jueves, octubre 02, 2008

Outono fotográfico, PhotoGalicia e o fotohumanismo desgarrador de W. Eugene Smith


O Velorio de Juan Carra





A Batalla de Iwo Jima







O Camiño ao xardín do Paraíso







Morte de nenos na 2ª Guerra



Comezou en Ourense, na Casa da Xuventude, o que é xa unha tradición galega de convertir ao Outono no tempo da fotografía. Este singular e recomendable virus xa está por toda Galicia e o que en principio foi un pequeno certame -o Outono Fotográfico de Ourense- xa se disemina por todo o país , ademais agora cóntase coa edición de PhotoGalicia patrocinado por Caixa Galicia que tamén ten presencia en varias cidades galegas.
O Outono Fotográfico, que agora cumpre 25 anos , xa chega a vilas como Viveiro ou Chantada e ademais de interesantes exposicións individuais e colectivas inclúe actividades coma cursos, concursos, charlas, proxeccións , etc, facendo dos meses de outubro. novembro e decembro meses cheos de actividade fotográfica.
Pero a cousa non queda aí, mirando qué facer a mañán do próximo sábado na Coruña, atopei que PhotoGalicia ten unha exposición na sede da Fundación Caixa Galicia dun dos máis grandes e comprometidos fotográfos, o norteamericano W. Eugene Smith. Por ese nome é posible que non vos diga moito , pero ten algunhas fotos coñecidas polo gran público, eu coñezoo principalmente por o magnífico libro/obra de arte que me regalaron da Axencia Magnum.
W. Eugene Smith , home dunha vida arriscada, azarosa e complicada, foi un reporteiro gráfico comprometido ata os límites da súa vida, estivo na 2ª Guerra Mundial e foi gravemente ferido en Okinawa, na posguerra española na pequena e paupérrima vila de Deleitosa en Extremadura, en outros conflictos arredor do mundo e sempre deixou coas súas fotos unha pegada de compromiso sobre aquelo que observaba.





Nenos xogando ao frontón nuha rúa española


Gardas Civís de Deleitosa

Sen dúbida , como escribe un dos máis grandes , Steve Mc Curry, no libro de Magnum, Smith era un idealista e,un apaixoado artista que manexaba a luz e o claroescuro dun xeito maxistral.
Unha das historias máis conmovedoras da fotografía de Eugene Smith e posiblemente de toda a historia desta arte foi a foto realizada a unha nai xaponesa bañando a súa filla afectada de graves malformacións conxénitas, na foto pódense contemplar as intensísimas mostras de tenrura, compaixón e xenerosidade da nai coa súa filla, unha das fotografías máis duras e fermosas de todos os tempos feita por un artista realmente honesto.
En 1997, 25 anos despois, os pais da nena pedíronlle a posuidora dos dereitos da foto que non se volvera a difundir , pero evidentemente ainda se pode atopar en Internet. Eu non quixen poñela pero é sinxela de atopar.
Tamén no que toca ao meu mundo profesional, W. Eugen Smith fixo unhas grandisímas fotos do traballo das enfermeiras e matronas das zonas rurais, negras e pobres da América profunda, imaxes que marcan camiños na profesión
Como podedes ver nas fotos que ilustran esta entrada, estamos posiblemente ante un dos máis grandes fotógrafos , un Leonardo ou un Picasso desa arte de tan curta vida, alguén que facía unhas fotos que nos lembran aos afeccionados que unha cousa é facer boas fotos e outra moi distinta facer arte.
Como xa vos dixen, na Coruña, eu estou desexando que chegue o sábado.



Enfermeira de Carolina del Norte coidando un neno


Portas nun psiquiátrico de Puerto Príncipe