lunes, febrero 11, 2008

No alto do Faro




Logo de comer en Pedroso aproveitando a claridade destes días decidín achegarme ao Monte do Faro e subir ata alí arriba para desfrutar da inabarcable paisaxe que alí se observa.

O Monte Faro está a 1187 m. de altitude representando o cumio máis alto da provincia de Pontevedra e marcando límites coas de Ourense e Lugo. Se miramos cara ao Norte están o Val de Camba, o Arnego, A Comarca do Deza e pódese chegar a ver o Pico Sacro con facilidade.
Se miramos ao Oeste atoparemonos cunha vista do Alto de Santo Domingo de Dozón e as Serras do Testeiro e do Candán. Mirando para o Sur temos a zona de Oseira e toda a depresión da cunca do Miño, chegando a verse o encoro de Belesar e ao lonxe os Macizos Ourensáns e finalmente cara o Leste está o Farelo , o nacemento do Ulla, Monterroso, etc. Máis ao lonxe adiviñanse as Serras Orientais.

Ademais da súa importancia xeográfica ten moita importancia relixiosa pois alí celebráse a Romería da Virxe do Faro , sendo un importante lugar de culto.É propio de alí tamén subir a beber na Fonte da Virxe. Contan os historiadores que este xa debía de ser un lugar de culto prerrománico pero coa chegada dos romanos e o cristianismo adaptouse e despaganizouse coma en outros moitos puntos do noso pais.

A vista estaba espectacular e gustoume subir ata alí pois debía facer máis de 5 anos que non ía.

Logo collín camiño cara a Oseira, pero xa falarei máis adiante.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Que bonito o Monte Faro, que morriña.