lunes, enero 28, 2008

Código Cociña


Estivo colgado un día pero retireino porque non fora presentado oficialmente, pero quí o tedes trátase do Código Cociña, que ben a ser coma un manual de boa conducta para os blogastrónomos. Evidentemente Paparevivir asinao.

O texto foi redactado orixinalmente en lingua galega por Manuel Gago coa colaboración de Óscar Beiro, Soledad Felloza, Jorge Guitián e Miguel Vila. O texto discutiuse dentro da lista de blogastrónomos galegos e presentarase o 18 de febreiro de 2008 no marco do Fórum Gastronómico de Santiago de Compostela.

Son novos tempos para o mundo da gastronomía e o viño. Cada vez máis consumidores constrúen a súa propia voz en blogs e outros formatos das redes sociais de Internet, comunicando e intercambiando con outros consumidores e interesados valoracións, recomendacións e experiencias ao redor de produtos, locais, territorios, persoas, marcas, etc.

A blogosfera e as redes sociais estanse constituíndo como un poderoso referente que unha gran audiencia utiliza para decidir onde ir, que facer, que comprar ou para coñecer a actualidade neste sector de crecente interese nun momento no que o papel da crítica e as guías tradicionais estase reformulando e enfróntase a novos retos. Ocupar esa crecente esfera de influencia social e económica e axudar a decidir a un segmento crecente de audiencia, deposita sobre os escritores, creadores e editores de blogs unha gran responsabilidade sobre a mensaxe que se comunica e a súa repercusión en consumidores e produtores.
As autoras e autores de blogs e webs con contidos enogastronómicos que subscribimos este Código cremos que é o momento de dar un paso adiante. Cremos no intercambio de voces, no crecente papel de Internet e destes novos formatos de publicación. Cremos na voz do consumidor e do usuario. E porque cremos na súa importancia, queremos apostar por publicar un contido de calidade, fiable e crible, nos nosos blogs e webs sociais. Por iso queremos manifestalo publicamente, compartindo entre todos uns principios básicos de autorregulación que aplicamos na elaboración dos nosos contidos, que respecten a independencia e liberdade creativa do autor ou autora e aos que calquera que así o desexe e comparta, pódese adherir.

Os principios do Código Cociña

1.Nos nosos textos, diferenciamos claramente a información da opinión subxectiva sobre un feito, lugar, produto ou servizo, rectificamos os erros de contido que podamos ter cometido e acreditamos a autoría ou procedencia do contido que non creamos, agás que a fonte orixinal indique que non é preciso.
2.Rexeitamos a publicación de inxurias e calumnias a terceiras persoas nos nosos blogs, tanto nos textos da nosa autoría como naqueles comentarios que incorran nestas prácticas e reservámonos, polo tanto, o dereito de eliminar calquera participación neste sentido sen que isto supoña, na nosa opinión, menoscabo da liberdade de expresión dos autores ou dos participantes.
3.Sinalamos se o produto ou o servizo do que falamos foinos remitido polo seu promotor ou propietario, se obtivemos beneficio por iso e se a información que publicamos non foi comprobada por nós mesmos. Na medida do posible, indicamos as canles polos que tivemos acceso ou coñecemento a ese produto/servizo.
4. Indicamos se temos unha relación de parentesco ou amizade cos responsables ou propietarios dos produtos e servizos dos que falamos. Igualmente, sinalamos calquera trato de favor, de preferencia ou diferente ao do consumidor habitual do que podamos ser obxecto.
5.Sinalamos, sempre que sexa posible, o prezo dos produtos ou servizos dos que falamos.