lunes, julio 16, 2007

¿Galicia existe no ano 2007?


Chegou xa o primeiro artigo sobre Galicia, teño que confesar que cunha rapidez abraiante porque fixen o encargo hai menos de 24 h. O seu autor prefire que sexa un texto anónimo i eu non farei máis que respetalo , pedirialle a aqueles que saben quen é que respetarán esa condición que me puxo para a publicación. É un grande artigo ainda que non se coincida con el de cheo, seguramente un desafío para os que virán despois.


¿Galicia existe no ano 2007?


Non sabería cómo definir o que é Galicia.

Sei, coma moitos, que existe un lugar no noroeste da península ibérica no que vai bastante frío e chove durante máis de dez meses ao ano; no que existe un fermosísimo e único ecosistema chamado ría, onde augas doces e salgadas, terras de labrantío, rochas e areais, conviven nun fráxil equilibrio, constiuíndo unha das áreas de maior vida que existe no mundo.

Un lugar protexido ao leste por doces cadeas de montes non moi altos que son berce de ríos curtos e xenerosos, e no oeste por illas cercanas, fermosas e accesibles a pequenas embarcacións.

No medio, infinidade de realidades, desde a maxia de Mondoñedo e o seu tarteiro algo feirante, ata o polbo mellor cociñado dos que temos probado nunca, servido polos pulpeiros de Lalín e Carballiño.

Hoxe quixera falar do bonito, do amable, porque máis alá desa terra que abre Europa a América, hai outra realidade, os galegos, que provocan en moitos lugares do mundo sentimentos de cercanía, de identidade e de accesibilidade, que eu identifico coa paisaxe galega.Pero é difícil falar só do amable, ao menos para min.Galicia, na medida en que exista, pertence desde hai séculos ao mundo occidental "rico", o mundo que creou a cultura hoxe dominante no mundo inteiro, definida principalmente polo liberalismo, o capitalismo e o colonialismo ( para os que prefiran, pola democracia representativa, a economía de mercado e o comercio internacional). Quizais por isto, dos máis de 400 millóns de nenos esclavos que hai no mundo, seguramente poucos son galegos.Ante esta situación privilexiada, os galegos fomos realmente pouco protagonistas dos grandes cambios mundiais, así como tamén pouco absorbedores do expolio económico e do sometemento político aos países do sur. Máis ben, fomos tamén expoliados, emigramos e, característica fundamental desta Galicia que non sei se existe, adaptámonos.Tamén nos adaptamos, hai que precisalo, a ser dos máis pobres do mundo rico.

Galicia entrou moi tarde no capitalismo, cara a 1950, e realmente foise deixando levar sen aportar gran cousa a nivel colectivo, tanto nos novos patróns de consumo como no urbanismo e outros elentos significativos do novo modelo. Ao fin, entre os que emigraron fuxindo cara mellor vida, os recursos de supervivencia que proporcionaba unha sociedade "anticuada" -menos competitiva e individualista- que tiraba a autoabastecerse e, máis tarde, algunhas inversións públicas e privadas, fomos tirando, mantendo esa actitude adaptativa e amable que teñen as nosas paisaxes e as nosas xentes.Son plenamente consciente de que non cito excepcións e realidades que se interpuxeron neste proceso e que merecerían ser nomeadas, pero quero reducir informacións para conducir a unha pequena reflexión:penso que, a día de hoxe, e por moita propaganda que se tén feito e se fai sobre o mal chamado progreso de Galicia, seguimos tendo un papel semellante ao de sempre na construcción do mundo actual; ante esta realidade que eu plantexo, a sociedade pode continuar seguindo a corrente que lle impoñen desde fóra, ou tratar de modificar a realidade.

Se ocorre o segundo, só podo aceptar de Galicia ( repito: se é que existe), que non opte por ser unha sociedade máis expoliadora e destragadora do planeta do que o son as do seu entorno; preferiría, en cambio, que protagonizara un movemento solidario con aqueles a quen roubamos, e que tratara de impedir o estragamento sistemático da base material que sustenta a vida na Terra.


3 comentarios:

Anónimo dijo...

"Galicia entrou moi tarde no capitalismo, cara a 1950, e realmente foise deixando levar sen aportar gran cousa a nivel colectivo" ???!!!

Un pouquiño de historia non lle iría mal...

Nico dijo...

Como blogger sei quen é o autor e dígoche que non anda moi mal de Historia Económica de Galicia, pode ser que quen a teña que revisar sexas tí.

Anónimo dijo...

en 1950, o 90% da poboación de galicia vivía en núcleos de menos de 2000 habitantes, e adicada á pesca ou á agricultura...por dar algún dato, aínda que non é o obxecto do artigo dar clases, só era para contextualizar

o autor