miércoles, septiembre 03, 2008

Un paseo romano en bici polas terras do Xurés







O Xurés é un dos Parques Naturais que temos en Galicia e como sabedes linda co Geres de Portugal que naquela beira ten unha protección de Parque Nacional (e sen dúbida nótase). Estas Serra da Baixa Limia non so é coñecida polos seus valores naturais pois ten tamén moitos históricos principalmente das épocas romanas.


Tamén existen numerosos monumentos megalíticos , pero verdadeiramente o paso da Vía Nova romana marca a importancia dun grandísimo patrimonio histórico.


Pois aproveitando todo iso e sumado a que as augas dos ríos destes montes baixan augas transparentes que nalgún caso son ademais termais, decidinme a dar un paseiño dunha tarde por tan fermosas terras do Sur do país.


Achegueime ata Ríocaldo , no Concello de Lobios e deixando atrás o seu Balneario seguín a ruta da Corga da Fecha (no Centro de Interpretación do Parque en Lobios pódese conseguir un folleto) que ten a particularidade de discorrer polo trazado da romana Via XVIII ou Vía Nova que unía Bracara Augusta con Asturica Augusta.


Tras un 5 Km de subida continuada e dura por tramos , as veces pola recuperada parte da Vía, cheguei ata Portela do Homen, xa moi pertiño da Raia, onde hai un fabuloso conxunto de miliarios, piares de pedra que servían para sinalizar as vías e marcar as distancias. Algúns historiadores afirman que iste era un taller onde se fabricaban estas sinais.


Logo retornei baixando, nun vertixinoso e entretido descenso que ten algún que outro risco, e virei para subir monte arriba cara á Corga da Fecha , onde está unha das máis altas e fermosas fervenzas de Galicia, pero como podedes imaxinar ,no vran non leva moita forza. de todos os xeitos nesta época se pode desfrutar con máis tranquilidade das magníficas pozas de auga cristalina do torrente, xa que cando chove van moi cheas e as pedras están esvaradizas


Finalmene volto a baixar ata Riocaldo e detéñome nas excavacións nun asentamento romano para ver como se organizaban. Logo , como farían os romanos que percorrían estas vías tras duras xornadas de viaxe , aproveitei as augas termais da zona que xa eles coñecían para tomar un relaxante baño.


Por certo polo que puiden ler , a Vía Nova empezou a utilizarse no ano 80 dC e tan cerca de 340 Km, era unha vía cun fin principalmente comercial e administrativo e con pouco uso militar. A parte que hoxe está supostamente rehabilitada non é máis que unha mostra de 1,50 m de ancho, cando a verdadeira tiña ata 7m para que colleran dous carros á vez.
Ave !