domingo, noviembre 02, 2008

Outra vez en Casa Veva de Foilebar


A única foto que fixen pois alí so pensaba en comer: cervo e xabarín

Dicía hai unha semana que por fin cumprira co costume de achegarme cada ano a tomar o pulpo do San Froilan e penso que debo anotar un compromiso máis: achegarme cada ano a Foilebar a comer na casa de Veva, unha experiencia gastronómica verdadeira.


Nunha aldea da parte máis alta do montañoso Concello de O Incio, achegándose ao fermoso Val de Louzara que anuncia a proximidade do Courel está Casa Veva, unha casa de comidas, sí casa pois realmente comes no salón de Veva, que fai a caza (seica tamén os cocidos) como ninguén, sen artificios pero con resultados , contundente para combater o frío de tan altas terras.


Veva, a alma desa casa é unha agradable señora de boa conversa e humor, amable e chea de atencións co cliente que realmente se pregunta como é que existe un sitio como aquel.


Onte ,acompañado de Carlos, puidemos comprobar as delicias desa casa: uns entrantes caseiros (xamón, salchichón, tortilla), para logo pasar ao xabarín e o cervo guisados, se o porco bravo estaba rico e tenro, sen rastros de bravú, o venado estaba suculento e se non fora polo medo que lle entrou aos nosos estómagos teríamos repetido, pois alí sempre che ofrecen esa posibilidade.


Logo nos postres o bonfacer reposteiro de Veva redondease coa Tarta de neve de Foilebar, tarta de queixo, de mazá e de pera e cos variados licores caseiros que pon na mesa.


Xa marchando nos contou que este ano ten aproximadamente 18 porcos criando na casa de xeito tradicional e que nun mes empeza a tempada de cocidos, pois vai matando para que lle duren ata febreiro.


Satisfeitos, de fronte vemos o Courel e pensamos que hai cousas que debemos conservar.

1 comentario:

Carlos Taboada dijo...

Vou en Nadal, vai reservando...