martes, diciembre 18, 2007

Novamente ...e para comer Lugo!




E digo novamente porque xa puxen previamente unha entrada cun nome igual. Na pasada fin de semana fun cun grupo de amigos polas terras de Lugo (teño gran afición por elas polo que vedes) concretamente a unha casa rural das que falo moito : A Fervenza, pasámolo moi ben e o podedes seguir no video que teño colgado na páxina, mais nesta entrada falarei das grandes e memorables papatorias das que demos conta.

A primeira foi na mesma casa rural onde fan cociña tradicional, neste caso adapatada a tempada na que estamos: moita caza, setas , carnes o forno , caldo. Todo moi correcto no seu fermoso comedor coa fonte e o forno do pan, precisamente onde se asou o máis salientable da comida, pedido por Luis, unha paletilla de lechazo no seu perfecto punto. A comida estivo ben , algo lenta , pero foi unha boa toma de contacto. Teño outra crítica deste restaurante no mes de Outubro con Rafa.

Pola noite fumos a un dos mellores restaurantes de Galicia en relación calidade/prezo, xa teño falado del pero nunca está de máis recoñecer os esforzos da xente que da ben de comer, nun ambiente moi agradable e por un prezo axeitado. Trátase coma non de Casa Paco, do que tamén teño falado aquí máis veces. A pesares de ser moitos, con nenos incluídos , a cea foi moi boa e barata. Por exemplo eu comín : os entrantes, empanada de zamburiñas e pastel de cabracho, e media perdiz estofada ,moi ben preparada, piquei de postre doutros, bo viño, unha copiña e todo por 25 €. O menú do resto foi similar e polo que dixeron Manuel e Luis o codillo estaba espectacular. Casa Paco é sempre un acerto.

Finalmente o domingo fomos a un dos restaurantes máis coñecidos da zona de Lugo aínda que esta na saída para Oviedo. Trátase de A Palloza, coñecido tamén polos seus banquetes, a cantidade de coches que alí había era incrible pero no salón que nos comemos había unha gran tranquilidade e espazo e o servizo foi moi correcto e rápido. Comemos moi ben , eu non o coñecía en detalle e sorprendeume gratamente. Ningún dos que comemos (eramos 10) tivo queixa e saímos encantados , a conta non foi barata pero tampouco cara (32 € por cabeza). Por exemplo eu tomei de 2º unhas fabas de Lourenzá con lebre que estaban deliciosas e probamos unhas filloas recheas de perdiz que eran memorables. Outro acerto recomendable.

Ben como podedes ver penso que non habería queixa do xantado por parte dos asistentes. Houbo tempo de tomar algún viño por Lugo en lugares como o Verruga onde no escaparate de fora podíanse ver estes fabulosos percebes,a foto non lles fai toda a xustiza.