jueves, diciembre 31, 2009

Papar e Vivir:




Hola amigos :

Paparevivir 2009

lunes, octubre 12, 2009

O Castelo de Edimburgo, unha viaxe na historia de Esocia


Vista xeral do Castelo e a rocha base


Vista dende unha torre


A entrada principal

Vista de Edimburgo dende o Castelo

O One O´Clock co gaiteiro antes do ritual

Vidro de William Wallace na capela de Santa Margarita
Non estivemos demasiado tempo en Edimburgo por un mal erro na miña planificación da viaxe, polo que quedaron moitas cousas por facer nesta cidade de conto. Aínda así puidemos facer a visita obrigada ao Castelo de Edimburgo que resultou ser unha das miñas mellores experiencias a un monumento histórico- artístico.
Moitas veces estas visitas poden ser insulsas e o único que fas e pagar por unha entrada, neste Castelo pagas por unha experiencia, non é barato , 20 euros, pero están ben pagados con audioguía incluída.
O Castelo de Edimburgo está situado nunha inmensa rocha de orixe volcánica, maxetuoso nese promontorio domina a cidade e permite unha ampla visualización da costa. Vese dende case toda a cidade , como o principal testigo da historia da urbe e de toda Escocia.
As súas orixes pérdense na noite dos tempos pero o seu estado actual comezou a forzarxe dende a capela de Santa Margarita no S XII e fundamentalmente a partires de 1367, dende aquelas son moitos os avatares que pasou este castelo dende asedios polos ingleses ata o nacemento do primeiro Rei de Escocia e Inglaterra, James VI.
O percorrido lévanos polos lugares máis destacados do Castelo empezando na súa porta de entrada do foso coas esculturas aos dous lados das figuras de Robert the Bruce, garante da Independencia de Escocia e William Wallace azote dos ingleses que penduraron a súa cabeza na London Tower. Xa no interior do Castelo subindo polas súas murallas empezase a desfrutar dunha fantástica perspectiva de Edimburgo coa Carlton Hill ao fondo e divisando todo o percorrido da Royal Mile.
As mazmorras
Porta de madeira dunha das mazmorras, cun gravado desexándolle a forca a un tal Lord Nord
Puidemos asistir ao disparo do One O´Clock que ven disparando a esa hora dende 1863 ou entrar na diminuta capela dedicada a Santa Margarita. Por todos os lados hai recoñecementos e exaltacións da historia escocesa, mesmo un pequeno museo adicado aos Royal Scots Greys do exército británico, forza de gran prestixio que nas películas bélicas sempre aparecen co seu kilt e as súas gaitas.
Encantoume toda a visita pero gustaronme especialmente as mazmorras e as súas historias, dende a recreación dos modos de vida dos presos, o trato que recibían (dietas, asitencia médica,etc) e a conservación das portas de madeira onde facían significativos gravados a machete.

Chimenea dun dos salóns principais
Actriz representando a historia do Castelo no Great Hall
Tamén hai un paseo polas zonas nobles do Castelo co Great Hall como lugar máis destacado . Mención aparte merece a Sala da Coroa coas xoias de Escocia , que durante a 2ª Guerra Mundial foron agochadas nun lugar secreto para evitar que puideran caer en mans nazis e como non A Pedra do Destiño , unha gran pedra utilizada para a cerimonia de coroación dos reis escoceses durante 400 anos que foi roubada polos ingleses en 1296 e devolta 700 anos despois.
En resumo, como podedes observar nas fotos, o Castelo de Edimburgo é unha visita obrigada e inexcusable se viaxades a Escocia, imprescindible tamén para coñecer a historia e as singularidades deste país.

jueves, octubre 08, 2009

Os últimos tomates e a primeira cabaza





Regalanme da casa de María algúns dos últimos tomates desta tempada, como podedes ver na foto, se pola súa cor e carnosidade xa meten fame que vos diría do sabor, unha auténtica marabilla, o verdadeiro e auténtico sabor do tomate que moita xente pode ter esquecido e algúns novos ata pode que non o probaran nunca.

Como podedes ver viñeron acompañados duns compañeiros pequeniños da variedade "cherry" e pola primeira cabaza da tempada, que non vale para comer por verde pero que é ben bonita.

Ante tal excedente de tomates tiven que poñerme mans a obra, e o primeiro foi facelos recheos de si mesmos con pouco chourizo ibérico fresco (magnífico, mercado no especial de Andalucía que está habendo nos Hipercor) e tapado con mozzarella e Grana Padano rallado. Non é unha grande invención gastronómica, pero si o suficientemente rico como para mollar pan ata non deixar evidencias do que había no prato.
O resto foi para unha boa salsa de tomate e algún reservado para comer fresco , que cun bo aceite virxe extra e un sal de categoría son unha verdadeira delicatessen.

martes, octubre 06, 2009

Algunhas estampas das Highlands







































Papar en Escocia


Ollando soprendido para as magníficas cigalas de Skye, Guinnes mediante


Detalle de The Witchery by the Castle


Fisherman´s Pie

Tradicionalmente consideramos o Reino Unido como un estado onde se come regular tirando a mal, a gastronomía británica non ten boa sona por estas terras e certamente sobran razóns para este argumento. Na viaxe a Escocia puiden apreciar que nese país a elaboración das comidas non é diferente a dos ingleses pero existen factores diferenciais que dan a oferta escocesa un punto interesante.
En primeiro lugar os escoceses comen peixe sen fritilo, é dicir, non todo son Fish & Chips, teñen moi bo salmón e o consumen ademais de mariscos moi interesantes. Podo dicir que na Illa de Skye comín unhas cigalas autóctonas impresionantes, xugosas e fresquísimas ,nada que envexar a algunhas das mellores de aquí, por un prezo moi bo, media ducia delas de bo tamaño non custaron máis de 10 euros, mirade a foto. Tamén probei o salmón en forma de Fisherman´s Pie (pastel de pescador) no fermosísimo "The Witchery by The Castle", un lugar único próximo ao Castelo de Edimburgo. Trátase dun local exclusivo pero que a mediodía ten menús máis económicos (Theather menu no tempo do Festival) que fan máis asequible desfrutar dun lugar encantador.

Logo en canto as carnes, Escocia é un lugar privilexiado. Son famosas as súas Angus e os seus T-Bones, a carne das "peludas" seica é moi boa pero moi cara pola súa escaseza e pequena talla; tamén destacan as carnes ovinas , años e cabritos, é certo que non hai tradición de comelos cando aínda son lechais pero son animais de gandeiría extensiva e de moi boa calidade. Tamén o venado cómese moito en época de caza e seica é moi bo, mesmo se comía ata non hai moito o "Capercaille" , a pita de monte que hoxe, tamén alí, está amezada aínda que non tan criticamente coma nestes lares.
Mención aparte merecen os almorzos, nun pequeno , barato e acolledor B&B chamado Roslyn House en Callander, 30 Qm ao Norte de Stirling, servironnos dunha tacada folgos para varios días , un almorzo bestial con alubias, patacas asadas , pastel de pataca, champiñóns, unha especie de criollo, tomate asado, morcilla, panceta...e como non Haggis, preparado tradicional escocés, vestixio de tempos de pobreza e aproveitamento, que é unha especie de embuchado cun remexido de vísceras de año (pulmón ,fígado, corazón...) mesturado con cebolas, fariña de avea, herbas , especias...unha combinación explosiva que pode parecer repugnante pero que é moi sabroso e cómese ben, iso si recomendo pequenas cantidades porque é un prato moi forte.

Polo tanto considero que a cociña esocesa non formaría parte da miña dieta diaria, pero ten productos interesantes de alta calidade que ben merecen ser degustados e de verdade se tedes a oportunidade probade os Haggis, non teñades medo
Pernil de año de Skye
Scottish Breakfast, no recipiente do fondo onde está a culler está o Haggis

lunes, octubre 05, 2009

A Illa de Skye e os lugares límite







Gusto de chamarlle lugares límite a sitios con certas cualidades comúns: alonxamento xeográfico pero abertos ao mundo , natureza salvaxe e arrebatadora, cun turismo limitado,sensación de liberdade, certo despoboamento, con historias de actividades delictivas case asumidas... En Galicia temos algún recuncho que podería entrar nesta cualificación , lugares como a Illa de Ons, certas zonas da Costa da Morte...
Gústame descubrir eses lugares porque sempre lles atopo certas similitudes aínda que pertenzan a países ou culturas moi diferentes. Nos últimos anos tiven a oportunidade de descubrir varios como Sodwana Bay no Índico sudafricano, no extremo suroriental do país, certos rincóns de Sao Miguel en Açores como Povoaçao e neste ano a Illa de Skye no Noroeste de Escocia.
Skye é unha fermosa e salvaxe illa pertencente ao arquipélago das Hébridas Interiores que linda coas Highlands escocesas. Chegar ata alí non é fácil, máis de 3 horas dende Edimburgo facendo un fermoso pero sinuoso percorrido polo que atravesamos as Highlands e lugares tan fermosos, como Stirling, Glencoe, Callander e moitos moitos lagos.

Para entrar en Skye hai que cruzar unha impresionante ponte en Kyle of Loclash deixando atrás 20 minutos antes o fermoso castelo de Eillean Donnan. Naquela paisaxe chea de canais un xa non sabe onde empeza e remata cada Illa e vemos como a medida que avanzamos cada vez hai menos casas e poboacións. Predominan as ovellas e aparecen as vacas típicas das Higlands as "hairy coo" ou vacas peludas ,en longas extensións dun verdor intenso con impresionantes montañas, hai que ter en conta que as montañas máis altas de Skye están moi próximas da liña de costa e chegan ata os 1000 m polo que a pesares de ser alturas pequenas chaman a atención pola súa maxetuosidade.
Os pobos son pequeniños, unha casa por aquí outra por alá pero sen alterar as formas doces. Nos non nos adentramos moito na Illa por falta de tempo pero puidemos descubrir unha paisaxe arrebatadora dende Broadford onde pasamos a noite. Skye está na mesma latitude que Ushuaia no hemisferio Sur como nos explicou un comerciante arxentino que vivía alí, polo que os invernos son moi duros aínda que non tanto como na Patagonia pola suavización da corrente do Golfo.
Pola noite no Pub local, entre cervexas e concerto Folk, falamos con ese arxentino que nos confesou que alí non era infrecuente o comercio un pouco alegal e contrabando, el mesmo relatou como compraba whisky en España para logo revendelo en Escocia pois era moito máis barato confirmandome máis aínda a unha das características habituais deses lugares límite.
Quedaronnos gañas de pasar máis tempo na Illa e descubrila mellor, visitar os dominios do Clan Mc Donald , achegarnos á capital Port Tree, ver focas , venados nas montañas...a verdade é que a Illa merece máis tempo e gustaríame ter a oportunidade de voltar algunha vez.
Aconsello que se algunha vez visitades Escocia e tedes tempo vos acheguedes a este lugar singular, vale a pena e teñen unhas deliciosas cigalas.






viernes, octubre 02, 2009

Josh Rouse, un luxo no Naútico de San Vicente

O que máis me sorprendeu do cartel deste ano no Naútico foi coñecer en directo a este rapaz americano que parece saído da biblioteca dunha Universidade da East Coast.
Penso que foi un luxo ter no Naútico a un artista que eu descoñecía pero que xa leva anos deixando a pegada do seu pop suave por escenarios de todo o mundo.
O seu concerto non foi moi longo pero si íntimo , con versións das súas cancións que me gustaron nalgún caso aínda máis que nos discos como o "Love Vibrations"cantado coa guitarra sen ampli entre o público, un momento único.
Este rapaz de Nashville nado no 1972 agora vive no Mediterráneo español e non escapa as influencias da súa vila natal pois se lle nota algo o country que leva dentro con toques a lo Rufus Wainwright e algo de Wilco.
Poño 2 temas un suaviño "Sweettie" e algo máis movido "Directions", tamén vos recomendo "Sad Eyes", "Quiet town" ou "Winter in the Hamptons"



Imaxes do Carnaval de Notting Hill



Dende logo non será como o de Río, pero a mañán que pasamos no Carnaval de Notting Hill en Londres demostrounos que aquelo era unha brutal e concurrida festa . Moita , moitísima xente, moita seguridade, ritmos latinos e africanos, algo de agobio pero divertimento e sorpresas aseguradas. Tamén unha certa dose de Sodoma e Gomorra.
Mellor ollar as imaxes.













Casa Blasquico, parada obrigada no "Valle de Hecho"




Sairamos de volta dende Torla xa a tardiña, rumbo cara o Oeste sen dirección fixa buscando nos maxestuosos vales pirenaicos unha parada e fonda onde recuperar forzas tras ascender o Monte Perdido e seguidamente darlle descanso ao corpo.
No camiño de Jaca a Pamplona decidimos darlle una oportunidade ao Valle de Hecho, caían lóstregos de seguido e a noite aínda que calurosa non era apacible polo que compría atopar canto antes unha pousada.
Chegamos a Hecho , capital dese fermoso val que pertence á comarca da Jacetania, e alí con certa fortuna atopamos Casa Blasquico/Restaurante Gabi (é a mesma casa) onde nos deron unha bonita habitación nunha fermosa casa tradicional e unha fabulosa cea , que colmou o apetito acumulado dos últimos días. O restaurante ten so 6 mesas e o seu comedor está cheo de lembranzas , detalles e flores, pode parecer algo recargado pero é confortable.

Deixámonos guiar pola amable camareira e de primeiro tomamos un magnífico Foie da zona, untuoso e sabroso, non esperabamos menos a escasos Qm de Francia. Logo continuamos coas especialidades da casa as Crepes recheas de setas dos bosques do Val e Verduras recheas.
As crepes eran unha delicia, o sabor dos cogumelos intenso pero sen chegar a transformarse en empalagoso , un prato, outra vez, de evidente influencia francesa ,que mereceu que non quedara nin unha pinga de salsa no prato.
As verduras recheas de carne garda a textura das diferentes hortalizas (berenxena, pataca, tomate , etc), ademais de ser unha obra de microinxeniería, pois non debe ser facil encher unhas cenouras como o fan eles, o que ven demostrar que nesa casa hai un amor evidente polos detalles e pola satisfacción do cliente.

Por último tomamos un chuletón para compartir, mala elección por sairnos das recomendacións, o tamaño non era de chuletón , a carne non estaba mala pero era para nos unha simple costeleta.

Finalmente os postres caseiros tamén estiveron a gran altura nunha magnífica cea, a pesares do erro do chuletón. Todo regado cun Enate crianza Cabernet do próximo Somontano, que é un viño dunha moi boa relación C/P. A conta foi de apróximadamente uns 40 € por cabeza, pero está claro que non foi unha cea frugal nin cara.
Logo houbo que dar un pequeno paseo polas empedradas rúas desa antiga vila, que contén fenomenais casas vellas de lousa e pedra con grandes chimeneas e balconadas formando un bonito consunto arquitectónico.
Despois de durmir,pola mañán cedo descubrimos outro dos segredos da vila, unha pandaderia-pastelería artesanal na que fan uns hoxaldres de mazá, que poucos doces tan bos probei na vida.
Por certo non so os pans e os pasteis sorprenden ao entrar nesa panadería, hai algún tesouro dourado máis...

miércoles, septiembre 16, 2009

VOLTANDO: A Ascensión ao Monte Perdido (3355m)







Xa estuvera non hai moito tempo en Ordesa, pero daquela so pasei un par de horas que me valeron para adentrarme nos seus camiños logo dunha gran nevarada que tinxia dun blanco esponxoso e intenso o fermoso val que da nome a este incrible Parque Nacional. Desta o obxectivo estaba claro subir e subir para tocar a máis senlleira cima de Ordesa e dos Pirineos, o Monte Perdido de 3355m.
O Perdido pola súa altura é a 4ª montaña da Península e unha das máis desexadas polos alpinistas da mesma, trátase dun tres mil ,polo que todo o respecto que se lle debe ter a unha montaña aumenta para aqueles ,que coma nos , non subiran polo seu propio pe máis alo dos dous mil e pico. Non é unha cima excesivamente técnica pois no vran e sen neve non se precisa de equipamento especial, so vontade, prudencia, saber o que se pisa e certa preparación física. Dende logo non recomendo tratar de subir a este tipo de montañas a quen non teña experiencia ou que polo menos se acompañe de algún experto que o guíe, calquera accidente , un esguince por exemplo, a esa altura xa case é un drama.
Nos atacamos o Monte Perdido pola ruta tradicional facendo dúas etapas. O percorrido acumulado total son arredor de 40 Qm e uns 22oo m. de desnivel, polo que se precisa un bo fondo físico.
A primeira etapa, a máis sinxela, iniciase na entrada do Parque Nacional a 1300m, e lévanos nun suave paseo por un dos máis fermosos lugares da Península Ibérica, o Val de Ordesa, un espéctaculo natural único construido ao longo de miles de anos de erosión das grandes montañas pirenaicas. Bosques espesos e variados como o máxico "hayedo-abetal" vannos acompañando e servindo de sombra e refresco a medida que van aparecendo ante nos variadas fervenzas ata chegar ao máxico lugar das Gradas de Soaso, onde o río percorre o val a pequenos saltos , un lugar inesquecible. Finalmente chégase a una campa , o Circo de Soaso ,na que o gando do vran confúndese coa cabaña humana que por miles de persoas invade Ordesa e chegan ata a famosa Cola de Caballo.





Aquí remata o paseo para os simples sendeiristas, para seguir xa fai falta máis preparación e vontade. Continuamos subindo polas Clavijas de Soaso , que cravadas na parede e coa axuda dunha cadea permiten salvar un importante desnivel de rochas verticais. A súa dificultade non é elevada pero para que non teña experiencia de subir por rochas se lle recomenda o camiño alternativo que vai facendo zig-zag, tampouco se recomenda se están moi molladas e esvaradizas e non se leva material axeitado. Iso sí os 15 Kg que se levan nas costas tampouco axudan moito.
Ao subilas a perspectiva do val é magnífica, so con chegar ata aquí (1800m.) un xa se sente reconfortado pero aínda queda un paseiño ata o Refuxio de Góriz, obxectivo do primeiro día.Alí xa so se atopa un con montañeiros , e os que baixan xa nos van informando das distancias e condicións da subida, por sorte por agora sen ningunha complicación.
Logo dunhas 5 horas xa chegamos ao refuxio situado a 2100m. Góriz no vran , para entendermos, é o Sanxenxo dos refuxios de montaña, está cheo non so para durmir, se non que toda a zona está chea de tiendas para vivaquear a noite. Ao chegar o que compre é refrescarse e alimentarse un pouco e pensar en como pasar a noite.
Non decidiramos durmir ao raso, sen subir a tienda, simplemente nuns bos sacos, as previsións meteorolóxicas non eran malas...pero na montaña todo se pode torcer: logo dunha opípara cea de fabada Litoral e tras unha tarde de sol, ao caer a noite van aparecendo unhas nubes ameazantes e xusto antes de escurecer por completo desátase unha violentísma tormenta polo que como case todo o mundo saímos correndo cara ao masificado refuxio atopando 2 sitios que non se ocuparon finalmente...
Centos de lóstregos, o ceo iluminado, auga caendo a caldeiros, o vento zoando sen cesar...moitas das tiendas non resisten e moita xente está pingando. Metemonos nun incómodo barracón de aspecto campo de concentración de 3 ringleiras de camas onde debemos estar durmindo unhas 50 persoas en 40 m2...que noite co ben que estabamos ao raso xa case durmindo.
O día aparece claro, son as 6:30h e decidimos almorzar e poñernos en marcha, empezamos seguindo a uns franceses...gran erro! facemos uns 6 Qm de máis e case chegamos á famosa Brecha de Roland, paso para os que tiran cara a Francia, decidimos voltar pero sen perder a altura xa gañada polo que exploramos unha ruta que finalmente e con moita sorte tras atravesar prados poboados de marmotas nos incorporamoa á dura senda que leva ao cumio.
Aquí xa estamos a un 2600m. e a cousa vaise poñendo dura, todo e pedra e xeo, algúnha `pequeniña campa con marmotas, pero certamente aquí non hai moita vida. Atravesamos á Ciudad de Piedra, subimos por algunhas cadeas e por fin chegamos ao Lago Helado, xa estamos a uns 3000m. pero queda a famosa Escupidera, o treito de montaña que máis vidas se leva cobrado, non por ser excesivamente dificultoso tecnicamente pero si por ser un lugar mo visitado.
A Escupidera é o máis duro da ascensión, a súa verticalidade, o chan (se non hai neve ou xeo) cheo de pedras que fanche descer a medida que tratas de subir, a cordal que se precipita ao vacío, a altura e o cansancio...precísase de moita prudencia e atención, non facer tonterias e ir pouco a pouco gañando altura. Moita xente que imos atopando acaba abandoando e calquera pode entender por qué, pero tras sufrir de verdade uns 50 minutos chégase ao fin do suplicio, xa so quedan uns metros dunha subida máis suave e por fin a cima.
Era un día claro, o espectaculo dos cumios pirenaicos é único, alí abaixo, moi abaixo o Val de Ordesa, os moitos "ibones", os neveiros...a persoal satisfación única de alcanzar a montaña máis grande subida, a recompensa do esforzo, a visualización de que "se queres podes".
Cando empezas o descenso vas pensando que tras a paliza levada non voltarás a subir alí, pero ao pasar os días xa non eres capaz de aseguralo. Hai quen di que baixar é máis duro que subir...ben non estou para nada de acordo, pero si é certo que esta é unha baixada de 2200m de desnivel e aproximadamente 20Qm polo que é normal chegar derreado ao final.
No descenso cóllenos unha nova tormenta pero empezamos a apurar polo que puidemos baixar as Clavijas en seco e toda a choiva descargada caeunos entre os bosques, de todos os xeitos rematamos empapados. Chegar ao fin faise moi moi longo, no segundo día percorrese máis do doble do segundo e as forzas xa van máis xustas.
Logo a esperar a coller o autobús para baixar a Torla e coller o coche para buscar un lugar onde darse unha boa cea homenaxe pirenaica e de seguro que atopamos un dos mellores.
Pouco a pouco segundo van pasando os días o cansancio desaparece e vaste decatando do feito alí arriba, pouco a pouco o corpo empeza a pedir de novo subir, quere máis desafíos, non todos poderán ser coma este pero non habemos tardar en facer outra ...e aínda que pareza un tópico, a pesares de que Edmund Hillary xa dera unha resposta simple, na cabeza sempre ronda a mesma pregunta , Por Qué?

viernes, agosto 21, 2009

En Setembro voltamos con forza












Neste verán fostes varios os que me expresastes as vosas queixas polo longo descanso do blog, de vez en cando compre tomar un respiro e neste vran falta me facía.

Agora coas pilas algo máis recargadas e supoño que dentro dun días máis, vou preparando cousiñas para voltar co forza.
Algunhas imaxes do que virá

martes, julio 28, 2009

Algo fresco para o vran: Tartar de bonito e augacates con tomates secos e pementas


O xa clásico tartar de bonito, o meu peixe favorito no mes de xullo. Para facelo é preciso picar miúdos os lombos de bonito e poñelos a marinar,nalgunha ocasión o teño marinado parecido a un steak tartar máis leite de coco, desta vez so cun pouco de vinagre de Xerez, salsa de soia , aceite virxe e sal.
Complementase co aguacate lixeiramente aliñado, os tomates secos en aceite de oliva virxe, unha pequeniña ensalada , servido cunha mistura de pementas (vermella, negra e Shechuan) que le dan un puntiño de aroma e picante e un pouco ceboliño da miña colleita.
Un prato lixeiro, san e moi nutritivo que sabe mellor logo dun par de horiñas na neveira.

As Tarabelas de Lalín



As fotos son da web da Tarabela



Celsiño nunha maxistral e amena lección na Tarabelateca

Tarabela é unha palabra galega que entre outras acepcións é un adxectivo usado para designar a unha persoa como algo toliña, pero dunha tolería máis ben simpática e revoltosa (inconstante e pouco serio nas súas accións, di o diccionario de Ir Indo). Tamén se utiliza como sustantivo para designar aos muiños de vento , por tal razón non deberiamos asustarnos cando escoitemos dicir que “ os nosos montes están cheos de tarabelas”como seguramente podedes escoitar en Zobra.

En Lalín, Tarabela ten máis referentes nesas dúas vertentes ou acepcións da palabra. Por un lado temos A Marela Tarabela (título dun libro de Neira Vilas), que é o nome que recibe hoxe en día a Biblioteca do IES Ramón María Aller Ulloa, un espazo dentro do Instituto cheo de vida, obra e actividades, non como nos tempos nos que os da miña xeración estudiamos nese centro . Todos nos lembramos da biblioteca reducida a carbonilla e acordome que tampouco é que se sentira moito, pois había quen non sabía que existía. Hoxe cambiou completamente co esforzo do persoal docente e dos alumnos, da gusto visitar o seu blog e ver todo o que fan.

E dende o pasado 18 de xullo, día de nefasto recordo histórico , estrease en Lalín unha Tarabela chea precisamente diso que foi suprimido nun día similar hai case 70 anos: Liberdade. A Tarabela de Lalín ven sendo un espazo aberto , sen ideoloxías predefinidas no que a expresión cultural vai tratar de ser o puntal dunha experiencia de convivencia e manifestación cívica da veciñanza .
Sen dúbida Lalín conta cunha extensa e recente historia de actividade cultural alternativa , baseada na necesidade de aportar expresións ante o tradicional deserto institucional da vila. Todo o mundo en Lalín coñece e recoñece a grande labor realizada por colectivos como O Naranxo (a súa páxina web ofrece un auténtico fondo documental sobre o tema), berce de iniciativas como A Algarabía e colaborador doutras como A Foliada da Asociación Berra! ,e veñen a cabeza de calquera nomes que levan anos e anos “na brecha” e que tamén teñen dado outros froitos como Viravolta, Seisdedos, o Focucu, iniciativas empresariais de base cultural como o Barriga Verde ou Nonsi e outras máis que non por non nomear deixan de ser importantes. Creo sinceiramente que con esta asemblearia Tarabela crease un espazo aberto ,común e interxeracional para que xurdan con naturalidade máis iniciativas como as referidas anteriormente , para que moita xente teña un oco, un recuncho onde libremente poida expresar as súas inquedanzas culturais e mesmo relacionarse doutro xeito cos seus veciños.

Como dicía Chispón, un dos impulsores do proxecto, “o primeiro era definir o lugar, a partires de aí A Tarabela será o que os seus socios decidan”, así que entre todos vai existir unha grande responsabilidade compartida dos logros que se vaian acadando , nun espazo que reinvindica a autoxestión como xeito de supervivencia.

Presenta A Tarabela un punto singular que pode pasar desapercibido: o seu espazo físico, xa que por primeira vez na historia recente un dos referentes culturais de Lalín será un local non oficial situado fora da parroquia principal, na veciña de Donramiro, onde seguro que os seu veciños se van volcar, máis do que o farían os do casco urbano tradicionalmente “máis durmido”

A inauguración foi ben recollida na prensa e so se precisa ver as fotos para decatarse de que o ambiente festivo e de convivencia marcou esa xornada, eu particularmente lamento non ter asisitido, pero sei que vou pasar moitas horas nese lugar xa que so basta con botarlle unha ollada ao programa dos vindeiros meses para saber que esta Tarabela empeza a xirar con forza e a cada volta xenera compromiso.
Actuación de Linho do Cuco

O eclipse de sol máis longo do século XXI


E nos non puidemos observalo, pois so foi visble en Asia Oriental. Tratouse dun eclipse total de sol que é un fenómeno escaso na escala de tempo humano. Millóns de persoas en todo o mundo o seguiron e directo . Algúns incluso viaxando dende Occidente para "cazalo" coas súas cámaras e telescopios solares, seguramente outros estaban asustados , pois xa é sabido que non están moi ben vistos polos profetas da apocalipse, lembro agora o ridículo de Paco Rabanne en 1999.
O momento álxido do eclipse e cando se cobre por completo e so asoma unha coroa de luz ao derredor, momento no que o resto do ceo ponse escuro e os ventos habitualmente comezan a zoar algo máis debido aos cambios bruscos nas radiacións solares e ao descenso térmico.
Vos deixo cun video dunha televisión xaponesa, breve pero onde se pode ver o máis importante, que se poida entender o que di a rapaza xa é outro cantar.
Aquí tedes tamén un enlace dunha infografía moi boa de eclipses de El País


Monte e Lagoa de Louro











Para min iste é unha das más arrebatadoras paisaxes do país, un lugar fermoso e unico. Na boca da Ría de Muros e Noia, un imponente monte de rocas graníticas garda ao seu carón unha pequena lagoa litoral bordeada por dunas e unha praia salvaxe dunha area branquísima . O contraste do areal cun mar de intenso azul fai o resto para debuxar unha paraxe dunha intensa beleza.
Non me canso de fotografiar esta zona de Galicia e sempre que a visito traio novas fotografías. Desta a novidade foi achegarme ata a lagoa para mirar os paxaros. Non teño moita idea, non son afeccionado a ornitoloxía pero estou seguro de que é un lugar valiosísimo pola súa riqueza faunística. No tempo que estuven alí quedei marabillado pola variedade de aves que vin, algunha de grande tamaño como unha garza? que vedes na foto, tamén había patos de moitísimas cores. O mellor de todo é paz e tranquilidade coa que marchas despois de pasar uns minutos ollando para un lugar tan singular e toda a vida que o arrodea, que siga así por sempre.

No vran: Xuntanzas amistosas e celebracións familiares




Moitos dos que len este blog son amigos ou familiares que o seguen de xeito habitual , por iso mesmo sempre me están a pedir que saque pois todo este tipo de xuntanzas e mesmo as veces se me poñen pesadiños, pero non hai que facerlle , teño que ser condescendente.
No vran son típicas as xuntanzas de amigos e as celebracións familiares, nestas dúas últimas fins de semana tiven un pouco de todo.
Hai 9 días fun á tradicional e xa anunciada aquí xuntanza de Muros , que coa xenerosidade dos amigos Sisi e Marcos Sierra converteuse e 2 magníficos de días de amigos ,risas e como non boas e moi ben regadas papatorias, a pesares do tempo indeciso puidemos tamén desfrutar do mar e da inmellorable paisaxe de Louro. Gracias a todos , que ben o pasamos, mágoa por Mónica.
Nesta última fun ao Bautizo da primeira filla de Reyes e Álvaro , Fernandita, que é unha neniña simpatiquísima , inquieta e parece que máis boa que a súa nai de pequena (aínda que non o pareza Reyes de nena era un demiño). Aos avós e tíos se lles cae a baba. A festa foi divertida, nun marco no que os asistentes nos sentimos moi cómodos ,coa praia ao lado e unha boa merenda na que non faltou unha pulpeira do Carballiño. Que ben o pasamos todos!!!.