miércoles, abril 02, 2008

Deli Deluxe en Lisboa



Un dos descubrimentos desta viaxe a Lisboa foi atopar este local cheo de fantásticas delicatessen e cunha selección de viños impresionante.

O Deli Deluxe é un espazo moderno , de altos teitos tipo loft de aspecto industrial , que está fronte a Estación de Santa Apolonia, ao lado dos peiraos case pegado a A Bica do Sapato.

No seu interior podes atopar desde froitas e verduras de calidade, embutidos de moitos lugares e unha gran selección de delicatessen: pastas, especias, conservas de calidade, chocolates...todo un paraíso e tentación.

Pero non so ten papatoria e de feito o máis destacable é a súa gran selección de viños, con predominio lóxico de viños portugueses con atención especial para os de Douro e Alemtejo. Tamén teñen una importante representación de caldos franceses (moitos espumosos), italianos e dende logo españois. Tamén había galegos , gustoume e sorprendeume atopar o Godello As Sortes, magífico branco do que xa teño falado pero difícil de conseguir pola reducida produción.

Destacar ademais de que teñen unha pequena barra onde serven viños e tapas nunhas mesas dentro do local ou na moderna terraza que ten mirando cara ao Tejo.

Por certo , nos non o probamos, pero seica nas fins de semana teñen un Brunch do máis apetecible e polo que vin a uns prezos ben contidos.

Evidentemente deixeme levar polas tentacións e comprei conservas portuguesas, algunhas pastas e viño. Optei polo Douro, sen coñecer moito , deixandome guiar e atendendo principalmente á calidade/prezo.