguir adiante fareime cun que polo menos teña as características daquel telescopio refractor de 75 mm (a día de hoxe nivel afeccionado baixo) que a miña "tataratataraavoa" Camila Ulloa lle regalou cando era novo.

Parece ser que o Concello de Lalín ten previsto mercar un moi bo telescopio (uns 60.000€), pero dende logo o prioritario é adecentar o Observatorio xa ,e quitarlle o adefesio de sombreiro que lle puxeron nun alarde de mal gusto . Espero que non metan ese telescopio alí, pois entre a contaminación lumínica do centro davila e o pouco ángulo de visión que queda hoxe en día polos edificios será como gastar cartos nun bo coche e conducilo sen pasar de segunda. Non espero moito, pero sería un lugar idóneo para ensinar os seus estudos, o Museo de Lalín chamase Ramón María Aller Ulloa pero pouco se nota, e colocar un modesto planetario de proxección para que os máis cativos e os que non o somos tanto comprendamos da man do noso paisano algúns dos enigmas do Cosmos.

Video promocional do Ano Internacional da Astronomía