martes, agosto 19, 2008

Restaurante Pandemonium, Cambados




Hai algo máis dunha semana , acompañado dun grupo de bos amigos achegámonos ata o Pandemonium de Cambados, restaurante que so eu coñecía a pesares de non ter estado nunca por alí, como?, pois a través de ver ao seu chef Antonio Botana cociñando no Forum Gastronómico de SCQ.


Daquela impresionoume o seu coidado polos productos dos nosos mares, a súa querencia polos cefálopodos das nosas rías e a pulcritude nas coccións. Botana é un estudioso dos puntos de cocción de peixes e cefalópodos que ademais presenta no prato tal como son , deixando clara a súa natureza.


Pedimos o menú degustación (37,5 € IVE incluído) e puxémonos a desfrutar:


De entrada unha melosa e fresca Sopa de tomate con albahca e lombos de sardiña que fai abrir boca para un delicioso prato que segue a continuación: Vieiras con migas de pan de broa e azeite de Piquillo, o punto da vieira perfecto e a combinación de sabores moi axeitada , con moitos sabores de vello.


A continuación o Polbo a baixa temperatura en xelatina do seu xugo e aire de La Vera, prato que recomendei aos meus amigos e que decepcionou pois aínda que é fermoso na presentación ,neste caso a cocción do polbo deixouno algo chicloso. Eu recomendara este prato porque a textura do polbo que eu probara era homoxénea e neste caso non se consigueu.



Para emendar degostamos unhas magníficas Luras da Ría con tomate confitado e pistachos, neste prato a cocción na prancha é magnífica, a textura perfecta e da gusto ver a a lura enteiriña no prato exhibindo todas as súas carnes.


Xa achgándonos ao final chegou o mellor dos pratos a pesares da súa sinxeleza, foi a Dourada da Ría Asada, un taquiño de ese peixe que desfrutamos na súa frecura e cun sabor intenso pero tamén delicado que nos deixou marabillados a todos.


Para rematar un pouquiño de carne cun xugoso Secreto de ibérico , pouco feito para o gusto dalgúns pero que ao meu parecer mantén o gusto e as texturas de tan preciado animal.


Para os postres unhas correctas Fresas asadas con xeado de nata e un goloso Pastel de chocolate con xeado de laranxa: sabrosos e sinxelos postres sen algaradas pero que sintonizan coa partitura proposta previamente por Botana.


En resumo, penso que Pandemonium é unha boísima opción na Comarca do Salnés, sen dúbida a máis económica dentro dos restaurantes de cociña innovadora e elaborada desa zona (Menu Degustación+ viño medio + copiña: 51€) , a ter en conta nos tempos que corren. O local cun deseño moderno co predominio do vermello pero á vez acolledor. Quizas na bodega precísase dalgún esforzo por incorporar algúns viños innovadores pero cunha boa relación calidade/prezo e que den un pouco de xogo aos comensais.


A nota é alta e agardamos que siga progresando , tamén lle desexamos sorte a Botana pois o restaurante para ser un xoves noite de agosto estaba algo falto de ambiente, non así a vinoteca.


Por certo fixen a reserva a través do mail como proba e funcionou, chamaronme por teléfono para confirmar, estes avances agradecense.

Nas fotos hai algunhas de Gourmet de Provincias e da propia web de Nove,moitas gracias.