viernes, julio 18, 2008

Rutas por Galicia 1



A miña prima Itziar pídeme que lle faga algunhas rutas pola terra da súa familia materna para traer ao seu mozo catalán e deixalo abraiado coa beleza do noso país. Ela que leva vindo a Galicia alomenos unha vez ao ano desque naceu e viviu en Almería, Cádiz, Bilbao, Cambrills e agora en BCN non coñece máis que algúns básicos como Santiago, Pontevedra, Vigo, etc ,e ben a fondo ,a península de O Grove e Lalín polo que certamente venlle ben unha axudiña, polo que imos tratar de guiala e aproveitar para outra xente que me ten feito peticións parecidas.
Este é o primeiro dos post no que tratarei de facer rutas que expliquen algo ben a beleza da nosa terra.
Por certo están máis pensadas cara o vran pois cada estación marca tamén os intereses.

RUTA DO INTERIOR-COSTA SUR (aproximadamente 3 días)

Esta é unha rota que trata de mostrar en pouco tempo as contrastes de Galicia interior-costa visitando de paso algunhas das cidades.

Inicio:

Lalín (non podía ser doutra forma):
- Como sabemos o casco urbano da vila non ten moito que destacar , pero é evidente de que Lalín merece unha visita as súas carballeiras e fragas co exponente máximo da Fraga de Catasós , hoxe área protexida, se se quere pódese profundizar na zona de Zobra- Vilatuxe cunha visita á magnífica aldea da Trigueira, pode incluir baño en augas cristalinas , iso sí fresquiñas.

- Agora colleriamos a AP-53 ata Cea , sairiamos e colleriamos cara a Oseira para visitar o chamado -algo pretenciosamente- "Escorial galego", recomendable visita ao interior e que os monxes nos conten algo da súa espléndida historia. De Oseira colleriamos a estrada que nos leva a Monte Faro, onde fariamos unha parada nese punto xeodésico para divisar todo Deza ata o Pico Sacro , as cuncas do Miño e parte do Sil e as Terras do Arenteiro.

- Baixariamos do Faro ata Rodeiro e tirariamos pola estrada que nos leva ata A Golada e colleriamos dirección cara á Lugo. Alí é obrigado pasear polas Murallas milenarias e percorrer o casco histórico facendo parada nos viños e tapeando. Lugo é un lugar moi aconsellable para comer ben e a prezo.

- Saíndo de Lugo cara a Madrid a poucos Quilómetros está o desvío indicado cara á Casa Da Fervenza, na que sin aloxarnos nela se pode dar un paseo polo impresionante Fraga da Fervenza , á que tantas e tantas veces lle teño feito referencia neste blog. Pódense alugar bicis para pasear na casa sen estar aloxado. Dende a Fervenza cara a Sárria e dende alí a Samos onde nos meteriamos xa nunha das partes máis fermosas do Camiño de Santiago.

- Dende Samos e tras ollar ou visitar o Mosteiro se imos con tempo podemos visitar a fabulosa aldea do Cebreiro, entrada en Galicia do Camiño Francés, algo alonxada da ruta. Se non colleriamos cara ao Courel atravesando a fermosísima Serra de Louzara parando xa no Courel na aldea de Seceda e collendo logo para un lugar imprescindible, A Devesa da Rogueira, o compendio dos bosques galegos, toda exhuberancia.

- Despois da Devesa , marcaremos dirección a Quiroga e logo a Monforte, ese tramo de Nacional ten varios puntos onde se poden ir facendo paradas e adentrarse nos Cáñóns do Sil, dende Monforte seguiriamos cara a Ourense e como no anterior tramo son moitos os puntos onde nos podemos adentrar para ver os Cañóns.

- Chegamos a Ourense, veremos a Ponte Romana e a Zona Vella, como en Lugo bos viños e boas tapas, podemos achegarnos as Burgas ou mesmo as fontes termais do Miño e tomar un baño. Dalí colleriamos a Autovía con dirección Madrid para achegarnos a Allariz, cun casco vello perfectamente restaurado e cunha armonización do río que paga a pena ver. En Allariz hai moi bos locais para comer ou picar.

- De Allariz voltariamos coller a Autovía pero agora con dirección Vigo, e fariamos o treito máis longo en coche para a transición interior-mar. O obxectivo é chegar a Tui ou visitar Valença para tirar cara A Garda e ir parando nas fermosas paisaxes do estuario do Miño que divisaremos á perfección na visita obrigada ao Castro de Santa Tegra. Nesa zona da Garda-O Rosal podemos achegarnos ata algunha bodega de Albariño ou as praias da desembocadura

- Dende A Garda colleriamos unha das estradas de mar máis bonitas e salvaxes de Galicia, a que nos leva ata Baiona, as paisaxes son impresionantes, non hai praias , pero sí moi boas vistas. Obrigada a parada en Santa María de Oia co seu Mosteiro do mar e o casco en rehabilitación. Non está de máis coller algunha das estradas pequenas que suben pola montaña e disfutaremos dunhas vistas espectaculares.

- Finalemente remataremos en Baiona, vila histórica e turística, con grandes praias como Praia América, ainda que eu aconsello achegarse a Patos en Nigrán. Certa masificación no vran, moito ambiente e normalmente o bo tempo está case asegurado.

1 comentario:

itziar dijo...

Mil gracias Nico!supercurrado!
y tb es mi tierra ( no sólo la de mi familia materna) que yo también soy gallega!
Haremos esta ruta, pero ya que estás,también podías hacer una por la costa norte no?
gracias!!
Itziar