miércoles, septiembre 10, 2008

As vieiras da discordia


Anda todo o país revolto coa mesma teima , o asunto das vieiras está a traspasar fronteiras deixando en moi mal lugar os nosos productos e principalmente aos nosos restauradores.

Estou seguindo as novas nos diferentes medios e atopando información de moita calidade nos blogs de Manuel Gago e Colineta, que están facendo un seguimento intensivo e fiable do que está a pasar.

Detrás de todo o que está a acontecer hai varios problemas de fondo que veñen moi de vello no noso país:
O principal destes é o furtivismo no mar, algo con tanta tradición que a pesares de ter dado lugar ata serios problemas de orde público, está instaurado en moitos ámbitos como algo normal e as veces incluso simpático (lembremos ao Currás de Mareas Vivas). Pero realmente é algo gravísimo e que pon en perigo a solidez dunha das máis importantes e tradicionais formas de vida das nosas rías: o marisqueo. En primeiro lugar o furtivismo é unha competencia desleal contra aqueles que practican o marisqueo legal e que ademais arrisca a supervivencia das especies pois non respecta nin vedas nin tallas mínimas. Pero o máis preocupante , o que sen dúbida pon en alerta á sociedade, é a falta de seguridade alimentaria nos productos que se consumen, creando unha situación de alarma que mesmo pode botar abaixo todo o prestixio de productos consumidos e extraídos durante anos e cun sobresaínte historial de calidade.

Ante o furtivismo o único que vale é a vixiancia, a acción da xustiza ,pero tamén un ordeamento efectivo dos recursos e un coidado especial dos medios nos que se extrae o marisco, é dicir , manter as rías saneadas e limpas, un debe aínda nun país cos mellores ecosistemas para a crianza de moluscos, para que si alguén ten a tentación de delinquir non poña en perigo a nosa saúde.

Pero non debemos mirar para o outro lado ante a outra cara da moeda, os hosteleiros, aqueles que teñen a responsabilidade de coidar aos seus clientes e ofrecerlles productos de garantías, xa falamos de que en Galicia hai unha tradición moi fonda de comprarlle aos furtivos , unha tradición vergoñante pois non so busca aforrar cartos (pero cobrarlle igual ao cliente) se non que en certo modo é unha forma de engano ao cliente, en definitiva un fraude entre restaurador e consumidor, no que este último corre riscos innecesarios pagando cartos por eles.

Polas información que van chegando parece que a Toñi Vicente pillaronna coas mans na masa e tamén semella que non foi a única. Parece que mesmo quixo defenderse dicindo que as vieiras que lle ofrecían parecían normais, pero non ten excusas pois unha profesional deste calibre coñece perfectamente os regulamentos e as etiquetas que teñen que portar as vieras para poder ser comercializadas. Polo tanto todo parece indicar que a máis coñecida restauradora galega prestouse ao fraude e non so puxo en perigo a súa reputación e o seu negocio, se non que cometeu algo pior que foi arriscar a saúde dos seus clientes. Hai quen fala de linchamento mediático pero Toñi Vicente sabe ben que o seu restaurante é un estandarte da nova cociña galega e sae nos medios con máis frecuencia que o cociñeiro do churrasco da esquina, para o bo e para o malo.

Pero non so se perdeu con isto a reputación dun ou dous cociñeiros, agora mesmo parte da restauración galega está baixo sospeita e as consecuencias para os nosos productos poden ser nefastas, pois isto polo de agora está aínda a comezar.

A min tamén me preocupa moito algo que está nos principios de aquel que pretenda ser un restaurador exemplar: o coidado do producto. Ver que un dos máis afamados restaurantes do país pode facer iso preocúpame moito, pois se lle supón un cariño na procura do mellor para os seus clientes que así aparece derrubado. Agora máis que nunca os bos restauradores desta terra deben actuar con responsabilidade e xerar confianza, deixarse de corporativismo e aplicarse na transparencia co cliente.

Veñen tempos complicados e a desconfianza non axuda.

Por certo seica a distribuidora, da que tamén falarei pois si se confirma todo é a máxima responsable, que comercializaba estas vieiras tamén ten algún cliente na miña vila de Lalín...
Para homenaxear a Vieira, velaí vai a reposición dunha receita de Paparevivir.


4 comentarios:

Anónimo dijo...

Estupenda a túa crítica constructiva. Bicos. luz

Anónimo dijo...

Moi boa análise. Estou en total acordo co que dis.

J.Carlos Calvo Ulloa.

martal dijo...

totalmente de acuerdo, pero me parece bastante injusto que solo salga a relucir su nombre cuando 3 restauradores más están en el mismo caso...

Anónimo dijo...

agora falta o licor café, os furanchos, a matanza, as troitas de río...e se cadra ata as lubinas salvaxes pescadas por non profesionais

...por se queres enredar
apertas