martes, septiembre 16, 2008

De paseo en bici polo Ribeiro





Aproveitando estes bos días que están facendo e a cercanía con Lalín (non máis de 20 min a Leiro) metín a bici no coche coa idea de facer a Senda do Avia que lóxicamente discorre por uns dos vales máis ricos das terras do Ribeiro.

Non fixen todo o percorrido, evitei as costas de Pazos de Arenteiro a Leiro, pero si que pasei ida e volta de Leiro ata a entrada a Ribadavia (uns 22 Qm) por este camiño que ten a denominación PR-G76 e que está ben sinalizado.

O carreiro percorre as marxes do Avia atravesando os fermosos xardíns naturais e con pequenas presas que fai o río en Leiro, pero tamén meténdose en frondosas carballeiras e logo pasando polas viñas que como é lóxico van cargadas nestas datas próximas a vendima.

O paseo é ben sinxelo, sen dificultades e inclúe unha derivación tamén sinalada para visitar o magnífico Mosteiro de San Clodio, hoxe fenomenal hotel onde casou algún bo amigo, e o conxunto rural tan fermoso. Mágoa que ao ir na bici non parei na Taberna de San Clodio onde tan ben se come.

Como dixen está ben sinalizado pero ten algunha deficiencia pola maleza crecida no verán, e penso que esta época de setembro ou un día de primavera son os mellores tempos para facer o paseo. O que si dende logo recomendo é que se faga en bici posto que é verdadeiramente máis entretido neste caso que non hai grandes pendentes.

Se ides de fin de semana lembrade que ademais do Hotel San Clodio, na zona hai boas casas rurais como Dona Blanca ou Viña Mein en San Clodio e outras tamén destacables polo val.