lunes, mayo 12, 2008

Mesón O Pote, algo máis que rosquillas en Piloño

Nas lindes da miña comarca (O Deza), nas súas terras baixas caracterizadas por unha climatoloxía suave e benigna cunha vexetación exhuberante está Piloño, aldea-pobo famosa polas súas rosquillas e por ser a se da Solaina de Piloño proxecto artístico-cultural do pintor Paco Lareo.
Pero en Piloño non so de rosquillas vive o home, pois aparte dunha tamén afamada discoteca de domingos, atópase o sorprendente Mesón O Pote.
Hai uns meses fixen aquí unha enquisa sobre os mellores restaurantes da comarca e non incluín iste debido a que non o coñecía pero ben merece meterse na lista de recomendables do Deza.
O Pote está ao fondo de Piloño indo dende Cruces, é unha casa grande con aspecto rústico e cun bo aparcamento. Ten un bo comedor decorado ao mesmo estilo que a casa, con vistas a unha pequena eira interior.
A súa carta está chea de referencias tradicionais con concesións a innovación, destacan as carnes e os arroces (usan o de Calasparra), pero tamén teñen espazo para os cogumelos, os chipiróns e outros peixes de tempada.
Eu nesta primeira visita decidinme por unhas filloas recheas de boi de mar , que estaban correctas , quizais a masa algo grosa, pero moi ben de sabor. Continuei cun entrecosto de boi (iste de terra) que serven cunhas patacas novas asadas , de sabor delicioso feito na grella e co punto que eu pedira. Despois como María pedira un arroz con galo de curral axudeina a rematalo e teño que confesar que a súa elección foi mellor que a miña pois o arroz moi sabroso viña acompañado duns anacos de verdadeiro galo de casa , coa súa carne escura , con sabor a polo de verdade e a pata de pel enrrugada. Por certo , as racións son ben xenerosas.
De postre unha lograda crema de iogur con espuma de mango que valeu para facer a dixestión da boa enchenta.
Na carta de viños boas referencias de Mencías de varias zonas do país: Ribeira Sacra, Valdeorras, Bierzo, Monterrei... e poucos pero ben escollidos viños doutras D.O. españolas.
Por certo , o servizo magnífico e atento , moito máis coidado do que é habitual no noso país. O prezo axeitado para o comido e o bebido arredor de 32 €.
Un bo restaurante a 25 min de Lalín e aos mesmos de Santiago que é unha boa solución nesta comarca e unha grande excusa para visitar as fermosuras que hai por esa zona: Fervenza do Toxa, Mosteiro de Carboeiro, Insuas de Gres, Pazo de Oca...