viernes, agosto 29, 2008

Viño e Calidade/Prezo/Satisfacción (C/P/S)




Foi en La Vinya del Senyor un pequeno local do Borne en Bacelona cando escoitamos ao camareiro-sumiller do local a aseveración: “hoxe en día no mundo dos viños é moi importante buscar a relación calidade- prezo- satisfacción”. Certamente aos 4 amigos alí reunidos pareceunos un comentario ben acertado que apuntamos e incluso logo discutimos cos nosos limitados coñecementos enolóxicos pero axustados a afeccionados que gostamos do mundo do viño.

Alí na Praza de Santa María del Mar entre copas de viños variados que nos aconsellaba o rapaz de orixe mexicano puidemos degustar magníficos viños (por copa) que cumprían con esa máxima: que si un Barolo italiano, un Riesling , un tinto de Yecla,un Pinotage de Sudáfrica, un Priorat descoñecido…todos magníficamente retratados polo entregado camareiro-sumiller mentres lle faciamos consultas que respondía con solicitude: qué lle parecía a auxe do Bierzo, cales eran os brancos galegos que máis lle interesaban, qué tal os de Rueda ,a súa opinión sobre a enofamilia Palacios, cómo escoller bos Prioratos sen arruinarse , qué era o máis novo e interesante de Rioxa e de Ribera del Duero, Sauternes ou Tokaj, viños do novo mundo, ice wine…Con todo luxo de detalles e amabilidade foi contestando as nosas cuestión, nalgúns casos con loubanzas noutros con afiadas críticas.

Pero o certo era que mentres desfrutabamos deses viños por copa, un auténtico profesional estaba debullando ante nos todo un panorama enolóxico , remarcando esa idea de calidade/prezo/satisfacción e tamén insistindo na pescuda do auténtico, no renacer de cepas autóctonas, de vellas uvas moitas veces inxustamente esquencidas pero ben adaptadas a súa terra ,como dicía que ben se estaba a facer no Noroeste peninsular: en Toro,Rueda ,Bierzo pero tamén en Valdeorras, Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei…supoño que o que viña a dicir resumiríase en certa medida con esa palabriña francesa que tanto se escoita na boca dos entendidos , a importancia do “terroir”.

Algún pódese estrañar do insólito de topar cun camareiro con eses coñecementos pero a sorpresa reduciríase ao coñecer que La Vinya del Senyor pertence ao grupo Vila Viniteca, distribuidores de viños que destacan pola busca de caldos únicos, de pequenas producións de gran calidade, peninsulares ou foráneas e tamén pola sólida formación enolóxica do seu persoal, algo que xa puiden comprobar no Forum Gastronómico de Santiago cando o mozo francés que atendía o stand obsequioume cunha magnífica lección/degustación que podedes atopar nos arquivos do blog.

Agora algúns meses despois algún dos amigos que estaban comigo nese día reclamáronme unha valoración desa máxima C/P/S e o certo é que non podo máis que confirmar a súa validez na miña modesta opinión , que me levou ademais ata algunhas simples conclusións:


- Hoxe en día pódese desfrutar de grandes viños na casa por arredor de 10 € a botella e menos , buscalos e atopalos é tamén un pracer aínda que as veces non se acerte, pero neste caso o error é barato. É dicir pódese atopar satisfacción mesmamente na procura dunha boa relación calidade/prezo.
- A C/P/S non debe ser un fin se non un método , debemos poñerlle prezo á nosa satisfacción pois pódese disparar o binomio calidade/prezo. Ten que haber equilibrio entre os 3 factores
- Non parece apropiado hoxe en día , se nos decidimos pola filosofía C/P/S gastar moitos cartos no viño nun restaurante (salvo nunha gran celebración), aínda que o viño sexa bo, pois os prezos están moi elevados en relación a como podemos desfrutar ese viño na nosa casa. Eu márcome un límite máximo arredor dos 20€ . Pagar máis pode ser excesivo (no meu caso) , incluso haberá xente que se sinta molesta de ter que compartir un elevado gasto na factura (comensais que non beben) e ademais resulta moi simple escoller un viño moi caro. Cada un ten un baremo C/P/S propio.
- Nalgúns casos a C/P/S pode ser sinxela e baratisíma: ¿qué mellor viño que un bo tinto Ribeiro ou Mencía do ano fresquiño e frutal para acompañar a unhas sardiñas na brasa?.


Como podedes ver cantas conclusións para unha hora de viños nun bar, supoño que algunha xa a tiña na mente pero gracias a esa visita logrei relatala. Tamén é certo que debido a ese bo momento penso repetir cando volte a Barcelona e La Vinya del Senyor queda xa marcado como parada obrigatoria , igual que a visita a La Boquería e ao Pinotxo.

Da próxima aproveitarei para tratar de lograr a única mesa do piso superior e ademais de viño degustar algunhas delicatessen da carta apurando un grolo dun viño C/P/S mentras se observa a Catedral del Mar dende a fiestra. Lin pola blogosfera adiante que pola noite co famoso templo iluminado aquela mesa non ten prezo.


Por certo algúns viños que eu considero C/P/S e que se me veñen a mente: Rívola de Abadía Retuerta (Castilla y León) , Cyan crianza e Baco (Toro), Pitaccum ,Dominio de Tares Cepas Viejas e o magnífico Ultreia de Valtuille (Bierzo), Vilerma , Casal de Armán , Viña Mein ou San Clodio (Ribeiro),Guitián e Louro do Bolo (Godello-Valdeorras), Albariño do Ferreiro (Rías Baixas), Joaquín Rebolledo (Mencía –Valdeorras),Algueira (Mencía- Ribeira Sacra) Coto de Hayas (Campo de Borja), Enate Cabernet-Merlot (Somontano), El Perro Verde (Verdejo-Rueda) Dido La Universal (Monsant), Nita (Priorat), uns clásicos deste apartado Herencia Remondo La Propiedad ,Viñas de Gaín e Sierra Cantabria Crianza (Rioxa) , Mano a Mano ou xa un pouquiño máis caro pero fenomenal El Vínculo (A Mancha), Castell del Remei ODA (Costers del Segre)…e moitísmos máis. Non entro nas añadas de cada un porque a min iso xa se me escapa.
Gustaríanme aportacións vosas a esta listiña.


Entrada dedicada aos meus amigos Alfonso, Manuel e Marcos.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Unha boa lista de viños, hai que beber menos lambón.Je, je.

kuku dijo...

que recuerdos...un domingo fantástico...gracias a Dios que pasamos del futbol.
un bico

Anónimo dijo...

qero engadir o Mauro, de Castilla Y León, un dos mellores tintos que bebin

O pai de batman e spiderman dijo...

Gran post y memorable jornada gastronómica.
Un abrazo.