jueves, diciembre 20, 2007

A vidriera de Isaac Díaz Pardo e novo manifesto de apoio




O grande artista galego e un dos máis importantes referentes da nosa cultura don Isaac Díaz Pardo ven de inaugurar unha vidriera no Parlamento de todos os galegos, penso que ista é unha mostra do agradecimento que lle debemos e da súa xenerosidade co seu país. A vidrieira de Laxeiro xa non está soa.
Por outra banda pódese asinar un manifesto de apoio a Díaz Pardo na súa loita coa nova dirección de Sargadelos e a falta de apoio institucional que está atopando nesta páxina web (na que os que non coñezan os seus méritos poden ler a biografía) ou enviando un correo de apoio a esta dirección xmavera@hotmail.com.

SE CALAMOS SEREMOS CÓMPLICES

Dende hai un tempo estamos asistindo a unha operación empresarial pola que se aparta a Isaac Díaz Pardo, da toma de decisións de Sargadelos, relegando así a aquel que fora alma mater e fundador das fábricas de Sargadelos e O Castro, creando con Luis Seoane ese emporio cerámico e cultural e converténdoo en sinal de identidade de Galicia. Falar de Sargadelos e O Castro é lembrar a labor dos exiliados, da unión da empresa e a cultura con base na tradición e o compromiso; é falar do home que traballou para manter a memoria da guerra e a represión cando ninguén o facía, da recuperación dos escritores que andiveron lonxe e remataron acollidos ao redor desa casa común, pero tamén dun home a quen sempre vimos traballando, facendo todo tipo de labores pois de ningunha delas se avergonzaba, e tanto cargaba paneis de exposicións na subida ao Museo do Pobo Galego, como deseñaba mobles e pergueñaba edificios que se recoñecen como seus. Neste momento, falar de Isaac é facelo de alguén traizoado polos seus -en palabras de Avelino Pousa Antelo- e Díaz Pardo debe ser o orgullo de todos os galegos de ben, moitos xa publicaron os seus escritos, outros fanlle homenaxes,... pero non debemos calar ata que se faga xustiza. ¡COMO CALAR...!

1. Ante o silencio público mesturado con informacións confusas.

2.Ante as institucións públicas que semellan mirar para outro lado.

3.Ante o paradoxo de que quen máis fixo pola recuperación da memoria histórica se atope en situación de silenciado neste momento de leis e anos conmemorativos.

4.Ante unha actualidade na que semella que o mundo da empresa establece os valores (o novo Sargadelos) e non hai ninguén que encabece a masa crítica desta sociedade civil disposta a defender a este home pero tamén a unha empresa que ha de estar por riba dos accionistas por ser xa case unha institución.

5.Ante a caída en picado dunha empresa que acaba de vender a súa tenda en Milán e vai facer outro tanto en Lisboa, cando nos representa a todos e non podemos deixar ao dispor duns accionistas que non se dan conta, de que o que se traen entre mans é algo que os galegos e galegas sentimos coma un proxecto cultural, unha representación do país que só pode ser de Isaac Díaz Pardo e de todos nós.

Por isto, necesitamos que alguén poña sentido no mundo empresarial, coloque os cartos no seu sitio e lidere este movemento de vontades para restaurar a xustiza cun dos nosos homes máis ilustres, cos mortos que o acompañaron neste empeño e co que hai de Galicia nese proxecto. Pedimos axuda aos avogados dispostos a argumentar e tramitar os papeis necesarios, aos políticos e deputados para xestionar as maneiras de resolver este conflito, aos intelectuais para opinar diante dos micrófonos e xornais, aos consumidores para demostrar o seu valor, é dicir, que cadaquén faga o posible para abrirlle os ollos á xustiza e poñer a cada un no seu sitio. Se seguimos calados seremos cómplices da inxustiza que se está realizando con Isaac Díaz Pardo e coa memoria cultural de Galicia. Tal vez teñamos que dicir que Isaac somos todos e todas nós defendendo, de novo a dignidade.

En Compostela a principios de decembro do ano 2007

3 comentarios:

invertebrado mamífero dijo...

unha vez máis...¡...entérate bien!
a túa vella coñecida Irene de Cervo-Sargadelos pódeche dar ampla e contrastable -pública- información da xenerosidade e eficiencia de Díaz Pardo como Presidente, con máis de oitenta anos, dunha empresa internacionalizada do século XXI, e dos soldos cobrados -están no Rexistro Mercantil- por él e a súa familia.
A vidrieira, fermosa, pero "al César lo que es del César"

Anónimo dijo...

Xa fixera un comentario ao respecto nun asunto anterior relacionado con este tema; este señor merece tódolos respetos como artista e intelectual galego e incluso como empresario, agora ben o tema empresarial non creo que teña que ser considerado coma algo de interés público no que debamos tomar partido persoas alleas ao que é unha empresa privada por moito que sexa un símbolo deste país. Ninguén está máis lexitimado para tomar decisións dentro dunha empresa que o seu Consello de Administración.
Por outro lado resulta unha falta de consideración hacia moitísima xente que neste país pasa apuros para chegar a fin de mes que este señor se amose coma unha probe victima cando está probado que é millonario él e a súa familia máis directa, alguén dirá que é millonario porque traballou arreo miotos anos e eu respondolle que igual que a maioría dos galegos que se pretende firmen ese manifesto.

un saudo e un saudo a Miguel

J.Carlos Calvo Ulloa.

Anónimo dijo...

Esto non é que teña moito que ver con este asunto pero teño a necesidade de expresar o que sinto e aproveito:
Acabo de ler no diario "La Voz de Galicia, 21/12/07" que onte celebrouse unha edición (descoñeco cal) dos "Premios Fernández-Latorre" cos que o centenario diario premia a persoeiros relevantes da vida pública galega,e creédeme que me provocou naúseas ver que a galardoada é Carmela Arias, condesa de un dos cancros de Galicia (Título éste concedido por Franco con non sei ben que lexetimidade e como premio por terse enriquecido a costa de anegar a nosa terra a precio de saldo)no acto valorouse o moito que esta señora leva feito por Galicia. E digo eu que dende logo algo faría; pagaría algunha que outra restauración arquitectónica, ben!, daría algunha que outra beca, ben!, e sí, un largo etcetera de accións para a galería dende unha Fundación creada basicamente para deducir parte duns beneficios que producen vértigo. Todas esas obras disfrazadas de "sociais" son unha insiginificancia comparadas co que ela lle debe a Galicia,é ela a que debería de premiar a Galicia pagando un canon extra que se nega a pagar e sobre o que os seus directivos en actitude chulesca e intimidatoria, a grosso modo, chegaron a dicir que se Galicia non acepta as súas condicións se irían para outro sitio, jajaja, en que rexión da península ou de Europa occidental poderían facer o que levan facendo eiquí, pregunto?.
Mirade a min que "La Voz de Galicia" entregue premios paréceme fenomenal, é máis, tendo en conta que se trata dunha empresa privada entendo que premie a quen considere oportuno,dame igual, o que non entendo nin aprobo e que este premio fose entregado ca presenza e connivencia de representantes do pobo galego coma Anxo Quintana, Dolores Villarino, María Xosé Caride...
só teño unha última cousa que dicir: Puaaaagh!!!!.

Un Saudo.

J.Carlos Calvo Ulloa.