martes, agosto 26, 2008

La Posada del Mar , O Grove



Non escribo habitualmente no blog de restaurantes tanto de Lalín como de O Grove, pois ambas son as zonas nas que máis frecuento a hostelería e polo tanto a miña opinión sexa boa ou mala sempre me pode comprometer algo con xente coñecida. De todos os xeitos como
parte da xente que le este blog tamén frecuenta esas zonas nas vindeiras semanas reflexionarei sobre o estado de ambas gastronomías neses dous Concellos que tanto quero.
Pero ben como listes no título desta entrada hoxe toca falar do que probablemente é o máis afamado local da vila meca.

Levo indo a esa casa dende pequeno e algo que máis ou menos puiden ir comprobando é que este é un restaurante que non cambia, algo que neste caso é unha virtude.

Ao lado da Ponte da Toxa a familia Veiga leva varias xeracións facendo con éxito da comida do mar o estandarte da súa cociña. Na Posada non habedes atopar preparacións modernas ou productos novos, neste rincón do Grove está o sabor do mar galego de toda a vida.

Na carta da Posada conviven os mariscos , normalmente de primeira calidade e aos prezos que manda o mercado, con grandes peixes cociñados de xeito sinxelo pero con moito cariño e tradición. Podemos comer unhas boas ostras, ameixas, navallas, berberechos, cmaróns da ría, percebes de Ons, xoubas, fantásticas lubinas, mero...

Para min algo no que destaca principalmente é nos guisos tradicionais e mariñeiros dos peixes, entre os pratos máis recomendables que perviven na carta eu destacaría o contundente Guiso de Rodaballo, o Guiso de calamares, o Bonito con tomate , as cocochas en salsa verde...todos eles pratos cunha evidente esencia mariñeira coidados co cariño do paso de sabores entre xeración e xeración.

Cando un está no Grove e quere regalarse un bo guiso do mar en racións xenerosas , dende logo esta é a mellor opción, pero tamén ten os seus pequeniños defectos: un local clásico pero que merecía unha mínima renovación, o comedor cando está cheo é ruidoso e unha bodega ampla e clásica na que se bota de menos algunha innovación en Ribeiros ou Godellos.

En canto ao prezo dicir que depende do que se coma pero para facerse unha idea o meu último menú alí:

3 pax:

- 1/2 Ducia de ostras para 2

- Navallas ao vapor para 3

- Guiso de rodaballo para min

- Bonito con tomate

- Cocochas con ameixas

- Unha botella de viño de 21 €

- Auga mineral

- Pan

- Cafés


A 36 € por cabeza, se non te metes en mariscos caros podes sair airoso. Por certo no vran convén reservar, principalmente na primeira quincena de Agosto sempre está cheo.


Como non saquei fotos poño algunha da zona.