domingo, marzo 23, 2008

Ancares



Ademais de Lisboa, nesta Semana Santa tamén houbo lugar para achegarme aos Ancares con Carlos e por último a San Vicente.

A visita á nosa Montaña máis salvaxe foi moi ben aproveitada, foron escasamente 2 días pero paseamos e rastreamos as fragas , o vales , as malladas e os cumios desta Serra. Os Ancares son unha das grandes riquezas de Galicia e considero que a súa declaración como Parque Natural é unha necesidade para a súa boa conservación e unha oportunidade para o desenvolvemento económico e de servizos para os seus habitantes.

O reducto galego do oso pardo, a posible derradeira morada na nosa terra da pita de monte, as carballeiras de montaña cheas de vida por descobrir, as pallozas das aldeas prerrománicas, as cimas brancas das montañas, os acevais frondosos ...fan dos Ancares un auténtico paraíso.

Nesta ocasión aparte de subir a algún cumio puidemos observar fauna e vimos varios corzos pertiño de Suarbol (que non nos dou tempo a fotografiar) e un rebeco pacendo polas rochas próximas ao Corno Maldito.

En vindeiros días recomedarei algunhas rutas e botarei un video dos percorridos.